Compostela: Palabra de muller. Lembrando a Luísa Villalta no seu quince cabodano

“Os papeis de Luísa Villalta”

Desde Sermos Galiza:
“A obra poética de Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) transitou os territorios que comparten música e escrita. Produciu o seu propio espazo no tempo en que eclosionaba a promoción dos 90. Catro libros publicados en vida valéronlle o favor da crítica e fieis lectores, defensores da súa proposta. A súa familia vén de ceder os seus fondos documentais ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Entre os máis de 1500 documentos que compoñen o legado -cuxa entrega se oficializou a pasada sexta feira na sede da institución, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística- constan “media ducia de poemarios manuscritos inéditos”. A súa revisión e exhumación, que realizarán as investigadoras do Piñeiro -que dirixe o crítico literario Armando Requeixo-, suporán unha reavaliación da poesía de Villalta. (…)
“Trátase dunha das autoras máis importantes da literatura galega recente”, afirmou o responsábel de Política Lingüística Valentín García, “e agradecemos á familia a entrega xenerosa deste legado que nos permitirá afondar no coñecemento da obra de Luísa Villalta”. Para facer efectiva a cesión, García, Armando Requeixo e Manuel González -secretario do centro- recibiron no Ramón Piñeiro a nai -María Gómez Castro- e a irmá -Susana Villalta Gómez- da escritora.
Ademais dos seis libros de poemas inéditos, entre os papeis de Villalta hai unhas 600 cartas de creadores galegos, cataláns, vascos ou portugueses; medio cento de cadernos de dietario; unha peza teatral sen publicar; un cento de conferencias anotadas a man; gravacións en vídeo e audio de eventos en que participou e documentación persoal.”