Finalistas da XIX edición dos Premios Frei Martín Sarmiento

Commedia e Invisibles reciben tres premios María Casares nunha noite repartida

Desde Sermos Galiza:
“A XXIII edición dos Premios de Teatro María Casares resultou repartida. Sete espectáculos obtiveron algún dos galardóns nunha noite en que Commedia, de Contraproducións, que estaba nomeada en 12 categorías, levou tres recoñecementos: espectáculo, actor secundario (Marcos Orsi) e vestiario (Suso Montero), o mesmo número que Invisibles, de Redrum Teatro (nomeada a catro): dirección (Marián Bañobre), iluminación (Laura Iturralde) e adaptación-tradución (Santiago Coregoso e Marián Bañobre).
O servidor de dous amos, de Talía Teatro, acadou outros dous galardóns: Maquillaxe (Martina Cambeiro) e actriz secundaria (Marta Lado). Casa O’Rei, de Ibuprofeno, tamén recibiu dous premios: actor protagonista (Miguel Borines) e música orixinal (Caxade) e Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, fíxose con outros dous: actriz protagonista (Iria Pinheiro) e mellor texto orixinal (Iria Pinheiro e María Lado).
Divinas palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, que partía como unha das favoritas, con sete nomeacións, levou un premio María Casares: escenografía (Suso Montero) e Patapatum, de Elefante Elegante logrou o de mellor espectáculo infantil.
As gañadoras e gañadores recibiron unha intepretación do rostro de María Casares a cargo da ceramista Paula Pereira (Arcade, 1986). As pezas substituíron ás tradicionalmente empregadas de Sargadelos. Unha decisión cpnsecuencia das “decisións empresariais e ás declaracións ao respecto da acción sindical da actual dirección do grupo”, indicara nun comunicado a Asociación de Actores e Actrices.
Os directores Juanillo Esteban e Carlos Sante conduciron unha gala que trasladou o público congregado no Teatro Rosalía Castro da Coruña á época do Imperio Romano. Non faltaron as técnicas do novo circo. Portes, clown, teas aéreas, corda lisa, teatro xestual ou parodia cómica formaron parte dunha gala cuxa escenografía correu por conta de Suso Montero.
Durante o evento o actor e dramaturgo Carlos Santiago leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e as Aulas de Teatro Universitario de Santiago e Ourense recibiron o Premio de Honra Marisa Soto.
Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG, pronunciou un discurso en que explicou por que a gala non foi retransmitida pola TVG. “Non conseguimos nunca que a gala se emitise nun horario razoábel e pola primeira canle. Intentouse ano tras ano, pero este último non tivemos sequera a opción de expoñer directamente -e de negociar- as nosas peticións diante de alguén, sermos recibidas por alguén. E até aquí chegamos”, lamentou Mabel Rivera.
A actriz agregaba: “nós somos os rostros, as voces, o talento nunha palabra, do audiovisual deste país. Moito antes de existir a canle autonómica, moitas de nós xa estabamos traballando nesta que é unha das manifestacións culturais máis sobranceiras do país, comprometida e pioneira, en certo modo no uso da lingua no directo co público desde a nosa profesión”.”

Talía estrea O servidor de dous amos de Goldoni

Desde Erregueté:
“O Teatro Principal de Santiago acolle o mércores 14 de febreiro, ás 20:30 h., a estrea de O servidor de dous amos, de Talía Teatro, cunha serie de catro representacións que se estenderán ata o sábado 17. O espectáculo é ademais a primeira estrea da temporada dentro da carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Compostela.
O servidor de dous amos é unha reinvención da obra de Carlo Goldoni, autor clásico da Commedia dell’Arte. Igual que daquela a sociedade italiana era retratada de forma cómica e irreverente, a versión de Talía Teatro propón un “xoguete escénico” onde os contratos matrimoniais son substituídos por contratos de construción, onde nobres e mandatarios son remprazados por empresarios e políticos, onde a vida mesma da nosa sociedade é retratada con irreverencia e descaro.
Con esta peza, a compañía pretende “intentar respectar o verdadeiro espírito da Commedia dell’Arte, do teatro renacentista italiano: a procura da innovación polo uso de todas as novidades escénicas posibles, a persecución do espectáculo total, unha obra que sexa capaz de deixar abraiado a todo o público presente”.
O ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal son respectados, pero procúrase incorporar tamén novas formas de teatralidade nesta adaptación de Diego Rey que el mesmo dirixe. O elenco confórmano Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo e Dani Trillo.”

A Rede Galega de Teatros e Auditorios achega a Compostela a estrea de O servidor de dous amos de Talía

Desde Agadic:
“O Teatro Principal de Santiago acolle o vindeiro mércores, ás 20,30 h., a estrea de O servidor de dous amos, de Talía Teatro, cunha serie de catro representacións que se estenderán ata o sábado 17. O espectáculo contou cunha subvención de 55.586 euros a través das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción escénica.
Primeira estrea da temporada dentro da completa carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Compostela, O servidor de dous amos é unha reinvención da obra de Carlo Goldoni, autor clásico da Commedia dell’Arte. Igual que daquela a sociedade italiana era retratada de forma cómica e irreverente, a versión de Talía Teatro propón un “xoguete escénico” onde os contratos matrimoniais son substituídos por contratos de construción e nobres e mandatarios son substituídos por empresarios e políticos.
O ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal son respectados, pero procúrase incorporar tamén novas formas de teatralidade nesta adaptación de Diego Rey que el mesmo dirixe. O elenco confórmano Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo e Dani Trillo.
Quince espectáculos en cartel
Así, e tamén dentro do teatro para adultos, os espectadores e espectadoras terán a oportunidade de ver Resaca, de ilMaquinario Teatro (2 e 3 de marzo), e Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro (6 e 7 de abril). A primeira é un espectáculo multidisciplinar que reflexiona sobre a memoria individual e colectiva dende unha perspectiva xeracional. A segunda, que se estreará o 2 de marzo en Vigo tamén dentro da Rede, é un texto de Santiago Cortegoso que parte de O Rei Learde William Shakespeare para construír un xogo dramatúrxico e escénico ambientado nunha típica casa de comidas galega. (…)”