Lugo: homenaxe a Jesús Pérez Regueiro

Vaise levar a cabo unha homenaxe a Jesús Pérez Regueiro, responsábel da Galería/Librería Sargadelos de Lugo, grande espazo cultural da cidade. O acto está promovido pola Asociación Cultural Ágora Lugo e respaldado por múltiples persoas, asociacións culturais e outros colectivos que sempre tiveron na Galería Sargadelos e en Jesús os mellores colaboradores. O vindeiro 15 maio (data elixida polo homenaxeado por ser próxima ao Día das Letras Galegas) no Salón Rexio do Círculo das Artes terá lugar o evento lúdico/cultural coa participación confirmada de varios poetas, escritores, actores e músicos da nosa cidade. A continuación haberá unha cea para os que desexen acudir. Poden contactar coa organización neste correo electrónico ou nos teléfonos 655 273 193, 609 255 115 ou 666 916 020.

A AELG lembra a Rosalía cunha lectura pública da súa obra

Co gallo do Día de Rosalía, o vindeiro mércores, 24 de febreiro, a AELG organiza unha lectura pública simultánea nas seguintes cidades do país:

A Coruña, ás 18.00, Xardíns de Méndez Núñez, Monumento a Curros Enríquez

Ferrol, ás 18.00, na Praza do Himno Galego

Lugo, ás 18.00, Rúa Nóreas, a carón da casa que fai esquina con Rúa San Pedro, onde viviu ROSALÍA DE CASTRO entre 1864 e 1868 (hai unha placa indicativa).

Pontevedra, ás 18.00, onde a estatua de Castelao

Santiago, ás 17.30, onde a estatua de Rosalía, no Paseo da Ferradura

Vigo, ás 19.00, no nº 12 da Rúa Real, onde a tipografía de Juan Compañel

Podedes consultar neste mapa a ubicación exacta dos diferentes lugares.

Lugo: presentación de Mercurio de Emilio Alonso

Mañá mércores 11 de novembro preséntase en Lugo a novela Mercurio de Emilio Alonso, Premio La Voz de Galicia 2008. O acto contará coa participación de Manuel Bragado e Emilio Alonso e comezará ás 20,00 horas no Salón de Actos do IES Lucus Augusti, Avda Rodríguez Mourelo, s/nº de Lugo. Pola mañá, ás 13,30 horas, terá lugar un encontro entre Emilio Alonso e parte do alumnado do IES Lucus Augusti.

Lugo: II Xornada de Literatura oral

Os días 16 e 17 de outubro vai ter lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo a II Xornada de Literatura oral arredor da figura do lobo, O mito que fascina. Intervirán como relatores Xabier P. Docampo, escritor, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil; Antxon Gómez Lorente, escritor, garda de montes do Parque Natural de Pagoeta; Alberte Reboreda, arqueólogo, técnico de Patrimonio Cultural, e X. Luis Garrosa Gude, escritor, profesor e investigador da literatura oral.

Lugo: Teresa Moure no Madia Leva!

Teresa Moure inaugura as xornadas feministas Saude, mulher e direitos reprodutivos no Centro Social Madia Leva! De Luego. Mañá venres a partir das 20:30 Teresa Moure impartirá a conferencia O natural é político, na que falará da saúde ambiental e da importancia de que se poñan os coñecementos técnicos e científicos ao servizo dos ecosistemas e dos seres humanos e fará unha aposta pola liberdade animal, pola desobediencia civil e pola ecoloxía como unha estratexia de liberación nacional.

Lugo: conferencia de Celso Álvarez Cáccamo

No Centro Social Madia Leva! continuan os actos do Mês da Língua. Este xoves 4 de xuño Celso Álvarez Cáccamo pronunciará a conferencia A crise da língua e a lógica do Capital, na que falará sobre o conflito lingüístico, o significado do uso do galego como extracción de clase e o seu significado de resistencia cultural e política, aplicando para o caso galego os conceptos ‘capital cultural’, ‘mercado’ e ‘submercado’ de Bourdieu.

Celso Álvarez Cáccamo (Vigo, 1958) é escritor, sociolingüista e profesor titular de Linguística Xeral na Universidade da Coruña. Entre 1975 e 1990 estudou e morou em Compostela, Barcelona, Buffalo (EUA) e Berkeley (EUA). Doutor en Filoloxía Hispánica, a sua tese de doutoramento, The Institutionalization of Galician: Linguistic Practices, Power, and Ideology in Public Discourse, foi presentada na UC Berkeley. É administrador da páxina Versão Original e da revista çopyright: pensamento, crítica e criação.

Lugo: conferencia de José Manuel Barbosa

No Centro Social Madia Leva! (Rúa Amor Meilán 18, Lugo) continúan os actos do Mes da Lingua. Hoxe xoves 28 terán como convidado a José Manuel Barbosa, historiador e membro do consello de AGAL, que impartirá unha palestra titulada A lingua galego-portuguesa no mundo. A matriz galega. Nela tratará distintos temas como a aparición da língua galego-portuguesa no noroeste peninsular, a súa situación anterior á entrada do latín, a situación lingüística durante a Baixa Idade Media e a súa dimensión nacional e internacional. Será a partir das 20:30.

Lugo: conferencia do académico Carlos Varela Aenlle

No Centro Social Madia Leva principia o ciclo de conferencia dentro dos actos da Mes da Lingua. Este venres 22 de maio ás 20:30 Carlos Varela Aenlle, académico da RAG e presidente da Asociación Abertal do Eo-Navia, falará da situación do galego en Asturias.

A Asociación Abertal do Eo-Navia vén de sacar á luz un informe lingüístico que reivindica que o galego é a lingua que se fala neste zona limítrofe entre Galiza e Asturias. Nel faise unha comparanza co galego e o asturiano e vese que as falas eonaviegas teñen un 86% de proximidade co galego. A nosa lingua na comarca do Eo-Navia sofre os continuos ataques da Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) que identifica identidade con lingua e asegura que as falas eonaviegas son asturiano. Carlos Varela denuncia que o asturianismo actúa como un boicote. Esnaquiza calquera cousa referida á cultura galega como a gaita ou a mitoloxía. Todo o que ula a galego estase a eliminar. Esta persecución vese alimentada tamén por medios como La Nueva España. Abertal ten como fin a consecución da cooficialidade da lingua galega de Asturias como riqueza indiscutíbel do patrimonio cultural asturiano e a súa vez servir de ponte e instauración de relacións con todo o mundo cultural galego-portugués do que sen dúvida se considera e fai parte.

A conferencia celebrarase este venres 22 de maio ás 20:30 no Centro Social Madia Leva! (Rúa Amor Meilán,18, Lugo).