Aurora Marco: “As mulleres ocuparon a posición subordinada que tiñan na familia cando se incorporaron á escena profesionalmente”

DesdeAurora Marco Magazine Cultural Galego, por Montse Dopico:
“Cando as mulleres se incorporaron á escena profesionalmente, ocuparon a mesma posición subordinada que tiñan no ámbito familiar e social, aínda que a propia natureza do oficio, posibelmente creou espazos de liberdade na súa vida privada e posibilidades de certo recoñecemento profesional, vedado ás mulleres doutras profesións. Este é un dos datos que a profesora e escritora Aurora Marco achegou na súa intervención nas xornadas Mulleres en Acción da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
Marco, que recibiu o IV Premio Mulleres en Acción pola súa traxectoria investigadora, repasou a historia da progresiva incorporación das mulleres ás artes escénicas en Galicia antes do golpe do 36. A partir de 1587, explicou, a lei comezou a permitir o que ata entón prohibira: a presenza de mulleres nas táboas, malia que limitada ás actrices casadas con actores da mesma compañía. A regulamentación posterior moveuse na mesma liña: podían actuar as mulleres casadas ou menores se formaban parte das compañías dos seus homes, pais ou titores. As solteiras maiores de idade ou viúvas podían traballar soas.
Entre os séculos XVII e XVII, -continou Marco-, tres actrices nadas en Galicia actuaron polos teatros máis importantes do Estado. Eran Manuela Vázquez, actriz, cantante e directora/empresaria dunha compañía fundada por seu pai, Antonio Escamilla. Outras mulleres chegaron ao teatro tras teren exercido como criadas de actrices ou actores, como fixera Catalina Sánchez, que traballara para Ángeles Barba. Tamén Sebastiana Pereira se dedicou ao teatro, salientando na traxedia e no drama. De moitas outras actrices de entre os séculos XVI e XVIII, -sinalou Marco-, non nos quedou memoria. (…)
A intervención de Marco foi confluente ademais coa investigación da tamén profesora Laura Tato, que estudou casos como o de Noelia Rosfat ou Obdulia Rodríguez. A primeiros dos 20 produciuse un enguedellado conflito interno na Irmandade da Fala da Coruña pola actuación de Pilar Suárez en Donosiña de Xaime Quintanilla, que tocaba un tema tabú, o adulterio feminino. Na ditadura de Primo de Rivera, Herminia Fariña foi utilizada, segundo Tato, polo poder, é probable que para neutralizar a posible recuperación dun teatro menos folclórico. A carreira artística destas mulleres era fugaz. O cal indica presións familiares para que abandonasen.”

Cris Pavón: “Retomei o vampirismo para revivir o seu espírito transgresor nunha clave contemporánea”

EntrevistaCris Pavón de Montse Dopico a Cris Pavón en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): O relato que lle dá título ao libro, Á busca da orixe perdida das especies, fala de Proust e da loita contra o tempo. Da arte como medio de superar o tempo. E este é un dos fíos de todo o libro. En que sentido?
– Cris Pavón (CP): Iso da arte como medio para superar o tempo son palabras de Proust. Eu falaría máis ben da arte como un xeito de coñecemento diferente á ciencia, complementario se queres. E ese relato que dis busca establecer paralelismos entre esas dúas formas de coñecemento valéndose das biografías de dúas personalidades senlleiras nos seus eidos, Proust e Darwin, que para min resultan moi atractivas, e que me permiten contrapoñer, contrastar, a memoria persoal, de individuos con conciencia, e a memoria biolóxica, esa longa historia da que os humanos somos só un brevisimo episodio. (…)
– MD: A memoria é unha invención, coméntase neste primeiro relato. E a memoria está presente en todos os relatos do libro. En relación coa identidade. Por que ese interese na memoria?
– CP: A memoria é unha invención ‘controlada’, é unha re-creación sometida a filtros racionais, emocionais. É esencial en calquera ser vivo, todo o que somos é soportado pola memoria, como unha non vai ter un interese niso? A neurociencia cognitiva, psicanálise incluída, vai amosando os mecanismos e a xeografía dese territorio e eu tento achegarme ao coñecemento que a divulgación científica ofrece.
Sen memoria non pode haber, xa non identidade, senón nin sequera percepción. Contrastamos o que recibimos a través dos sentidos co que temos xa interiorizado, esquematizado. Así re-coñecemos, entendemos o que percibimos no nivel máis básico da cognición. A iso haille que engadir, superpoñer, modelos máis complexos (lingüísticos, xenéricos, afectivos, éticos) que imos absorbendo do medio no que nos socializamos… E outra cuestión a ter en conta nese proceso son os contidos da psique que non chegan a lembrarse, as causas polas que non lles é doado facerse conscientes. (…)
– MD: Por debaixo de Limiar de conciencia, como de Sangue 12 ou de parte dos relatos de Á busca perdida, está a túa relación con distintos textos da literatura universal. (Byron, M. Shelley, etc). Que textos che serven dalgún xeito de referencia para escribir as túas historias e por que?
– CP: Como di Rodrigo Fresán, a literatura é sempre metaliteratura. Todo o que teño lido me serve. E non só literatura, dende logo. Sangue 12 naceu arredor de Ada Lovelace, estraña geek daquela, así que as referencias polo que a ela atinxe como filla de Lord Byron, impúñanse por si mesmas: Byron e os seus amigos na vila Diodati no mítico verán de 1816.
Pero, máis aló dos referentes explícitos, a literatura é parte do argumento en tanto amosa o poder salvador, ou perturbador, da mesma, a forza coa que se mestura coa vida, ao ser fornecedora de modelos nalgúns momentos, de acubillo noutros. En Sangue 12 a protagonista atopa na literatura unha solución radical ao seu maior problema, a súa arela de non medrar. Como fixeron o Quijote, ou Emma Bovary, ou tantos outros de menor talla, ela busca no que ten preto, na súa contorna, e escolle a historia do Vampiro, escoitada da boca de Polidori.
E, tamén, a literatura dálle agocho. Cara onde pode fuxir alguén cando é feble e non atopa empatía entre os achegados, como lle acontece á protagonista? Aos mundos da literatura. A literatura enche o seu tempo cando non pode relacionarse case con ninguén.
Niso é como a máquina LIDIA, de Limiar de conciencia. Limiar de conciencia ten a metaliteratura nos alicerces. LIDIA emprega modelos literarios para construír os seus textos, os seus logs diarios levan na cabeceira referencias a eses modelos. Todo o texto está inzado de referencias literarias, non só como citas, senón na propia estrutura, por exemplo nos relatos aniñados ao xeito das mil e unha noites, onde a Carapuchiña Vermella ten un papel estelar. E onde as SHEREZADES amosan todo o seu potencial. (…)”

Montse Dopico: “Non temos medo. Non vamos calar. E imos moito máis alá da resistencia”

galaFoto de Alfredo López, “Tokio”.

Desde o Magazine Cultural Galego, de Montse Dopico:
“Esta é a versión completa do texto que lin, resumido tras unha interrupción por un problema co micro, na Gala das Letras. Fala da importancia de apoiarnos entre nós, como sociedade, sen agardar polo poder.

Primeiro, compartir o primeiro cos todos os meus compañeiros, e en especial con aqueles que pertencemos á especie en perigo de extinción dos xornalistas culturais. Eu non vou reivindicar a lingua e a cultura porque sería como reivindicar o dereito a respirar, algo que é parte de min de xeito natural, como ter mans ou ter voz. Mais si vou reivindicar o dereito a traballar, os nosos dereitos como traballadoras e traballadores. O dereito a traballar facéndoo, ademais, nunhas condicións dignas nun sector, o da cultura, que é o primeiro que se recorta coa escusa da crise-estafa.
Mais tampouco estou aquí para queixarme do mal que nos vai aos xornalistas. Senón para facer, por unha parte, unha denuncia. Pola outra, unha proposta. A denuncia ten que ver coa cada vez máis escasa presenza da cultura nos medios de comunicación, nos que a pouca información cultural que se mantén faise polo empeño persoal dalgúns profesionais. E non sei de ningún medio, público nin privado, no que non haxa polo menos algún traballador ou traballadora ao que a cultura lle guste e lle importe como para dedicarlle o tempo que merecen os lectores, moitas veces a costa do tempo propio, por moito que as empresas tenten desincentivalos.
As empresas tentan xustificar os poucos recursos dedicados á cultura co argumento de que non vende. E se cadra a literatura non “vende” tanto como os partidos de fútbol, mais tampouco incrementan as vendas as múltiples roldas de prensa de nulo contido informativo que se cobren para que quen reparte subvencións e asina convenios poida saír na fotografía. Subvencións que, en si, non terían por que ser un problema, pero que acaban conducindo á censura e á autocensura cando as empresas dependen delas para a súa sobrevivencia e o poder que as sustenta confunde información con propaganda.
Mais hai máis. Porque tomar en serio a cultura podería alterar a estrutura do ADN de parte dos medios do país, representantes das elites económicas e políticas, cando non das burguesías herdeiras do franquismo, para os que a cultura galega só pode entenderse como un apéndice subordinado e dependente da cultura en castelán e inglés sancionada polas televisións de maior audiencia ou como unha marca de clase a exhibir en certos espazos.
As mesmas burguesías que temen as palabras inconvenientes dos profesionais da cultura que lles restan a lexitimidade simbólica que a eles só lles dan as súas relacións co poder. Alén diso, adoptar unha liña crítica coa política lingüística e cultural da Xunta de Galicia pode ameazar a continuidade dunhas subvencións que, moitas veces, sustentan estruturas mediáticas fondamente desiguais nas que se producen despedimentos masivos para que as cúpulas poidan seguir cobrando como 10, 50 ou 100 xornalistas da base.
Mais eu teño detectado, por parte do poder, máis que medo a eses escritores e escritoras que non son controlables, desprezo. Desprezo á cultura. Por considerala superflua, molesta. E a miña proposta é que non permitamos ese desprezo. Que demostremos, entre todos e todas, que a cultura interesa. Que lles digamos, con feitos, aos que nos gobernan e aos que mandan nos medios de comunicación que si hai demanda. Porque a cultura lémola, escoitámola, compartímola, debatémola. Porque non esperamos dos medios só que promocionen o noso novo produto (o noso libro, a nosa obra de teatro), senón que nos axuden a pensar a cultura e a facela, sobre todo, máis forte e máis libre.
E eu creo que a sociedade foi neste, como en moitos outros contextos, por diante das empresas de comunicación e dos gobernos. (Diante, desde logo, da Xunta que recortou o apoio á creación e difusión cultural nun 60 por cento). Desaparecidas as seccións culturais de Vieiros, A Nosa Terra, Xornal de Galicia ou Galicia Hoxe, ou suplementos como o Luzes de El País, produciuse unha multiplicación crecente de blogs e webs culturais que se uniron á información cultural prestada por medios alternativos de estruturas máis modestas, pero tamén en xeral máis libres que as empresas de maior tamaño, e tal como está a situación non menos precarias.
Aínda que é certo que nos falta compartir, e non competir, para ser todos máis fortes. A sociedade é tamén a que impulsa os centos de proxectos culturais que se desenvolven cada día no país, contra vento e marea e sen tutela de ninguén. E teño claro tamén que, nese aspecto, témonos a nós mesmos. A nós mesmas. Non podemos agardar por ninguén. Temos que apoiarnos entre nós. Os da novela aos do teatro. As do cine ás da arte. Os da educación aos da lingua. As da música ás da poesía. Todos e todas aos demais. Creando unha masa crítica que demostre que si. Que tomamos en serio a nosa cultura. E, sobre todo, que non temos medo. Que non vamos calar. E que imos moito máis alá da resistencia.
Grazas aos socios e socias da AELG polo premio, á miña familia e amigos por aturar as miñas ausencias e, en especial, a miña nai, por terme ensinado que os libros son importantes para a vida.”

María N. Soutelo: “Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal”

EntrevistaNeves Soutelo de Montse Dopico a María N. Soutelo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): “Realmente, pensa un, son todos estes obxectos/ os que me posúen e me atan. Pesan/ sobre min como pedras de decepción”. O poemario [Nestes Días] parte dunha mudanza de casa. Da consciencia da nosa relación cos obxectos. Por que?
– María N. Soutelo (MNS): Nestes Días comeza a escribirse no 2009, ó mesmo tempo que decido trasladarme de Compostela a Vigo. O trauma que supón o cambio, a dor do tránsito, a hostilidade dunha cidade nova e allea ao mapa emocional da memoria… Todo ese conxunto de situacións novas, malia que esperadas, son o xérmolo. En realidade, o importante non son os obxectos en si, senón aquilo e a aqueles e aquelas que representan e significan. Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal e tráxica, as máis das veces, atravesados por toda esa carga simbólica e emocional que lles dá forma. Que os imbúe dun poder inimaxinable sobre nós.
– MD: Mais, en realidade, o poemario fala de ausencia. Da “Dor esquecida/ de onde naces/ cando non te esperabamos?”. De que xeito?
– MNS: A ausencia pode experimentarse de moi diversas formas e por moi diversas razóns. Nestes Días fala desa ausencia que atormenta, dunha dor que non cesa, que sempre acompaña e sempre lacera. Dese calado depredador que nos asalta, as máis das veces, nos intres menos adecuados, cando non temos capacidade de defendernos.
– MD: Moi relacionado co anterior, Nestes Días enfróntase, tamén, á identidade: á busca do propio lugar, ante o espazo baleiro. En que sentido?
– MNS: Unha mudanza, o caos que xera (todo o noso pequeno Universo redúcese a unha manchea de caixas e bolsas esparexidas polos novos espazos), e as dúbidas ante o descoñecido levan, coido, necesariamente a unha reflexión sobre a propia identidade, sobre os nosos porqués e convicións. Lévannos a comezar case de cero. A reavaliar moitas das certezas que carrexamos dentro desas caixas. A necesidade de atopar un lugar de noso, de pertencer, é algo que levamos no ADN. Quen non precisa desa sensación de seguridade que unha presa de terra entre as mans nos outorga, para dar sentido ás nosas raíces? (…)”

Baldo Ramos: “Cando transitas polas marxes, polas periferias da ollada, o baleiro é un reclamo e unha ameaza”

EntrevistaBaldo Ramos de Montse Dopico a Baldo Ramos en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Dixeches que Cartografía do exilio marcaría o final dunha etapa. Por que?
– Baldo Ramos (BR): Cando publico o meu primeiro libro no ano 2001, levaba escribindo 13 anos. E escribindo moito, case a diario. Textos que moi puntualmente viron a luz –case sempre baixo pseudónimo‐ e que foron compartidos publicamente en contadas ocasións. Cando decido editar o meu primeiro libro, estou convencido de que aí asentan os piares dun proxecto poético que vou edificando ata o ano 2014, cando teño a sensación de que pecho unha etapa dese proxecto, un ciclo, ou como lle gustaba dicir a Octavio Paz, unha “idade poética”. Facemos anos e pechamos portas. Agora toca pechar una porta. Distanciarse e centrarse en tentar abrir outras novas. Que non vaia publicar non quere dicir que non vaia seguir escribindo. A miña vida non a concibo sen facelo. Pero, como dixen nalgún verso, “non espero nada / e ninguén me espera”. Con todo, conto non ter que agardar outros 13 anos para ver editado un libro meu nunha editora comercial. E, por suposto, seguirei a traballar nos meus libros de artista de exemplar único, que para min son o xeito máis creativo de comunicarme literariamente.
– MD: Comentaches, tamén, que malia que ao principio pensabas que facías libros artesanais por non poder acceder ás editoriais, despois decatácheste de que o que che pedía o instinto era facer libro de artista. Por que?
– BR: Efectivamente, así foi. A orixe destes libros radica na necesidade de comunicar, de facer chegar os meus poemas a un posíbel lector dun xeito non subsidiario das editoras comerciais. Esa foi a motivación primeira, cando compartir o que escribía –como para todo poeta que empeza– esixía pouco menos que salvar un abismo.
Pero o caso é que logo de ter publicado nestes anos máis de 15 libros en editoras máis ou menos convencionais, semella paradoxal que os siga a facer, aínda que quizais non o sexa.
Pois naquel primeiro tempo, a razón verdadeira non era a autoedición, como eu pensaba, senón a necesidade de comunicar doutro xeito, dunha maneira alternativa e independente, para ter absoluta liberdade na mediación co receptor á hora de facer chegar o meu traballo e á hora de escoller formatos e contidos. Eu corto o papel, ilustro cada exemplar, escollo os textos que lle acaen mellor a cada obra, manuscribo os poemas e finalmente coso e pego cada obra. Trátase de libros de exemplar único. Nunca fixen tiraxe seriada de ningún deles. Isto é algo que pode parecer inxenuo e que semella un esforzo de formiga, pero para min é moi estimulante como creador.
– MD: Cartografía do exilio tentou explorar un camiño novo fronte á túa poética anterior. En que sentido? Por que sentías que se che esgotara o que viñas facendo?
– BR: Cando empezo a escribir este libro no ano 2007, sinto a necesidade de reorientar a miña poética, de trazado máis reflexivo –entendía eu nese momento–, máis interiorizado, máis estático, cara una voz máis horizontal, máis narrativa, máis exteriorizada (“saes ás rúas e escoitas. / abres os ollos e percorres as periferias da linguaxe”, no primeiro poema do libro, e no segundo: “cómpre erguer a vista e deixarse ver pola cidade, / transparentar as voces que a fan lexíbel”). Foi como un exercicio de experimentación, un desvío máis ou menos intencionado. Conforme avanzaba na súa escrita, deime conta de que ese camiño volvía levarme ao lugar de partida –unha das razóns da súa estrutura circular–, á raíz primeira da que penso que se alimenta a miña voz. Ás veces afastarse do camiño non nos leva a lugares distintos. (…)”

Francisco X. Fernández Naval: “A liberdade é o concepto común dos escritores galegos que dialogan con Cortázar”

EntrevistaFrancisco X. Fernández Naval de Montse Dopico a Francisco X. Fernández Naval en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Publicaras anteriormente o libro sobre Julio Cortázar e Galicia Respirar polo idioma. Que novas achegas documentais te animaron a escribir outro libro [O soño galego de Julio Cortázar]?
– Francisco X. Fernández Naval (FFN): A chegada do legado Cortázar-Aurora Bernárdez supuxo a descuberta de imaxes e, sobre todo, de comentarios de Julio Cortázar sobre a segunda viaxe a Galicia, anotados por detrás. Publícase, tamén, a correspondencia co pintor e escritor Eduardo Jonquières, que recollía a carta na que Julio conta a súa impresión de Galicia e, tamén, unha revisión de toda a correspondencia escrita por el, pasando dos tres tomos dos anos noventa a cinco, con moita máis información e referencias. Tamén se publica a correspondencia de Luis Seoane. Seguen faltando as cartas de Cortázar e el e Maruxa, pero hai moitas referencias a el e Aurora no cruce de cartas con amigos comúns.
Tamén Neira Vilas me conta cousas da súa experiencia con el en Bos Aires e A Habana. Podemos engadir, aínda, que Ramón Chao me autoriza a publicar a entrevista completa que lle fixo en Radio Francia Internacional e da que en Respirar polo idioma só figuraba unha parte, máis ou menos a metade. Todo isto animoume a aceptar a petición de abordar unha segunda edición aumentada. (…)
– MD: Non falas de influencia, senón de presenza de Cortázar na literatura galega contemporánea. Por que é superior á de calquera outro escritor latinoamericano?
– FXN: Eu penso que é polo xeito de ser e de escribir. Para un lector medio Cortázar supón unha lectura cómplice e feliz. Iso salientan todos os autores que manteñen vivo o vínculo con el. A min chámame a atención que dende Ferrín a Berta Dávila ou Dores Tembrás, sexan tantos os que recoñecen que dialogan con el. E si, insisto en que non se trata tanto de influenza como de diálogo, de presenza. (…)
– MD: Que coñecemento podía ter da obra de Castelao, Pimentel, Blanco Amor… polo que puideches averiguar?
– FXN: De Castelao e de Pimentel non sei. Si sabía de Blanco Amor. Cítao en Imagen de John Keats. En 1940 lía Rojo farol amante, de Rafael Dieste. Era bo coñecedor da obra da Pardo Bazán, que cita en Rayuela. Sabemos que leu a Rosalía a e poesía medieval galego portuguesa… E a antoloxía de poesía galega de Álvaro de las Casas, toda ela en galego, e aí, claro, si lería a Pimentel, pero non sabemos que lle pareceu. Tamén leu ao seu cuñado e medio irmán de Aurora, Francisco Luis Bernárdez, tanto obra en castelán, como en galego. (…)
– MD: Que relación tivo con Lorenzo Varela, Luís Seoane, Rafael Dieste, Neira Vilas e Francisco Porrúa? E con Leopoldo Nóvoa?
– FXN: Con Seoane, Porrúa e Leopoldo, de amizade fonda, recoñecida polas dúas partes e sostida no tempo. Con Neira Vilas atopouse na Habana e falaron, en particular de Rafael Dieste. Con Dieste o encontro sería máis distante. Sabían si, pero non consta relación estreita. Dela sabemos pola memoria de Carmen Muñoz. (…)”

Antonio Tizón: “Pretendín desembarazarme dunha vez das miñas vivencias máis patolóxicas, dos traumas máis propios da miña enfermidade”

EntrevistaOLYMPUS DIGITAL CAMERA de Montse Dopico a Antonio Tizón en Magazine Cultural Galego:
“- Montse Dopico (MD): A antesala luminosa é novela negra, mais tamén outras cousas. Ti mesmo chámaslle novela mulata. Querías facer unha novela de xénero negro, pero diferente?
– Antonio Tizón (AT): O de novela mulata ocorréseume cando Emma Pedreira, a primeira persoa á que lle propuxen presentar a novela na Coruña, díxome que ela tiña prezuízos contra a novela negra. Respondinlle que non se preocupase, que a miña era unha novela mulata. Porque, en última instancia, pretendín facer unha mestura de xéneros, de estilos e de intencionalidades. A novela é a mestura dunha media novela negra -con moitos dos trazos típicos do xénero- cunha media novela que algún crítico cualificou de iniciación e que, en todo caso, a min me parece máis ben de formación. Elixín o formato de novela negra por varias razóns.
En primeiro lugar, porque son dende sempre un lector empedernido deste tipo de novelística, dende logo antes da aparición de fenómenos literarios como Diego Ameixeiras ou Domingo Villar (De feito, A antesala luminosa empecei a escribila en 1998 e remateina en 2004, antes do boom galego). En segundo lugar, elixín este xénero porque me parece axeitado se o que se quere é contar historias entretidas, aínda que só sexa porque sempre hai un crime, unha intriga… En terceiro lugar, porque me parece o formato máis axeitado se o que se quere -como eu quería, máis nas próximas entregas da serie ca nesta- é retratar unha sociedade caracterizada pola corrupción e a impunidade. E en cuarto lugar, porque a novela negra pode servir tamén de pretexto para falar dos temas que a un máis lle interesan; no meu caso, o tema da loucura, fundamentalmente.
Sigo co de mulata. A novela é mulata tamén porque mestura tramas, narradores e estilos moi distintos. Basicamente hai dúas tramas e dous narradores que se entrelazan, un en primeira persoa, ó máis puro estilo de novela negra (“Tamén os donos dos prostíbulos me debían favores que eu sempre cobraba en especie”), e outro en terceira, omnisciente e multiselectivo, coa intención de obxectivar a visión subxectiva dun dos dous personaxes principais da novela. Unha novela que mestura tamén a realidade coa ficción, a autobiografía coa imaxinación. E, por último, e xa facendo un chiste fácil que remite a algo moi serio, a novela é mulata porque está chea de mulatas, que ten moito que ver con outro tema fundamental do libro, o da prostitución -non en van ilustra a portada-. (…)
– MD: O libro ten, en efecto, bastante de autobiográfico. Nese sentido, é frecuente que a crítica comente que o autor debe distanciarse o suficiente de si mesmo para escribir unha boa novela. Que pensas diso?
– AT: Nin que dicir ten que o libro ten moito de autobiográfico. O motivo fundamental é que pretendín desembarazarme dunha vez por todas dos meus demos interiores, dos meus medos, das miñas vivencias máis patolóxicas, dos traumas máis propios da miña enfermidade. Non estou de acordo con iso de que o autor debe distanciarse de si mesmo para escribir unha boa novela. Sen chegar ata os extremos de Pío Baroja, que creo que foi quen dixo aquilo de que “todo o que non é autobiografía, é plaxio”, si creo que toda boa novela ten sempre algo ou moito de autobiografía porque do que un pode falar con máis profundidade, honestidade e coñecemento é do que un xa vivíu, xa experimentou, xa reflexionou, e xa descubríu sobre o asunto o suficiente como para decidir compartilo cos demais.
– MD: Frente a un relato combinado con diálogo sitúase o libro escrito polo propio Gustavo sobre a súa vida, como comentabas antes. Por que esa dobre estrutura? O libro de Gustavo está escrito cunha extraordinaria lucidez, malia todo. Quero dicir, que el analiza perfectamente a súa propia enfermidade…
– AT: O dos narradores distintos obedece á mestura de xéneros que pretendín. Pode haber quen pense que están intercambiados, que o máis lóxico sería que a parte do inspector aparecera en terceira persoa e a de Gustavo Gallego en primeira porque é un relato autobiográfico. Precisamente por iso decidino así, para vencer o pudor, para atreverme a espirme, para disimular un pouco as miñas vergonzas. Pero tamén porque Gustavo Gallego hai veces que se cre un deus omnisciente e multiselectivo, igual co narrador dos capítulos pares. (…)”

Alfonso Rodríguez: “A deserción en masa sería a solución: darse de baixa de todo e conformar outras formas de relación”

EntrevistaAlfonso Rodríguez de Montse Dopico a Alfonso Rodríguez en Magazine Cultural Galego:
“(…) Di o poeta Alfonso Rodríguez que mellor ser liberado vital que escravo. Mellor estar orgulloso de ser “minus bálido” para un sistema que mercantilizou a vida. Que envelenou as relacións sociais. Que tenta derrubar os dereitos que nos quedan. E diso fala no seu último libro, Lúa plenur. El chámalle artefacto. Mais podería ser mapa. Xeografía que percorrer para tentar ubicármonos no medio do caos. O seu norte é a liberdade. A súa cerna, o ritmo interno do autor. O eu que enuncia o nós.
– Montse Dopico (MD): Lúa plenur ten estética de fanzine. Por que? Sempre fixeches ese tipo de deseños?
– Alfonso Rodríguez (AR): Si, desde moi novo. Ademais de beber, fumar porros e escoitar música cañeira, formei parte dun colectivo, ‘Komando Estrela Galiza’, a primeiros dos 90. Tiñamos un logotipo feito a partir do de Estrella, por iso o nome. Tiña relación co movemento insubmiso, había algunha xente máis independentista outra máis anarca… Era un rollo moi libertario. Atopamos, ademais, un espazo, a Casa da Xuventude, onde faciamos actividades: concertos, xornadas. Tiñamos unha publicación política, ‘Desobediencia’, e o boletín ‘Adokín’.
Aínda que despois acabamos marchando, porque aquel local non deixaba de ser unha institución, e ocupamos unha casa, o Fogar Infantil, onde seguimos desenvolvendo moitas actividades. Un colega e eu fixemos un fanzine de política e música, -hardcore, punk…-, que se chamaba ‘Noxxxo’. Despois desta época comecei a facer poemas, que mesturaba con colaxes. Foi un tempo en que fixen seis ou sete fanzines en poucos anos e colocábaos en librerías, bares…
– MD: Poemas e colaxes xa xuntaches en Oremos, o libro que publicaches en formato pdf na plataforma A Regueifa. Nese sentido, Lúa plenur sería como volver a iso.
– AR: Si, é como se andase para atrás e para adiante. O primeiro libro que publiquei foi Subir ao faiado, con Positivas, no 2004. No 2007 foi Oremos, que era ademais o primeiro libro que publicaba A Regueifa en pdf. En Oremos todos os colaxes estaban feitos con capas de cassetes de música. Despois publiquei Azúcar glass, en coedición con Duen de Bux. O de ‘subir ao faiado’ foi como unha lotería. A min marcárame moito Lois Pereiro, antes dese boom que houbo sobre el polo Día das Letras. Tamén lera, de Positivas, cousas de Bukowski, de Ronseltz… Enviei unha escolma de poemas, e Paco Macías dixo que si… (…)”

Rosa Enríquez: “O amor implica respecto, consideración, procura do entendemento. Non é adoración. É diálogo entre iguais. Iso é a política”

EntrevistaRosa Enríquez por Eduardo Castro Bal de Montse Dopico a Rosa Enríquez en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): O libro [Espectros] está percorrido por espectros que poderían ser, se cadra, as pantasmas persoais das que cadaquén non consegue liberarse… Que son, para ti, esas pantasmas?
– Rosa Enríquez (RE): Hai un microrrelato de Juan José Arriola que sintetiza moi ben isto. “La mujer que amo se ha convertido en fantasma, yo soy el lugar de sus apariciones”. Os espectros constitúen a topoloxía do “irreal”, suceden nun espazo de intersección onde o tempo se dilata: na conciencia. Esta conciencia somos nós, así é que a espectralidade é unha creación que xorde na boca da ferida. Non podemos eliminar das nosas vidas esa ferida. Nin sequera as cicatrices, porque as cicatrices son feridas que dormen, que poderían abrirse en calquera intre. Tendo conta disto, da imposibilidade de acabar cos espectros, o desexábel sería aprender a convivir con eles -ou elas-, porque no propio desexo de os eliminar, vai implícita a creación dunha nova xenealoxía espectral, en relación a este desexo homicida. (…)
– MD: O libro divídese en varias partes, sendo a última delas o conxuro para escorrentar as pantasmas…
– RE: Hai un xogo coa estrutura, si. O libro en si, o conxuro, o fin do libro… Porque en todo momento se amosa a consciencia da imposibilidade de estar fóra do texto, un texto que non ten a vontade de ser un logos e estabelecer unha relación vertical coa impureza da contradición, poño por caso. Aquí non hai verdade absoluta, hai visións do que consideramos “real”. Teñen presencia pois as contradicións, as preguntas con resposta e sen ela, as dúbidas… Todo isto, ás dúbidas, as contradicións, esa idea tradicional do que é un libro de poemas, de como pode ser estruturado, xunto coas visións do “real” e mais do “irreal”, a confusión e tamén o desexo -talvez naïf, non o o sei…- de emancipación están diseminadas ao longo do libro, de xeito absolutamente horizontal. (…)
– MD: Se cadra ese é o tema principal do libro: a necesidade de repensar os afectos.
– RE: Si. Buscar o diálogo, o entendemento, cunha mirada amable e tender unha man aberta, sería ben máis construtivo para nós que o receo e a desconfianza. (…)”

Rosalía Fernández Rial: “A poesía ha de servir para dar voz aos silenciados e esperanza a quen aínda cre na utopía”

EntrevistaRosalía Fernández Rial de Montse Dopico a Rosalía Fernández Rial en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Sempre che interesou a interdisciplinareidade, o intercambio entre distintas artes. A iso responde o proxecto de Elo? Como xorde? (Tendo en conta que empezaches coa música, antes de facer poesía)
– Rosalía Fernández Rial (RFR): En efecto, penso que a arte só se pode comprender dun xeito interdisciplinar, intercomunicado. Se entendemos a música e a poesía nun sentido amplo, a súa separación conforma un artificio forzado e actúa como limitador do proceso creativo. O poema non deixa de ser unha partitura fonética e calquera xogo melódico consciente pode condicionar por completo o resultado literario final -tanto na lectura individual como na súa translación á escena-. Nese senso, o feito de terme formado en música, literatura e teatro foi determinante na construción desa concepción.
Evidentemente, o proxecto ELO enmárcase nesa visión. Pero cunha diferenza de base fundamental: a comunicación co “outro”. ELO é un diálogo entre o poema xa escrito -desde os postulados individuais comentados- e a música doutra persoa con principios compatibles mais diferentes aos meus. Por iso a nosa unión dá como resultado un produto diferente: un disco de poemas. Non é un libro nin un CD convencional con letra cantada. Desa forma, o texto adquire musicalidades diferentes ás que tiña de xeito independente, cobra outras vidas e enriquécese ao ser lido e reinterpretado desde unha perspectiva á da autora. E o mesmo acontece coa súa transferencia á escena compartida, onde a esas dimensións se suma a presenza de dous corpos na esfera doutro código artístico máis.
En definitiva, ELO xorde da necesidade de tecer retallos artísticos desde direccións e perspectivas diferentes; da literatura musical á música literaria, a través da imaxe escénica e o formato audiovisual, pois todo iso pode ser poesía. Desde unha óptica holística, viva e interdisciplinar que orixine formatos diferentes, así como novas formas de recepción e de reflexión compartida. Con tanta admiración pola lírica medieval como pola arte contemporánea.
– MD: No disco recitas poemas escollidos de Vinte en escena e de Ningún amante sabe conducir. Ningún amante resulta, se cadra, máis intenso e erótico que lido, como se as imaxes gañasen potencia. Tamén a denuncia da intemperie das persoas excluídas gaña, se cadra, forza nos poemas de Vinte en escena. Era o obxectivo, respecto dos textos? Como concibiches o diálogo con eles a través da música?
– RFR: Por suposto. A lectura dos poemas non pretende ser unha simple translación do papel á voz oral. Hai unha vontade interpretativa diferente, unha intención de outorgarlle unha nova dimensión ao escrito. Se os instrumentos de expresión son diferentes o resultado non pode ser o mesmo e niso investín moito esforzo. En canto á combinación do texto coa música, cómpre aclarar que en ELO entendemos ambas linguaxes como un todo en constante diálogo. É dicir, o melódico non actúa como fondo ou acompañamento da palabra, senón que conforma con ela unha unidade artística nova, diferente. Por iso cada tema foi composto de maneira exclusiva e específica para cada conxunto de versos. (…)”