Compostela: actividades destacadas do 11 de maio na Feira do Libro 2021

O 11 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

18:00 h. Mario Caneiro (autor) e Eva Rieiro (ilustradora) asinan A nena, publicado por Medulia.
19:00 h. Ramón Area asina Camiño negro, publicado por Positivas.
19:00 h. Laura de Cáceres asina Despois da erosión, publicado por Urutau.
20:00 h. Suso de Toro asina Un señor elegante, publicado por Xerais.
20:00 h. Patricia A. Janeiro asina Rueiro da cidade escura, publicado por Positivas.

Eva Moreda: “Con menos páxinas os posmodernos dirían o mesmo”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Eva Moreda en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela a reconciliou coa literatura?
– Eva Moreda (EM): A literatura en xeral nunca deixou de interesarme. Coa literatura galega, si que tivemos uns anos que andamos ela e máis eu algo encabuxadas; co tempo volvín ler e decatarme de que si que hai unha apreciable cantidade de autores que intentan escribir con honestidade e construír un proxecto literario de seu, igual que en calquera outra literatura. Por citar un monllo de obras que lin vai aló tres ou catro anos, diría Ana e os homes de Mario Caneiro, A identidade fascinada de Antonio Piñeiro, … e os domingos un croissant de Ursula Heinze, Lémbrome de Xurxo Chapela. (…)
– B: Escribirá as súas memorias?
– EM: Gustaríame escribir unha serie de microensaios de 100 ou 200 palabras sobre aspectos da vida cotiá en Inglaterra e Escocia que me chamaron a atención cando vin para aquí e que ma seguen chamando. Hai un ano ou así escribin catro ou cinco e logo mandéillelos a dúas revistas que me pediran unha contribución. Non sei se terei a paciencia para escribir todo un libro nesta liña, nin tampouco cousas abondo que dicir.
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– EM: Gloria Fuertes. Tiñamos na casa un libro que recollía os poemas premiados nun certame que ela organizara entre a rapazada da altura. Fíxome ver que había outros nenos e nenas que escribían tamén. (…)”

Mario Caneiro: “A literatura, hoxe máis que nunca, ten que avanzar contra a corrente”

Entrevista de Ramón Loureiro a Mario Caneiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O eixo central da súa produción literaria vira arredor do relato curto. Ten iso algo que ver, tamén, coa tradición da que bebe a súa literatura?
– Mario Caneiro (MC): En certo sentido, si, Como escritor síntome moi cómodo no conto, como xénero literario. Especialmente por unha razón…
– LVG: E cal é esa razón?
– MC: Porque eu creo que non se trata de escribir por escribir. Para min, ao narrar, é moi importante a concisión.
– LVG: Elixir cada palabra con coidado.
– MC: Así é. E aínda diría outra cousa: que para min o fundamental é o texto, o que se lle dá ao lector. O que importa non é o autor. Chega un momento, non só como escritor, senón tamén como lector, no que tes que elixir. E, decididamente, o relato curto, aínda que tamén a novela de extensión limitada e de expresión concentrada, é a miña principal opción. (…)
– LVG: Cal será, a medio prazo, o futuro da literatura galega? Da creación literaria, quero dicir…
– MC: O futuro sempre é impredicible. Quen pode saber o que virá…? Pero eu penso que arredor da nosa literatura, e de toda a literatura, sempre quedará unha pequena illa de irredutibles na que ninguén se vai render. A creación literaria seguirá. Non vai desaparecer.
– LVG: E os lectores…? Aumentará o seu número, irá a menos…?
– MC: O número de lectores literarios sempre vén sendo, pouco máis ou menos, o que é. Distinta cousa son os libros de evasión, os que a xente busca como entretemento, pero a literatura ten un público limitado. Iso hai que recoñecelo. En canto á maneira na que isto vai ir evolucionando conforme o tempo pase, tampouco me atrevo a facer predicións. Aínda que confío en que sempre se siga lendo literatura, porque a literatura nos axuda a vivir. (…)”

Coñécense as obras gañadoras do Certame Xuventude Crea

poesia_2016teatro_2016relato_breve

Tabela dos Libros de xuño de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros deste curso. Nela danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Retomarase a andaina nos primeiros do mes de setembro. Boas vacacións e felices lecturas!”

2015_xuño_tabela