Compostela: Xornada A Voltas co Baile, o 30 de setembro


No sábado 30 de setembro retomamos a actividade “A voltas co baile” na que procuraremos reflexionar sobre o sentido de comunidade nos espazos e prácticas nas que se desenvolve.
Para isto, contamos co seguinte programa:
– De 10h30 a 11h30. Relatorio. Ao coidado do patrimonio inmaterial. Repensando a música e o baile tradicionais como bens mancomunados. Con Xulia Feixoo.
– De 11h45 a12h45. Relatorio. Arredor do patrimonio cultural inmaterial colectivo. Viaxe a unha declaración BIC. Con Beatriz Busto.
– De 13h a 14h. Mesa redonda. Foliada, ruada, serán… O encontro da comunidade a través do baile. Contaremos con Adrián Méndez pola Foliada da Fonsagrada, Chus Caramés polos Encontros de música tradicional de Carboeiro (Silleda) e Lucinda Barcia e Monserrat Alvariño Barcia polo Serán dos Namorados (Toutón, Mondariz).
De 14h a 20h. FOLIADA. No xardín da ala sur do Museo e co-organizada coa AVV A Xuntanza e o grupo das Festas do Barrio de S. Pedro.
Xornadas de balde.
Inscricións (só precisa para a xornada teórica) en servizosdeac@museodopobo.gal antes do 29 de setembro.

Xusto Beramendi recibe a Medalla de Ouro do Museo do Pobo Galego

Desde Nós Diario:
“Coincidindo coa asemblea do padroado do Museo do Pobo Galego (MPG), o sábado 27 de maio entregóuselle ao historiador Xusto Beramendi, un dos seus fundadores, a Insignia de Ouro da entidade.
O padroado, na súa intervención, recoñeceulle que “os factores considerados para conceder as anteriores insignias de ouro concorren no caso do Dr. Beramendi González”.
Lembraron, ademais, por unha parte, que, “xunto cos xa finados Carlos García Martínez e Rafael Baltar Tojo concibiron a idea de crear o MPG, recollendo arelas históricas do galeguismo e valéndose da plataforma do COAG, ao que estaban vencellados laboral e profesionalmente.”
Por outra, recordaron que “ao longo de moitos anos asumiu responsabilidades de xestión no propio MPG, primeiro como secretario, logo como presidente da Xunta Reitora, e finalmente como presidente do padroado”.
Tiveron en conta desde o padroado, tamén, que “até o último momento levou o leme de MPG para non desviarse dos obxectivos de medre e anovamento” polo que “coherente coas súas ideas, en maio de 2022 para non perpetuarse no cargo renunciou á presidencia do padroado e desbotou a idea de presentarse á reelección”.
Após participar na fundación do Museo do Pobo Galego, exerceu como secretario do padroado entre os anos 1976 e 1986.
Posteriormente, foi nomeado presidente da Xunta Reitora en 2000. Un posto que ocupou até 2011, ano no que foi escollido presidente do padroado.
En abril de 2022 anunciou a súa decisión de retirarse e escolleuse á profesora Concha Losada, daquela vicepresidenta, como nova presidenta.”

Pakolas, Museo do Pobo Galego, Orgullo galego e Daniel Romero gañan os Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“Pakolas. Rock infantil e familiar en galego’ na categoría iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade; o Museo do Pobo Galego e Orgullo Galego, ex aequo na categoría de entidades; e o técnico de normalización lingüística Daniel Romero na categoría de persoas, son as catro propostas gañadoras dos XIV Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña. Trátase do certame que, cada ano, recoñece e premia o labor de promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito territorial da provincia como no de todo o país.
O xurado, presidido pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, estivo conformado por María Canosa Blanco, gañadora na categoría persoas da anterior edición; Irimia Fernández Álvarez, gañadora na categoría iniciativas de dinamización tamén en 2022; e por María Alicia Fernández Rodríguez, representante de AELG, entidade que tamén resultara gañadora o pasado ano. Como secretaria actuou Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña.
Na categoría de persoa, o xurado decidiu premiar a Daniel Romero, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística no Concello de Fene, por “abrir novos camiños e innovar en diferentes ámbitos sociais e de dinamización da lingua, realizando un traballo continuado durante décadas”. No seu informe, o xurado tamén salienta que “o seu exemplo, coherencia e compromiso convérteo no faro das persoas dedicadas á normalización lingüística”, tras máis de 40 anos traballando tanto desde o concello como desde outras responsabilidades profesionais nesta longa traxectoria. Da súa man, o galego chegou con forza ás tecnoloxías da información e á comunicación con iniciativas en que Daniel Romero participou como Ciberlingua, galego.org ou Vieiros.
En canto á categoría de entidades, o xurado concede o premio exaequo ao Museo do Pobo Galego e a Orgullo Galego, considerando que ambas propostas son “divulgadoras e mantedoras de coñecemento e contido cultural”; no caso do Museo do Pobo Galego “cunha traxectoria xa consolidada no tempo”, mentres que Orgullo Galego representa “unha nova expresión de transmisión da lingua e cultura galegas”. Neste sentido, a proposta do Museo do Pobo Galego, no eido lingüístico, salienta a conservación e custodia dunha extraordinaria Biblioteca declarada de Especial Interese para Galicia no ano 2012. Este acervo bibliográfico e documental está composto polos máis de 100.000 volumes, entre libros e publicacións periódicas, que conforman a Biblioteca, cun Arquivo que ocupa máis de 600 metros lineais (entre manuscritos e mecanoescritos) e un conxunto de materiais de características singulares: fotografías, postais, mapas e planos, carteis, partituras, pergameos ou follas voandeiras. Mentres, pola súa banda Orgullo Galego é unha iniciativa destinada a normalizar o uso da lingua galega nas redes sociais, para que a poboación teña espazos de referencia do idioma propio e que figure en pé de igualdade con outros idiomas do mundo, demostrando que é unha lingua viva, moderna e con futuro e fai parte das ferramentas tecnolóxicas máis actuais.
Por último, na categoría de proxecto de dinamización lingüística que realiza un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, o xurado escolleu a proposta ‘Pakolas. Rock infantil e familiar en galego’ por considerar que “utiliza unha linguaxe universal, a música, para involucrar calquera xeración no uso normalizado da nosa lingua”. O informe do xurado tamén indica que “non só utiliza a súa enerxía e entusiasmo sobre o escenario, senón que fai uso doutras vías para divulgar e promocionar a cultura”. ‘Pakolas’ é o músico e narrador Paco Cerdeira en formato solitario, cun espectáculo co que percorre bibliotecas, centros de lectura, feiras do libro, e outros espazos como teatros, auditorios, ou centros sociais.”

Compostela: presentación do DVD Batallón Literario da Costa da Morte. 25 anos despois

Intervirán no evento: Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; Pepe Formoso, precursor do proxecto; Modesto Fraga, poeta e coordinador; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística e pechará o acto Manoele de Felisa, que interpretará Feros Corvos.