Taboleiro do libro galego (verán e outubro 2017)

Desde Cicloxénese Expresiva:
“Aquí vos traemos a listaxe de libros máis vendidos dende o verán. Podedes consultar as entradas anteriores no Caderno da Crítica e nesta propia páxina.

Para a elaboración deste taboleiro participaron as seguintes librarías: Trama, Cronopios, Andel do libro, Miranda, Paz, Lila de Lilith e Chan da Pólvora.

Narrativa

  1. Os fillos do lume, de Pedro Feijoo. Editorial Xerais.
  2. Luns, de Eli Ríos. Edicións Xerais.
  3. Izan o da saca, de Xabier Quiroga. Edicións Xerais.
  4. Manual básico de Hostalería, de Patricia A. Janeiro. Edicións Positivas.

Poesía

  1. Antoloxía da poesía galega próxima, de María Xesús Nogueira. Chan da Pólvora editora e papeles mínimos ediciones.
  2. Suicidas, de Francisco Cortegoso. Chan da Pólvora Editora.
  3. Nomes de fume, de Míriam Ferradáns. Espiral Maior.
  4. Moda galega, de María Reimóndez. Edicións Positivas.

Ensaio

  1. Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, de Xosé Álvarez, Judith Carbajo, Ana Cebreiros e Xosé Ramón Ermida. Sermos Galiza.
  2. Unha ducia de galegos, de Víctor Freixanes. Editorial Galaxia.

Xuvenil

  1. Os nenos da varíola, de María Solar. Editorial Galaxia.
  2. Pippi Mediaslongas, traducido por David A. Álvarez. Kalandraka S.L.
  3. 22 segundos, de Eva Mejuto. Edicións Xerais.
  4. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas. Edicións Xerais.

Infantil

  1. A que sabe a lúa?, traducido por Carmen Barreiro. Kalandraka S.L.
  2. De que cor é un bico?,  de Raquel Bonilla. Algar Editorial.

Libro CD-DVD

  1. Canta connosco!, de Migallas Teatro e Óscar Villán. Kalandraka S.L.
  2. Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso e ilustracións de Luz Beloso. Nova Galicia Edicións.
  3. Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas. Editorial Galaxia.

Banda deseñada

  1. Floreano. Alúganse borrachos para festas, de Gogue. Editorial Xerais.
  2. Ardalén, de Miguelanxo Prado. El patito editorial.”

Eli Ríos: “Luns é unha novela visceral, chea de sentimento e de moitas historias de mulleres”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Eli Ríos fala da súa novela Luns, gañadora do Premio Torrente Ballester. A escritora fai un duro retrato da vida dunha muller enferma de cancro. A súa prosa debuxa unha loita frenética e visceral contra o avance inexorable da morte. Nesta tensión, a protagonista revisa non só as razóns da súa existencia, senón tamén a súa condición de muller. Pode verse aquí.”

Eli Ríos: “Procuraba unha obra que chegase directamente ao hipotálamo”

Entrevista de Belén Bouzas a Eli Ríos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A protagonista da túa primeira novela é Nerea, unha muller de trinta e sete anos, funcionaria, casada, con dúas crianzas e casa propia. O detonante da novela é o diagnóstico de cancro, dous meses de vida por diante e mil cousas por facer.
– Eli Ríos (ER): Luns tenta ser un reflexo da vida diaria. Tenta ser un espello no que mirarnos e no que analizar a nosa sociedade. Unha sociedade que esquece o tempo dos coidados, esquece a xente que necesita algo máis alá das leis que despois non se aplican. Estoume referindo á conciliación, estoume referindo aos coidados, estoume referindo a que parece que unha muller que teña un diagnóstico de cancro ten que seguir traballando. E isto non é que o diga Luns, é que o vemos na prensa, por exemplo, co caso da mariscadora que obrigaban a traballar. Son sentenzas e son sentenzas xudiciais, é dicir, que por moita lei que teñamos, se as persoas encargadas de aplicala non teñen un mínimo de formación sobre o xénero, mal andamos.
– SG: “Vou morrer”, así comeza Luns… Coa crueza dun diagnóstico de cancro.
– ER: Temos unhas leis que nos están dicindo que todo vai ben, mais que despois non se aplican. O mesmo acontece coa medicina. Se nós imos a un hospital e se está falando sobre o doente, o enfermo, estamos esquecendo que quen sofre é unha muller. Estamos esquecendo que nin sequera temos ese mínimo de respecto. E isto vai a todos os niveis. No momento en que comezamos e imos na narración dámonos conta do espello do que falabamos antes, dámonos conta de que ás mulleres nos tratamentos médicos ou se nos trata cunha condescendencia que resulta realmente ofensiva ou trátasenos cunha frialdade como se fose o máis normal do mundo. E isto contrasta moitísimo, por exemplo, con outros diagnósticos que se fan nos homes, cando alguén fala sobre un cancro de testículos parece que acabou o mundo. Cal é a diferenza entre un órgano e outro? Un home pode pedir unha baixa por un cancro de testículos pero unha muller ten que ir recoller as crianzas á saída da escola, unha muller ten que rogar que por favor lle permitan o acceso a unha perruca ou a unha prótese… Entón, estamos nuns procesos médicos que si, contan cuns grandes avances, non podemos xeneralizar, pero debemos reformularnos para que estas cousas cambien, debemos ter dereito as mulleres a dicir “estou enferma, teño cancro”. E o que procura esta novela é que reaccionemos. Non poñamos un emoji no Facebook ou un “síntoo moito”. Non. Imos facer cousas en realidade, imos botar man en realidade. Por iso o que procuraba con esta narración visceral é unha obra que chegue directamente ao hipotálamo. É dicir, reacciona.”