Oriana Méndez: “Escribo sobre a subalternidade porque é o único que me interesa no mundo”

Entrevista de Montse Dopico a Oriana Méndez en Praza (foto na Wikipedia):
“- Praza (P): O corazón pronúnciase extenso gañou o premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón, pero ata agora pasou bastante desapercibido. Da edición encárgase Espiral Maior…
– Oriana Méndez (OM): O libro gañou o premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón o ano pasado, mais ese recoñecemento resultou ser máis unha lousa ca un premio, pois no lugar de promover as obras gañadoras, o concello de Padrón diríase que as silencia e as sepulta. Nin tan sequera facilita a súa publicación nunha editorial. Así aconteceu tamén coas obras anteriormente premiadas: resulta case imposible atopar o seu rastro en librarías, bibliotecas e mesmo algunha noticia na rede. Loxicamente, isto é algo do que me decatei despois de ter enviado o libro ao concurso. Un bo erro meu, si.
Con este premio de poesía, o Concello de Padrón representa unha práctica profundamente nociva que levamos padecendo durante décadas no ámbito da cultura galega: facer que se fai cultura, facer que se promove a literatura e, na realidade, simplemente erguer un nome, neste caso nada menos ca o de Rosalía de Castro, de xeito baleiro e sen ningún interese real no que se di promover. O Concello de Padrón, baixo o meu punto de vista, non é merecedor de convocar este premio mentres trate as obras con semellante desleixo.
E isto que digo ten pouco que ver con que o concello estea gobernado polo Partido Popular. O concello de Carral, por exemplo, estivo gobernado polo PP durante moitos anos e iso non lle impediu convocar un premio de poesía ben recoñecido por coidar, respectar e promover non só as obras gañadoras, senón a poesía en si mesma. Falo con coñecemento porque tiven a honra de gañalo e de estar no seu xurado no ano seguinte.
Por fortuna, O corazón pronúnciase extenso verá a luz grazas a Espiral Maior e ao seu editor Miguel Anxo Fernán-Vello que quixo darlle a man a este libro. Eu agradézollo inmenso. Iamos presentalo en Vigo, xunto coas amigas Iolanda Zúñiga, Silvia Penas e Míriam Rodríguez. Quedou parado pola emerxencia sanitaria, coma tantas producións. Sairá algún día da nova era.
– P: O corazón pronúnciase extenso é un verso que aparece case ao final do libro. O corazón está bastante presente nas súas páxinas, en xeral. Que é o corazón neste poemario? Por que este título?
– OM: Este título e tamén a imaxe recorrente do corazón falan da verdade que reside no amor pola vida, unha verdade aberta e profunda. Hai un fermoso mural en Lalín que, sobre unha bandeira de Palestina, di: “nós tamén amamos a vida cando podemos”. Iso é o corazón. Ese é o título do libro. Pronunciamos a verdade extensa da defensa da vida.
– P: O poemario parece situarse no tempo histórico do último século: desde a guerra civil, quizais. En relación con el, aparecen a memoria, o esquecemento ou a esperanza. Cal é o tempo deste libro?
– OM: Acontece no presente. O libro é unha travesía ou éxodo a través da neve que se está producindo. Non obstante, leva producíndose longo tempo. Concordo coas referencias ás que aludes e é posible que as persoas e os feitos que transitan estes poemas veñan camiñando dende a guerra civil. (…)”

A Coruña: Gala de entrega de premios do VI Certame de Curtas para Rosalía

VI Certame de Curtas para Rosalía 2016DESCRICIÓN DA GALA
Concerto de Davide Salvado e a súa banda.
Entrega de premios e proxección das curtas gañadoras.

SOBRE O CERTAME CURTAS PARA ROSALÍA:
A AS-PG leva seis edicións do Certame de Curtas para Rosalía, unha aposta do audiovisual como forma de homenaxe e divulgación da Literatura Galega.
Curtas para Rosalía é un certame xa asentado dentro do audiovisual galego con cada vez maior número de participantes, entre os que encontramos tanto persoas cunha traxectoria audiovisual consagrada como xente nova que está a iniciar este difícil camiño.

2016: VI CERTAME DE CURTAS PARA ROSALÍA
Coincidindo esta edición con dous feitos moi relacionados coa cidade da Coruña: o nomeamento do escritor Manuel María, veciño da Coruña, autor ao que se lle dedica o día das Letras Galegas 2016 e a celebración do centenario da fundación das Irmandades da Fala que tivo lugar na Coruña en 1916, a AS-PG convocou nesta VI edición premios en tres categorías:
Premio Irmandades da Fala
Premio Manuel María
Premio Mellor curta VI edición

CURTAS FINALISTAS
-Na modalidade Irmandades da Fala:
Mira a miña pel de Pablo Kaufmann e Miriam Rodríguez
-Na modalidade de Manuel María:
Choiva de Denisse Lozano Hermida
Canción da hora na que ladran os cás de Millán Castro Vilariño
Telexornal Manuel María de Luís López Aldegunde
-Na modalidade de Mellor Curta da VI edición de Curtas para Rosalía:
Adiós Soidá de Fran X. Rodríguez
O espantallo amigo de Carlos Seijo
O prezo da dote de Chus Domínguez

ENTREGAN OS PREMIOS:
Na modalidade Irmandades da Fala: José Manuel Sande, concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña.
Na modalidade Manuel María: Saleta Goi, compañeira de Manuel María durante 46 anos
Na modalidade de Mellor Curta da VI edición: Xoán Costa, presidente da AS-PG

SOBRE DAVIDE SALVADO
Davide Salvado é unha das voces musicais máis representativas de Galiza. Leva media vida recorrendo as aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas. Desa experiencia aprendeu non só a tradición na música, senón todo un xeito de vivir.