Galiza Cultura achega a obra completa de Manuel Lourenzo

Desde Nós Diario:
“A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura vén de anunciar a culminación do traballo de edición da obra completa de Manuel Lourenzo.
A entidade abordou o labor coa colaboración do propio autor. Fixeron as correccións precisas, achegas documentais inéditas, algunhas mesmo extraviadas ou esquecidas no arquivo persoal de Lourenzo.
A construción estrutural desta obra, sinalan, foi un proceso activo, participativo, ao que tamén contribuíu a profesora Cilha Lourenço Módia, “coa súa corrección lingüística e corrección de forma”.
“Fomos quen de ter preparados sete tomos onde se recollen unha parte importante dos 60 anos de historia do teatro contemporáneo galego, co único obxectivo de poñer a disposición das distintas compañías teatrais galegas para a súa representación e para goce do público en xeral, tanto como espectador coma lector, nunha acción estratéxica de fomento e creación da cultura e de protección, difusión, conservación e posta en valor do noso patrimonio cultural”.
Galiza Cultura destaca un compendio de obras que chega a perto dos 300 títulos. Cada un dos sete tomos acubilla arredor dunhas 800 páxinas que tratan de plasmar de xeito cronolóxico a produción dramática de Manuel Lourenzo.
Por xunto “formarán parte do patrimonio colectivo da cultura galega, sendo o noso obxectivo dar traslado deles a cantas máis persoas, entidades, asociacións, colectivos, administracións e centros de ensino para o coñecemento xeral da dramaturxia contemporánea galega”.
Manuel Lourenzo é, ademais de autor dramático, director, actor, produtor, docente, editor e activista. Unha figura pioneira sempre ligada á historia do teatro galego que segue en activo.
O pasado 14 de xuño foi homenaxeado no Salón Teatro de Compostela nun evento organizado pola Fundación Galiza Cultura e a A. C. O Galo e que serviu, ademais, para presentar oficialmente a obra completa do dramaturgo.
As persoas interesadas en adquirila poden dirixirse a Galiza Cultura [federacion@galizacultura.gal], que se encargará de facilitarlle a cadaquén as indicacións precisas de como se facer cos sete volumes que recollen o traballo dramático de Manuel Lourenzo.”

Compostela: Homenaxe a Manuel Lourenzo, o 14 de xuño


Interveñen:
Susana Dans, actriz.
Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalia Castro da Coruña.
Quico Cadaval, actor.
Coral Solfa.
Francisco Núñez, director do Centro Dramático Galego.
Xosé Manuel Carril, catedrático da Universidade da Coruña e presidente da Federación Galiza Cultura.
Brandán Lourenzo, gaiteiro.
A entrada a esta homenaxe a Manuel Lourenzo é libre ata completar o aforo do SalónTeatro.

Mondoñedo: II Encontro Álvaro Cunqueiro, os 1 e 2 de xullo

A AELG súmase á Homenaxe A vida nunha cesta. Un agasallo para Manuel Lourenzo

A AELG súmase á Homenaxe A vida nunha cesta. Un agasallo para Manuel Lourenzo, organizada pola Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura.

MANUEL LOURENZO é o dramaturgo máis prolífico da historia do teatro galego, con máis de trescentas pezas de diferentes formatos, xéneros e estilos. Todas as súas pezas poñen en valor, a partes iguais, o literario e o teatral. A dramaturxia de Lourenzo asenta na palabra, explorando todas as súas capacidades performativas (na súa capacidade para facer e actuar, para mover), plásticas (na súa rendibilidade para xerar imaxes), sonoras (na exploración da musicalidade e de todos os seus reflexos) e ideolóxicas (porque nos seus textos o pensamento e as ideas ferven).
A obra de Lourenzo é, en si mesma, unha institución teatral de grande robustez e flexibilidade para atravesar os tempos e as modas. Nela conviven os mitos coas pequenas grandes historias do presente. Nelas entra o máis terrible e o máis marabilloso da condición humana.
Grazas a Lourenzo, desde mediados dos anos 60 até a actualidade, a praza pública do teatro, esa asemblea que se pensa xogando nos escenarios, nunca estivo baleira nin ficou pobre ou encollida.
Por iso Manuel Lourenzo soborda a Letra E de escritor, que lle concedeu a AELG, como máxima homenaxe, coa letra D de dramaturgo, porque a súa escrita salta dos libros á praza pública, a través dos corpos, as voces e o xogo teatral. Galiza é máis Galiza e nós somos máis nós na dramaturxia de Lourenzo.

(Texto elaborado por Afonso Becerra de Becerreá, coordinador da Sección de Literatura Dramática da AELG)

***

A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura quere convidarvos á festa-agasallo para Manuel Lourenzo o día 19 de decembro de 2021, ás 19.00 horas, no Teatro Rosalía da Coruña, do mesmo xeito que vos anima a que estendades e acheguedes o convite a todas as persoas coas que vos relacionades, as que son as vosas amigas e, en definitiva, a espallar esta homenaxe por toda Galiza. Queremos un Rosalía cheo para Manuel.

A Coruña: A vida nunha cesta. Un agasallo para Manuel Lourenzo, o domingo 19 de decembro

Desde a AELG sumámonos a esta merecidísimo recoñecemento a Manuel Lourenzo, Socio de Honra da nosa Asociación desde 2007, cando recibiu a Homenaxe O Escritor na súa Terra na súa terra natal, O Valadouro.

“A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura quere convidarvos á festa-agasallo para Manuel Lourenzo o día 19 de decembro de 2021, ás 19.00 horas, no Teatro Rosalía da Coruña, do mesmo xeito que vos anima a que estendades e acheguedes o convite a todas as persoas coas que vos relacionades, as que son as vosas amigas e, en definitiva, a espallar esta homenaxe por toda Galiza. Queremos un Rosalía cheo para Manuel.

Para facilitar o convite achegamos a tarxeta e o cartaz para que vos sirvan de altofalantes. Que non quede ninguén sen o seu convite para ir ao Rosalía o 19 de decembro.”