Nacho Taibo: “Hai algo que me afecta moitísimo máis que unha crítica negativa, e é a ausencia, o silencio total”

Entrevista de María Obelleiro a Nacho Taibo en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Dalgún xeito a túa obra representa un boom entre 1975 e 1980 na literatura galega.
– Nacho Taibo (NT): A miña literatura nunca representou nada dentro da literatura galega, teño que dicilo obxectivamente ou, cando menos, honradamente. Busquei sempre a orixinalidade, nunca quixen camiñar por onde xa camiñaran outros. Non sei se o conseguín algunha vez, pero nesa época si que gañei algúns concursos, tiven críticas, algunhas moi favorábeis, e estiven un pouco “en palmiñas”, mais seguramente, como me dixo un catedrático o ano que me deron o Premio da Crítica, “é que non había outra” [ri]. A partir de aí xa deixei de estar “en palmiñas”, até hoxe.
– SG: Por que?
– NT: Esa pregunta fágoma con frecuencia a min mesmo, porque non atopo quen me conteste. O espello non contesta, entre outras cousas, porque non me miro moito ao espello, pero hai ano e medio publiquei unha novela gorda que me aceptou Xerais. Estoulle moi agradecido a Xerais por embarcarse aí, porque supoño que era un risco. A respecto da pregunta anterior, nos primeiros anos a literatura galega non sabía moi ben por onde tirar e vou facer un salto no baleiro: ao mellor alguén decidiu por onde tiña que tirar, pero non sei quen nin con quen criterios. Non me atrevo a sinalar. Teño conciencia clarísima de que non son un autor comercial e nunca quixen selo e iso puido influír moito.
Unha vez levei unha novela gorda a varias editoriais e un rapaz dunha editorial, despois de lela, díxome, bastante nervioso e moi cordialmente, “polo prezo desta novela tan extensa podemos publicar tres libros que se coloquen facilmente no ensino”, e esa declaración tan sincera posibelmente explique moitas cousas. Houbo unha época en que se publicaba demasiado con vistas aos alumnos, e ademais pensando que os alumnos son bobos e que non se lles deben meter nin problemas políticos, nin sociais nin moito menos de sexo na cabeza. Esa época creo que xa pasou hai algúns anos. Hai unha polémica sobre se está infantilizada a literatura galega por isto mesmo que estou dicindo e penso que si, que se infantilizou a narrativa, non toda a literatura, mais iso non explica todo o que se publica actualmente, moitas cousas non se fan con vistas aos alumnos dos institutos.
– SG: Que impacto tiveron en ti as e os críticos?
– NT: Son sensíbel ás críticas, non son indiferente, non paso delas e algunha vez rebótome contra o que considero unha crítica inxusta. Crítica inxusta chamo á de aquel que non entendeu nada ou a de aquel que aparenta que non leu o texto que está criticando. Creo que son capaz de admitir críticas negativas se me parecen xustas, cando me parecen inxustas rebótome comigo mesmo. Hai algo que me afecta moitísimo máis que unha crítica negativa, e é a ausencia, o silencio total. Unha vez publiquei unha novela bastante gorda, que se chama A ponliña irlandesa (Edicións do Castro), e que me deu bastante traballo, non tivo ningunha palabra. Prefiro que me poñan a caldo que ese silencio. (…)”

Acordos da Asemblea Xeral de Socios-as da AELG 2018

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá do sábado 17 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as.

A secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, fixo un balance de 2017, que pode ser consultado aquí.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2018 respectivamente a Luz Fandiño e a Manuel Pazos Pazos de Merexo. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións terá lugar na III Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.

Luz Fandiño. Nacida en Compostela en 1931, boa parte da súa vida pasouna na emigración, primeiro na Arxentina, país no que residiu desde os 21 anos ata 1952, e logo en Francia ata 1979. É escritora e activista social e cultural en permanente compromiso coa lingua, co feminismo e coas causas dos desfavorecidos, amais de autora de dous libros de poemas: Farangulliña de neve (1998) e O pracer de envellecer (2014).
Na emigración en Arxentina, a pesar de seren anos duros para ela, descobre a poesía de Rosalía de Castro e a de Cabanillas, e o galego como lingua literaria.
En París descobre un país, o seu, e toma conciencia e participa nos movementos sociais da convulsa Europa daqueles anos. Todas esas experiencias están reflectivas na súa obra de creación e no seu afán por divulgar o que sente pola matria e pola lingua.

Manuel Pazos Pazos de Merexo. Naceu o 9 de maio de 1926 en Merexo, concello de Muxía. Axiña cumprirá 92 anos. Pazos é o último grande músico do acordeón diatónico da Costa da Morte, o grande mestre tamén da memoria de todas as “palilladas”, bailes e pandeiretadas que aconteceron nesa banda do mundo dende as primeiras décadas do século XX.
A súa memoria abrangue tamén todos os saberes da cultura tradicional, e fitos históricos moi significados como o contrabando do wolframio (ao que se dedicou como todos os veciños da zona) durante a II Guerra Mundial. Ë protagonista do libro-disco Pazos de Merexo. O acordeón diatónico da Costa da Morte, e recibiu varias homenaxes.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans.
O Premio será entregado o día 19 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer e Hélia Correia.
Isabel-Clara Simó é licenciada en filosofía e en xornalismo, e doutorada en Filoloxía Románica. Como xornalista dirixiu o semanario Canigó e colabora habitualmente en diversos medios de prensa escrita, radio e televisión. Foi delegada do Libro do Departamento de Cultura da Generalitat de Catalunya, profesora da Universitat Pompeu Fabra e vicepresidenta da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana.
Da súa obra literaria destacan, entre moitas outras obras, És quan miro que hi veig clar (1979), Alcoi – Nova York (1985), Històries perverses (1992), Perfils cruels (1995), Dones (1997), Estimats homes (una caricatura) (2002), Angelets (2004), Amor meva (2010), Els invisibles (2013), ou Jonàs (2016).
Cabe destacar tamén o seu labor xornalístico, do que recolleu parte dos seus mellores artigos no volume En legítima defensa (2003); e a ensaística, con ensaios como Sobre el nacionalisme (2000) e Si em necessites, xiula (2005).
Publicou máis de cincuenta títulos pertencentes a diversos xéneros: novela, narrativa breve, narrativa xuvenil, teatro, poesía, guións radiofónicos e televisivos, ensaio, memorias, etc. Foi galardoada co Premio Sant Jordi, o Premio da Crítica Serra d’Or, en catro ocasións co Premio da Crítica dels Escriptors Valencians, o Premio Andròmina de narrativa, o Premio á Traxectoria da Setmana del Llibre en Català, a Medalla de Ouro de Alcoi, o Premio Jaume Fuster dels Escriptors en Llengua Catalana e o Premio de Honor das Lletres Catalanes, entre moitos outros. Desde o 2016 é a decana da Institució de les Lletres Catalanes.
Con reedicións constantes da súa obra e traducións a diversos idiomas, entre elas ao galego (Raquel e Xoel), Isabel-Clara Simó é unha das figuras máis populares da literatura actual en lingua catalá.

Así mesmo, acordouse que Nacho Taibo sexa o próximo Escritor na súa Terra – Letra E e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo cuarta edición; será no mes de xuño no Concello de Oleiros.

Alén de se incorporar Lois Pérez ao Consello Directivo da AELG, aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próxima a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro.

O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, xa en andamento; tamén a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración dunha nova Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a undécima, da Xornada de Literatura de Tradición Oral.

Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.

Finalmente, a presidencia da AELG expuxo á Asemblea o proxecto Parlamento de Escritoras-es: para o outono próximo, a AELG convocará na cidade de Pontevedra a primeira edición desta iniciativa que parte da idea de que o escritor/a, alén de atender a súa actividade creativa, e mesmo dentro dela ou coma prolongación dela, ten que analizar e ser altofalante da situación actual de falta de garantías democráticas no exercicio dos dereitos civís. Por iso se xulga necesario convocar as Escritoras e os Escritores para falar da situación dos medios de comunicación e o poder, da violencia estrutural, da violencia contra das mulleres, da destrucción do noso patrimonio cultural e o noso medio natural, ademais de analizar o efecto das dinámicas lexislativas regresivas no Estado Español, que comportan novas e diversas formas de censura.

A presidencia tamén expuxo á Asemblea a necesidade de defender o libro en galego coa creación dunha ampla plataforma, desde a que instar o Goberno galego a que cumpra as súas responsabilidades estatutarias, entre as que está o desenvolvemento efectivo da lei do libro e da lectura.

A AELG acorda a creación dun Parlamento de Escritoras e Escritores

Artigo de María Obelleiro en Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) congregou na mañá do sábado as súas socias e socios na Asemblea Xeral, en que aprobou recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria Luz Fandiño e Manuel Pazos, así como ratificar Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal e Xoán-Ignacio Taibo como Escritor na súa Terra Letra-E. Entre as novidades, a AELG acordou celebrar un Parlamento de Escritoras e Escritores no outono.
O Museo do Pobo Galego acolleu na mañá do sábado a Asemblea Xeral da AELG, en que se acordou a creación do proxecto Parlamento de Escritoras e Escritores, que se celebrará en outono na cidade de Pontevedra. A iniciativa parte da idea de que a escritora ou o escritor, alén de atender a súa actividade creativa, “ten que analizar e ser altofalante da situación actual de falta de garantías democráticas no exercicio dos dereitos civís”.
Neste contexto, a AELG xulga necesario “convocar as escritoras e os escritores para falar da situación dos medios de comunicación e o poder, da violencia estrutural, da violencia contra das mulleres, da destrución do noso patrimonio cultural e o noso medio natural, ademais de analizar o efecto das dinámicas lexislativas regresivas no Estado Español, que comportan novas e diversas formas de censura”.
En declaracións a Sermos Galiza, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, pon de manifesto que a entidade “constatou que é necesario tomar consciencia e conciencia de que o escritor ten que participar en defender a cultura e en ser parte moi activa da defensa da cultura no sentido máis amplo do noso patrimonio natural e cultural”. “Ten que pronunciarse nun momento en que autores de letras de cancións e mesmo actores e diversos creadores están a ser imputados para ser xulgados, atacando a liberdade de expresión”, engadiu, “ante este novo tempo de diversas formas de censura teñen que dar un paso á fronte”.
Cesáreo Sánchez explica que o Parlamento xorde da necesidade de “crear un lugar onde poder defender e denunciar ataques aos dereitos civís e nacionais”. “Pensamos que hai momentos na historia en que hai moitas cousas en perigo e que o escritor ten que ser unha das partes máis activas da sociedade, non só coa súa obra, senón como portavoz das necesidades públicas e sociais”.
A Presidencia da AELG, encabezada polo propio Cesáreo Sánchez, tamén expuxo á Asemblea a necesidade de defender o libro en galego coa creación dunha ampla plataforma así como a instar o Goberno galego a que cumpra as súas responsabilidades estatutarias, entre as que está o desenvolvemento efectivo da lei do libro e da lectura.
A este respeito, Cesáreo Sánchez, afirma en declaracións a este medio que “se non hai libros, non se pode concretar a escrita” e emprega unha metáfora coa xente do mar e as cotas pesqueiras, “os mariñeiros e armadores reivindican cotas no Gran Sol, se non, non hai barcos”. Salienta, ademais, que “sen libros, non hai país” e sinala que a AELG ten constatado un empobrecemento no ámbito cultural, “a través da nosa axenda cultural, detectamos que nos últimos dous anos houbo un descenso dun 10% da actividade”. Estas, di, “son alertas que indican que hai menos actividade social porque hai menos libros e menos fondos de apoio á cultura”.
Ademais, a Asemblea Xeral da AELG acordou recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2018 Luz Fandiño e Manuel Pazos, a proposta da Comisión de Literatura e Tradición Oral da AELG, previa deliberación do grupo de traballo formado por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa. A AELG entregará estas distincións na III Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, que terá lugar en Lugo no outono.
A entidade tamén ratificou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, “desde o profundo respeito e afecto á súa persoa e á valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans”. O galardón entregaráselle o 19 de maio de 2018 na III Gala do Libro Galego, que decorrerá no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
A escritora de Alacant súmase, deste xeito, aos nomes de Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer e Hélia Correia, que anteriormente recolleron o premio da man da AELG.
A Asemblea Xeral aprobou nomear Xoán-Ignacio Taibo “Escritor na súa Terra-Letra E”. A homenaxe, que chega este ano á súa vixésimo cuarta edición, terá lugar en xuño no Concello de Oleiros.
A este respeito, Cesáreo Sánchez salienta que “celebramos poder agasallar co recoñecemento esas persoas que nomeamos”. “Somos unha cultura cunha potencia creadora contrastada e só necesitamos apoio, infraestruturas, e instrumentos de desenvolvemento da nosa cultura, dese potencial creador que existe na cultura”, agrega. Como mostra, alude ás novas creadoras, “toda unha eclosión de creatividade”.
Entre outras cuestións, a AELG acordou incorporar Lois Pérez ao Consello Directivo e aprobou o programa de actividades para o ano, enceta coa inminente celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro. Entre os actos que formarán parte da programación da AELG para 2018 destacan os paseos literarios e os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, así como as xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea, as polafías e a Xornada de Literatura de Tradición Oral.
A visibilidade da escritora e do escritor a través da web volverá ser un eixo central da actuación da AELG co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada socia e socio conta no Centro de Documentación da web.”

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do mércores 9

O mércores 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Presentación de Cántigas de Alén, de José Ángel Valente, en recompilación de Claudio Rodríguez Fer, publicado por Ouvirmos.
19:45 h. Presentación de Eugenia Osterberger: A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), de Beatriz López-Suevos, Susana de Lorenzo e Rosario Martínez Martínez, publicado por Ouvirmos.
20:00 h. Sinatura de Nacho Taibo na caseta da librería Lume.
20:00 h. Contacontos de Pedro Brandariz: Os contos de Toribio, no Palco da música.

Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2017

Na Galería das Letras do Festigal 2017, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o martes 25 de xullo:

16:00 h.: Doris Benegas, unha loitadora do pobo, coord.: Pablo Arroyo, publicado por Último Cero. Participan: Fernando Valiño, Luis Ocampo, María Xosé Queizán Vilas (colaboradora do libro) e Guillerme Vázquez.
16:20 h. Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Ed. Galaxia. Participa, xunto á autora, María Xosé Cacabelos, Presidenta da Asociación de Mariscadoras de Guimatur.
16:40 h. Conversa con Nacho Taibo e Carlos Callón arredor dos seus libros Os tres de nunca e Galegofalantes e galegocalantes, publicados por Xerais.
17:00 h. Os nomes do terror. Galiza, 1936. Os verdugos que nunca existiron, coord.: Dionísio Pereira, Eliseo Fernández, Xoán Carlos Garrido e Xosé Ramón Ermida, publicado por Sermos Galiza. Participan os coordinadores do mesmo e Xoán Costa.
17:20 h. Repente galego, de Ramom Pinheiro Almuinha, publicado pola Deputación de Pontevedra e Asociación ORAL. Participan: Xosé Leal, Eva Vilaverde, Carlos Alonso e o propio autor. Coa actuación das regueifeiras Alba María e Lupe Blanco.
19:40 h. Os soños na gaiola en concerto. Proxecto colectivo promovido polo Concello de Rianxo, Escola de Música de Rianxo, o CEIP Ana Mª Diéguez de Asados e a Fundación Manuel María. Ed. Casa-Museo Manuel María. Participan: Saleta Goi, Irene Amado, coordenadora do proxecto, Adolfo Muíños e Alberte Ansede.
20:00 h. Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa), de María do Pilar García Negro, coeditado pola Fundación Galiza Sempre e Federación Galiza Cultura. Participa, xunto á autora, Francisco Jorquera Caselas.
20:20 h. Ramón del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid 1912-1925, de Javier del Valle-Inclán Alsina, publicado por Laiovento. Participa, xunto ao autor, José Ángel Maquieira.
20:40 h. Atlas das nações sem Estado na Europa, publicado por Através Editora. Participan: Valentim Fagim, editor, e Abraham Bande, adaptador e tradutor do orixinal.

Nacho Taibo: “A miña obra foi desaparecendo dos libros de texto. Sentinme ninguneado, coma agora”

Entrevista de Montse Dopico a Nacho Taibo en Praza:
“(…) – Praza (P): Nada máis comezar a ler [Os tres de nunca] chama a atención a estrutura. Xa Flor do Grelo eran pequenos relatos. En Informe bestiario tamén son pequenos capítulos relacionados de distintas maneiras… Por que optou por contar así a historia?
– Nacho Taibo (NT): Realmente, a idea inicial partiu de lecturas sobre a Segunda Guerra Mundial. Parecíame que nos libros que estaba a ler faltaban algunhas cousas. Mais non quería repetir a fórmula de Informe Bestiario. A estrutura é semellante máis ben á de Homes de ningures que, coma Os dous de sempre de Castelao, conta dúas historias paralelas que se van contrapeando, entrelazando, alternando en contrapunto. No caso de Os tres de nunca son tres personaxes principais e non dous mais, claro, eu xa non son a mesma persoa que escribiu Homes de ningures porque pasaron moitos anos. Agora teño moita máis verborrea, no canto daquel estilo condutista…
Para situar tres personaxes na Segunda Guerra Mundial, tiña que contar o que acontecera aquí antes, aínda que me provocaba vertixes. Decateime de que, para iso, tiña moita información que podía servirme. Eu nacín 10 anos antes do último día da Guerra Civil. Puiden falar con xente que me contou historias sobre o que viviu na guerra. Por iso, na novela hai bastante de historia de transmisión oral, -que non historia oral, que iso é ciencia-, historias que me contaron membros da miña familia, ou da familia da miña muller ou, en xeral, xente que coñecín. Con Informe Bestiario non lle vexo moita conexión, no sentido de que naquel libro eran historias que contiñan outras, como nunha matrioshka. (…)
– P: En Os tres de nunca un home faise xigante, outro toupa, outro le o pensamento dos coruñeses… Alén de que os poderes máxicos son usados moitas veces polos seus personaxes para enfrontarse ou fuxir da opresión, algo pode haber de pegada de Cunqueiro nesa presenza do marabilloso. Aínda que a súa obra podería situarse nese sentido máis se cadra ao lado de Ferrín, pola maneira de falar do político a través do fantástico…
– NT: Eu sempre quixen facer narrativa fantástica. As miñas fontes básicas, cando tiña 25 ou 26 anos, eran Jorge Luis Borges -a súa escrita fantástica- e Cunqueiro. Os dous, pasados por unha perspectiva crítica da sociedade. A miña terceira fonte era Celso Emilio Ferreiro, a quen coñecín a Madrid. Non teño dotes para a poesía: son máis prosaico. E non quería ser cartesiano, newtoniano. En A Ponliña irlandesa e en As boas familias -que non mereceron ningunha crítica-, non hai elementos fantásticos. Eu tiña unha imaxinación desbordante -agora xa non- mais sempre quixen escribir para liberarme da lei, da forza da gravidade… Das leis físicas, da presión do tempo… Non concibo que non poidamos movernos libremente na dimensión do tempo. (…)
– P: Comentou vostede antes que tivo, de varios dos seus libros, poucas ou nulas críticas. Di na súa autobiografía na web da AELG que a partir do 1981 percibe “rexeitamentos” cara o seu traballo. Críticas “gratuitamente contrarias”, promesas de publicación incumpridas… Que pasou?
– NT: Pois non sei. Se cadra hai unha conspiración internacional contra min. Da CIA non, que non son tan importante. Da KGB tampouco, que estou con eles… (Ri). Pero si, tiven problemas cos editores e teño moita obra inédita. Por iso lle estou tan agradecido a Xerais… En canto á crítica, pode ser boa ou mala, pero o peor é o silencio.
Iso pasoume con Salvador de Occidente, que tivo unha soa crítica, en internet e moi negativa. De As boas familias, ningunha. Podo interpretar, por iso, que os críticos evitan escribir sobre os meus libros para non ter que dicir cousas desagradables… Tamén me consta, e non vou dicir os nomes, que hai editoras que aceptan libros para analizar e logo non os len. (…)”

Crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Nacho Taibo, o 6 de maio

Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria do sábado 6 de maio, con Nacho Taibo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseo pola Coruña Literaria con Nacho Taibo, o sábado 6 de maio

Paseos pola Coruña literaria – Primavera 2017 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na cidade:

Sábado 6 de maio (12:00 h – 13:30 h): paseo con Nacho Taibo.
O paseo percorrerá algunhas recordacións do autor sobre o centro da Coruña, fundamentalmente en relación cos escenarios da novela Os tres de nunca.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, pode facerse na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9.00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, a partir das seguintes datas:

Para este Paseo con Nacho Taibo a inscrición está aberta desde o luns 24 de abril. Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

O seguinte paseo será:
– Sábado 13 de maio (12:00 h – 13:30 h ): paseo con Francisco X. Fernández Naval.

Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2017

Paseos pola Coruña literaria – Primavera 2017 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na cidade:

Sábado 1 de abril (12:00 – 13:30 h): paseo con Emma Pedreira.
​Este paseo é ao mesmo tempo un recital efémero, unha exposición fotográfica itinerante, unha homenaxe da poeta ao fotógrafo e ás rúas que pasearon e viviron xuntos como neta e avó, unha volta ao pasado nos tempos da guerra civil e, sobre todo, unha entrada exclusiva nun álbume de familia daquel neno que aprendeu o oficio da fotografía dentro dunha guerra.

Sábado 22 de abril (12:00 h – 13:30 h): paseo con Beatriz Maceda.
​Camiñar, retornar ao barrio de Beiramar na compaña dos versos de Luísa Villalta e do pasado anarquista deste o meu lugar da infancia, que sempre mirou cara ao mar. No que aprendín que ser muller era sinónimo de afouteza, que os viquingos contaban historias máxicas e, que na vida hai barricadas.

Sábado 6 de maio (12:00 h – 13:30 h): paseo con Nacho Taibo.
​O paseo percorrerá algunhas recordacións do autor sobre o centro da Coruña, fundamentalmente en relación cos escenarios da novela Os tres de nunca.

Sábado 13 de maio (12:00 h – 13:30 h ): paseo con Francisco X. Fernández Naval.
​A Coruña: feminina e plural. Dous serán os fíos condutores: a particularidade de ser A Coruña unha cidade que deu, ou na que viviron, mulleres transcendentes no seu pensamento e nos seus feitos e, tamén, o de ser de sempre cidade liberal. Pasaremos por lugares vinculados a María Casares, María Miramontes, María Pita, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Herrera Garrido, Luísa Villalta. Falaremos do mito do nome da cidade, da razón da rúa das Damas, e invocaremos a Juana de Vega, Concepción Arenal, Isabel Zendal ou Eugenia Osterberger, sen deixar de atender ás referencias liberais que atoparemos camiño.

Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, pode facerse na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9.00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, a partir respectivamente das seguintes datas:

– Paseo con Emma Pedreira: inscrición desde o xoves 23 de marzo.
– Paseo con Beatriz Maceda: inscrición desde o luns 10 de abril.
– Paseo con Nacho Taibo: inscrición desde o luns 24 de abril.
– Paseo con Chisco Fernández Naval: inscrición desde o martes 2 de maio.

Entrevista a Nacho Taibo, autor de Os tres de nunca

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O escritor Nacho Taibo comenta a súa última novela, Os tres de nunca, onde, baixo un título que homenaxea a Castelao, se conta a historia de tres personaxes separados pola Guerra Civil, que van pasando por diferentes escenarios ata chegaren a Francia ou a Inglaterra da Segunda Guerra Mundial. Pode accederse á entrevista aquí.”