A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 7 de agosto

O 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Encontro Os poetas e os seus libros. Participan: Xosé Luís Mosquera Camba, Míriam Ferradáns e Carlos Lixó. Modera: Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:00 h. Ana María Fernández asina Ring, ring!…quen rima?, na caseta de Hércules Edicións.
19:30 h. Eva Veiga asina na caseta de Lume.
19:45 h. Presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Mercedes Queixas, María Canosa e Fran Alonso.
20:00 h. Pedro Casteleiro na Libraría Azeta.
20:30 h. Presentación de Avante todas. O papel do feminismo despois do 8M (Revista Luzes). Con Manuel Rivas, Goretti Sanmartín, Ana Luísa Bouza e Claudia Morán.
21:15 h. Presentación de Galicia en bus de María Reimóndez, publicado por Xerais. A autora estará acompañada de Manuel Rivas, Eli Ríos, Emma Pedreira e Fran Alonso.

Ponteareas: actividades literarias destacadas na Feira do Libro para os 28 e 29 de xullo

O domingo 29 de xullo finaliza a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 28
18:00 h. Presentación de Rosaura e o mar, de Isabel Blanco, publicado por Belagua.
20:00 h. Presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, publicada por Xerais.
21:00 h. Presentación de Poesía (materiais para montar unha escena de cama), de Roi Vidal, publicado por Difusora.

Domingo 29
19:00 h. Presentación de Camiños, de Magín Blanco, publicado por Fol Música.
20:00 h. Presentación de Mirequelledigo. Crónicas dun filósofo tabernario, de Manoel da Costa Pardo, publicado por Meubook.

Ramón Nicolás: “Tiña moi claro que quería fuxir do saudosismo ao falar da relación entre Galicia e Arxentina”

Entrevista de Montse Dopico a Ramón Nicolás en Praza:
“(…) – Praza (P): A Noite dos lapis é un dos episodios da represión cometida pola ditadura arxentina. En 1976, varios estudantes de secundaria foron secuestrados e despois torturados e, a maioría deles, asasinados. Por que escolliches este feito para facer unha novela?
– Ramón Nicolás (RN): O argumento levaba dándome voltas desde había algúns anos e, indefectiblemente, está vinculado coa miña traxectoria docente. O trato cotián con adolescentes levoume a pensar o que podería ocorrer con aqueles que, comprometidos con problemas sociais e que viven o seu tempo con perspectiva crítica, se visen abocados á clandestinidade por mor dun cambio radical nun réxime ou nas propias estruturas políticas. Isto é, formuleime a sinxela, pero creo que non inocente pregunta nos días que vivimos, de “que pasaría se…?”.
E o que podería pasar foi o que xa pasou, isto é, a denominada “noite dos lapis” do 16 de setembro de 1976 en que a ditadura cívico-militar arxentina, obedecendo un plan sistematicamente deseñado para infundir o terror, secuestran, torturan e fan desaparecer un grupo de rapazas e rapaces. O encaixe histórico, por unha banda, estaba aí. Non nego que, ao tempo, resultou determinante unha viaxe veloz que realicei a Buenos Aires no ano 2012 por mor do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro: acumulei vivencias en apenas tres días que, tamén en parte, están recollidas neste libro. Da novela dixo María Xosé Porteiro na súa presentación en Vigo que era unha viaxe “cuántica”, no espazo e mais no tempo, e verdadeiramente hai moito diso, no plano histórico e no da memoria particular e colectiva.
– P: Cando lía o teu libro, pensaba en Meu pai vaite matar de María Xosé Queizán, entre outros títulos que, a partir da ligazón entre Galiza e América, optan por contar historias acontecidas alá, en América, é dicir, pola historia dos nosos “outros”, que tamén é a nosa. No teu caso, escolles un tempo de ditadura en España e en Arxentina, pero optas por contar un caso de represión alá. Por algunha razón especial?
– RN: Na novela fago confluír experiencias duras aquén e alén mar aínda que o peso maior descanse nas vivencias na Arxentina. Hai multitude de conexións entre Galicia e Arxentina e no libro deixo moitas pistas sobre algunhas delas que só están, á mantenta, suxeridas e o que sempre tiña moi claro é que quería fuxir do saudosismo cando se fala da relación entre Galicia e Arxentina. Mais a razón de que a proposta se derive ao lado americano talvez descanse no que respondía na primeira pregunta, na admiración que sinto por un país como Arxentina que acubillou aos nosos exiliados e a milleiros de persoas emigrantes e tamén polo feito de que, con todos os problemas e atrancos que houbo, a xustiza tomou cartas no asunto tras a conclusión da ditadura: a sociedade civil gañou unha batalla e eu quería pór o acento neste feito.
Quería, por inmanencia, salientar que tras recorrentes reivindicacións se conseguiu xulgar aos responsables dunha represión brutal, dun verdadeiro xenocidio. Esta resposta aquí non a houbo e se cadra esta é unha das explicacións a tantos problemas e conflitos que había moitos anos debían de estar resoltos. Dalgún xeito aquela “transición intransixente” como a chamaba Lueiro Rey, aquela restauración borbónica ou como se lle queira chamar deita unha sombra mesta no presente.
Por outro lado, cómpre non esquecer: o cultivo da memoria, do que pasou, é algo modélico en Arxentina e remito tan só á existencia de dous símbolos como son o Parque da Memoria bonaernse ou o Espacio Memoria y Derechos Humanos (Ex-Esma), por exemplo, mentres aquí seguimos a falar do que acontecerá cos restos do ditador ou da usurpación do Pazo de Meirás sen cuestionarse a legalidade da Fundación Francisco Franco, sostida con cartos públicos, ou por citar outro exemplo esa pretensión de converter a illa de San Simón nun espazo lúdico cando, particularmente, non imaxino mellor lugar para erixir un verdadeiro espazo da memoria da represión que se deu en Galicia desde xullo de 1936. (…)”

Ramón Nicolás recrea a memoria de Galicia e Arxentina e a represión das ditaduras en Lapis na noite

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Quixen establecer certo paralelismo, unha reflexión sobre acontecementos que estamos a vivir no noso tempo”. Ramón Nicolás recrea a memoria de Galicia e Arxentina e a represión das ditaduras na súa novela Lapis na noite. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 5 de xullo

A quinta feira 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Anxo Fariña asina exemplares de Os Megatoxos e a batalla de Rande, entre outros libros, na caseta da Libraría Cartabón.
19:00 h. Fran Alonso asina Street Poems e outros libros na caseta de Secretaría.
19:00 h. Tokio asina Gol na caseta da Libraría Cartabón.
19:45 h. Presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Fran Alonso e María Xosé Porteiro.
20:00 h. Marta Dacosta asina exemplares de Labirinto ou memoria, publicado por Caldeirón, na caseta da Libraría Cartabón.
20:30 h. Presentación de Alma e o mar, de Francisco X. Fernández Naval, publicada por Galaxia. Acompañarán ao autor Antonio García Teijeiro e Ismael Ramos.