Xulio L. Valcárcel: “A miña é unha poesía marcada polo humanismo”

Entrevista a Xulio L. Valcárcel en La Voz de Galicia:
“«Fago unha poesía para axudar a vivir, que é unha frase de Miguel González Garcés, como premisa vital». Isto di Xulio L. Valcárcel, procurador dos tribunais e, sobre todo, procurador de palabras: «O poeta submete o texto a unha constante depuración, deixando á marxe adornos innecesarios. A súa poesía nace con desexo de facer memoria co material fráxil da palabra». Isto escribe Luciano Rodríguez, autor da edición do libro Poesía reunida (1979-2017). Memoria dos días, formas da levidade (Medulia editorial). Este volume reúne por primeira vez a obra Valcárcel que está traducida ao español, catalán, inglés, italiano, alemán, ruso e francés. «Están tódolos libros menos un, que é unha decisión de Luciano porque non se acaía co conxunto da recompilación», detalla o poeta, xunto co dato de que dos dous primeiros se recolle «unha selección representativa. Os outros están enteiros e hai un inédito, Outono nos espellos, que tamén se publicou exento… Non é doado resumir 37 anos de escrita». (…)
Con esa idea da lírica sen fronteiras concorda o poeta: «É unha poesía que vai do intimismo cara a unha voz máis universal, máis ecuménica, sobre todo das clases máis desfavorecidas pero non no sentido político, senón de cousas como a tenrura das oito da mañá cando no autobús vai xente con gripe, que durmiu mal esa noite… A miña é unha poesía marcada polo humanismo».
Valcárcel busca que exista unha identificación dos lectores: «Que digan ‘iso tamén o pensei eu pero non o escribín’. É poesía moi doada de entender, de sentir; son sentimentos universais como a beleza, a morte, a ausencia, o amor, a forza de cada primavera, a vida…».
Tamén busca facer temas novos: «Non repetirte a ti mesmo, buscar outro desafío, outro rexistro da túa propia voz: hai un intento de evolución; a arte é un territorio arriscado polo que non se pode transitar con rede, hai que someterse ao desafío que supón mergullarse nunha selva descoñecida, seguir un novo reto, que cada libro sexa algo distinto». Todo iso está nunha lírica «necesaria e esixente, obra que reflexiona sobre o ser e a súa existencia, sobre a mirada perdida, sobre a luz que asombra e sobre as sombras da luz», segundo escribe Luciano Rodríguez. (…)”