Escenifican as semellanzas entre a escola do franquismo e a que pretende a LOMCE

Desde Sermos Galiza (a foto é deste medio de comunicación):
“Un anel de chumbo que o profesor poñía no dedo ao neno que collía falando galego. Un anel que este neno tiña que ‘pasar’ a aquel compañeiro ou compañeira de escola que atopase falando galego. E así sucesivamente. O neno que chegase o final do día con ese anel, tiña que pagar un peso de multa. Esta foi unha das historias reais que o premio Nacional de Literatura Xabier P. DoCampo viviu en carne propia e que esta cuarta feira contou durante o acto da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
O acto decorreu no Museo Pedagóxico de Galiza e tiña unha intencionalidade clara: escenificar as semellanzas entre a escola do franquismo e a que pretende a LOMCE, ‘actualizándoa’ para o século XXI.
Xabier DoCampo resaltou o doado que é comparar a LOMCE co ensino no franquismo. “Era unha escola que se centraba na Relixión, que era o elemento central arredor do cal xiraban todos os saberes”, explicou. Coa LOMCE refórzase a confesionalidade e chegamos ao absurdo -engadiu- de que haxa compañeiros que sexan sancionados por negarse a partipar en actividades relixiosas.
“Chegabamos todos falando galego mais a única lingua que existía, desde que entrabamos pola porta, era o castelán”; e a segregación “brutal” que sufría o alumnado foi outra das experiencias narradas polo mestre e escritor. O clasismo, a xerarquización, o autoritarismo e a masificación das aulas foron outros aspectos que repasou o escritor durante a súa intervención nunha das aulas do Mupega. (…)”

A Federación Galeusca reafírmase na súa oposición á LOMCE

Desde Sermos Galiza:
“Trinta anos despois da primeira xuntanza das asociacións de escritores e escritoras catalá, vasca e galega, a Federación Galeusca reafirmou en Pontevedra a súa vontade de apostar polas literaturas das tres nacións, en especial, pola escrita infantil e xuvenil, tema do encontro anual do que, desta volta, era a AELG anfitrioa. Nas conclusións da Asemblea anual, a Federación reafirmouse nos contidos do comunicado aprobado no mes de marzo no que mostraban a súa oposición á LOMCE por ser “unha lei que resta estatus educativo aos nosos idiomas propios e oficiais, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións”. Nun dos puntos das conclusións aprobadas na Asemblea, manifestan o “seu carácter regresivo e recentralizador é visible nos decretos que se están aplicando en Galicia, País Valenciá e Illas Balears” e solidarízanse coas mobilizacións desenvolvidas nos tres territorios con linguas propia.
Despois de dous días de debates e posta en común, a Federación Galeusca sinalou a necesidade de apostar por unha literatura infantil e xuvenil “viva, visibilizadora, cohesionadora, formadora de valores, superadora de estereotipos e prexuízos, arraigada no imaxinario propio e na expresión lingüística dos nosos respectivos territorios, que axude a interconectarnos con outras culturas”.
Literaturas “acosadas”
“A nosa consciencia das alertas e ameazas da barbarie negadora e desposuidora dos valores que acosan as nosas literaturas; despois de debater e compartir reflexións sobre as distintas problemáticas, constatamos e renovamos o compromiso ilusionante de continuar co noso labor creador a nivel individual e como colectivo interrelacionado cos outros sectores culturais e sociais”, defenderon, nun comunicado final que fixeron público como conclusión dunhas xornadas que xuntou en Pontevedra representantes das literaturas galega, vasca e cataláns, en especial con dedicación á escrita de públicos de menor idade.
Alertaron tamén, dunha reforma da Lei de Propiedade Intelectual que estableza novos recortes aos dereitos de autores e autoras que afectan, de maneira especial, á entidade de xestión CEDRO, “cuxa continuidade se ve seriamente afectada”.
O presidente da asociación catalá, Guillem-Jordi Graells será o novo responsábel máximo da Federación, despois da Asemblea de Pontevedra.”

Jurjo Torres Santomé: “A LOMCE é a lei educativa que gostaría de ter aprobado Thatcher”

Entrevista a Jurjo Torres Santomé en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cal é a xustificación da LOMCE?
– Jurjo Torres (JT): A LOMCE non ten xustificación. Só se achegaron o que eles denominan “comparacións internacionais” que fai a OCDE, o informe Pisa. Porén, esa é unha organización que ten uns intereses moi concretos: promover o desenvolvemento económico.
Non se persegue o desenvolvemento integral da persoa. As materias que poderían axudar a conquerir tal obxectivo vanse varrendo do currículo: Educación para a Cidadanía desaparece; Ética muda de nome e pasa a ser optativa fronte a Relixión; e Filosofía é optativa en todos os niveis agás no bacharelato. En que momento o alumno vai aprender que é a democracia ou que é a igualdade? E agora a última proba de Pisa que nos introduciron: a Educación Financeira. (…)
– SG: Preténdese desdebuxar a realidade, convencer de que non existen outras linguas distintas do castelán, dunha maioría ultrarrelixiosa e conservadora, de que non hai desigualdades sociais?
– JT: As desigualdades sociais vai ser moi difícil velas cando na escola convivan só os fillos das familias de ben. A pobreza estará aí, mais será lonxe, nalgún país africano, e o sistema educativo non vai ensinar a entender por que túa nai ou teu pai foron despedidos do emprego. Pisa lévanos cara ás materias onde esa realidade non existe. Dinnos que temos que comer para estar sans, mais non se analiza por que hai uns señores empeñados en envelenar tales alimentos para obter un rendemento económico, poño por caso.
A educación debe ensinar por que a realidade é como é, non presentar só uns contidos para pasar de curso. Porén, hai un medo terríbel a que o alumnado entre en contacto con coñecementos que contradín verdades oficiais e van evitalo colocando até avaliacións externas para que aquel profesorado que se rebele non poida ensinar outra cousa. Sobre o papel está moi ben pensado. Agardo que na práctica lles estoure na cara. (…)”.

O mundo das literaturas galega, éuscara e catalá rebélase contra a españolización do ensino

Desde Sermos Galiza:
“O mundo da literatura das tres nacións asinan de maneira conxunta un comunicado en que mostra a súa “preocupación ante o reforzo intencionado da vontade política de restar status educativo aos idiomas galego, éuscaro e catalán”. Denuncian que as tres linguas nacionais “deixan de estar en pé de igualdade co castelán como materias troncais, que si manteñen a lingua castelá e a primeira lingua estranxeira, para pasar a ter a mesma consideración que unha segunda lingua estranxeira, nunha posición xerárquica inferior á que se lle concede á materia de Relixión”.
As tres asociacións, reunidas na Federación de Asociacións de Escritores Galeusca, sinalan que o segundo anteproxecto da LOMCE foi aínda a peor e supón “non só a falta de respecto ás linguas e culturas nacionais do Estado español, senón o desprezo que lles merecen aos seus redactores, pondo en evidencia a súa obsesión por, como recoñeceron, españolizar a infancia e a mocidade dos nosos territorios nacionais”.”

Comunicado da Federación Galeusca de Asociacións de Escritoras e Escritoras en linguas galega, éuscara e catalá sobre o segundo anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE)

O compromiso público coa cidadanía que a Federación Galeusca asumiu desde a súa fundación, obríganos a pór en coñecemento da sociedade a nosa preocupación ante o reforzo intencionado da vontade política de restar status educativo aos idiomas galego, éuscaro e catalán, propios e oficiais de Galiza, Euskadi e Paisos Cataláns, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións, sexan estas de ficción ou de ensaio e investigación.
Constatamos a incoherencia da teorización recollida na exposición de motivos do anteproxecto de LOMCE e, por tanto, a inviabilidade da súa concreción educativa no futuro formativo do alumnado, ao pretender defender como alicerce deste novo regulamento a calidade educativa desde o reforzo de valores, competencias e coñecementos no alumnado do Estado, marxinando e restando espazo de aprendizaxe activa á diversidade lingüística e cultural que sustenta o Estado español e que reafirman os nosos limitados e insuficientes Estatutos de Autonomía.
Entendemos que non pode avanzarse na mellora da calidade de aprendizaxe global do individuo se se prescinde ou limita a súa capacidade para coñecer e recoñecerse no seu contorno, marcado pola heteroxeneidade e a diversidade lingüística e cultural; democracia, respecto, solidariedade e equilibrio son palabras que perden, con esta filosofía segregadora que o anteproxecto de LOMCE ampara, o seu valor e centralidade máis profunda.
Resulta imposible defender a necesidade de formar unha sociedade aberta, plural, global e participativa, capaz de desenvolver ao máximo as capacidades de cada persoa se, partindo dunha estratificación a tres niveis das materias que se imparten nos currículos, as nosas linguas deixan de estar en pé de igualdade co castelán como materias troncais, que si manteñen a lingua castelá e a primeira lingua estranxeira, para pasar a ter a mesma consideración que unha segunda lingua estranxeira, nunha posición xerárquica inferior á que se lle concede á materia de Relixión.
Neste sentido, consideramos que este segundo anteproxecto empeora substancialmente o primeiro borrador da lei presentado no seu día, o que evidencia non só a falta de respecto ás linguas e culturas nacionais do Estado español, senón o desprezo que lles merecen aos seus redactores, pondo en evidencia a súa obsesión por, como recoñeceron, españolizar a infancia e mocidade dos nosos territorios nacionais.
Cremos que a vontade que recolle o documento de querer elaborar unha reforma educativa «sensata, práctica, que permita desenvolver ao máximo o potencial de cada alumno» contradise na interpretación da cuestión propiamente plurilingüe que caracteriza o Estado español e na posta en valor e protección de garantía de futuro para as diferentes linguas cooficiais que a Constitución obriga.
É por iso que, tras a lectura deste anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa, trasladamos á cidadanía a nosa preocupación pola progresiva deterioración tanto do prestixio social como do acceso ao dominio oral e escrito das nosas linguas para as xeracións máis novas, e esiximos aos responsables que retiren este borrador e traballen, desde a capacidade de diálogo e negociación precisa coas partes afectadas, nunha nova redacción consecuente coa realidade plurilingüe española, onde se recoñeza a capacidade de todas as linguas oficiais do Estado para crear habilidades cognitivas, enriquecer competencias transversais, ampliar o pensamento crítico, xestionar a biodiversidade natural e fomentar as destrezas creativas e a capacidade de comunicar e entenderse desde un eu que respecta ao outro.

En consecuencia,

a) A Federación Galeusca manifesta a súa radical oposición ao segundo anteproxecto de LOMCE presentado polo Ministerio de Educación. Esta oposición baséase no tratamento que o anteproxecto dá ás nosas linguas e ás nosas literaturas, un tratamento que traduce o desprezo por elas e a intención de reducir a súa presenza e valoración social, nun camiño que só conduce a unha situación aínda máis desfavorable e minorizadora.
b) Denunciamos a obsesión españolizadora e negadora das diferentes realidades que se fai patente tamén no atrevemento a financiar con fondos públicos o descoñecemento da lingua propia, arbitrando que cando os pais así o decidan será a administración autonómica quen teña que financiar unha formación allea á nosa lingua e que, por tanto, estaría a incumprir a nosa lexislación.
c) Desde a Federación Galeusca convocamos os gobernos galego, vasco, catalán, valenciano e das Illas, a analizar o verdadeiro significado da lei e esixir que non se invadan as competencias da Xunta de Galiza, do Goberno vasco, da Generalitat e dos Paisos cataláns.
d) A Federación Galeusca apoiará as reivindicacións cidadás que se promovan para reclamar a retirada deste anteproxecto, pois de manterse significaría avanzar na deterioración dos nosos idiomas até tempos predemocráticos.
e) As escritoras e os escritores da Federación Galeusca non podemos aceptar que quen ten a responsabilidade de gobernarnos actúe desta forma contra as nosas linguas, sen atender á realidade sociolingüística de cada territorio e pondo obstáculos a unha política lingüística normalizadora que debe marcarse como primeiro obxectivo frear a perda de falantes entre as xeracións máis novas.
f) A Federación Galeusca fai unha chamada á participación da cidadanía nas mobilizacións que se convoquen en defensa dos nosos idiomas.