A Deputación da Coruña homenaxea a Begoña Caamaño e Fran Pérez, Narf, dándolle os seus nomes a dous premios de Cultura

Desde a Deputación da Coruña:
“A escritora Begoña Caamaño dará nome ao novo premio que recoñecerá persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven a igualdade de xénero e o músico Fran Pérez, Narf, ao certame de grupos e artistas musicais da área de Cultura da Deputación da Coruña. A vicepresidenta e deputada de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, presentou as novas convocatorias acompañada de tres persoas moi vinculadas cos dous artistas, Uxía, Bea Caamaño e Josemari Etxaniz.
“Os dous premios buscan dialogar coa contemporaneidade, que a xente nova se achegue a estas grande figuras que nos deixaron en momentos magníficos das súas traxectorias artísticas, persoas que tiñan un gran futuro que queremos trasladar ás novas xeracións porque consideramos que as súas obras deixan xermolos para que a xente nova se encardine nelas”, dixo Goretti Sanmartín Rei no acto de presentación dos premios no que estivo acompañada de Uxía, que mantiña cos dous unha intensa relación de amistade e de proxectos comúns, e de Bea Caamaño e Josemari Etxaniz, irmá e compañeiro de Begoña Caamaño.
A responsábel da área de Cultura da Deputación destacou o novidoso do premio Begoña Caamaño que busca recoñecer persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura. “Recolle os ámbitos en que Begoña Caamaño traballou na súa vida como activista feminista e cultural, comprometida cos dereitos das mulleres e na súa faceta de escritora”, explicou Goretti Sanmartín. Sigue lendo

Rosalía, letrista do ano

Desde Sermos Galiza:
“Se algunha conclusión se pode tirar conta de discos deste 2013 a piques de rematar é que Rosalía se consolida como a maior letrista para a nosa música. Uxía, Tempo Catro, Najla Shami, Aid, Xosé e Xiana Lastra con María Manuela e Mini e Mero, Narf, Joaquín Pixán con Alejandro Zabala e agora A Cada Canto, entre outras propostas, puxéronlle música aos seus poemas.
Aid con Rapoemas ou Abe Rábade, Anxo Angueira e Guadi Galego con Rosalía XXI adiantaron o que sería o grande ano de Rosalía como letrista, na estala de Amancio Prada, Los Tamara ou Luz Casal, todas elas voces para a grande poeta que vería como o 2013 coa conmemoración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos se convertería tamén nunha explosión de publicacións nas que os seus poemas pasarían a ser cancións nos máis diversos ritmos, en ampla variedade de estilos. (…)”

Compostela: coloquio, recital poético e música, con Cremildo Bahule e Narf

A cuarta feira 16 de outubro, ás 20:00 horas, na Livraria Ciranda (Rua da Travesa, 7) de Santiago de Compostela, o escritor mozambicano Cremildo Bahule manterá un coloquio sobre estética literaria (similaridades e contendas entre Literatura Mozambicana e da Galiza). Alén da palestra, recitará versos acompañado do músico galego Fran Pérez, Narf, que interpretará varios temas.

Allariz, Silleda, Ponteareas e Mondariz-Balneario: homenaxes a Rosalía de Castro

O domingo 24, en Aira das Letras (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5), catro poetas (Concha Rousia, Iolanda Aldrei, Luz Fandiño e Artur Alonso) recitarán versos na honra de Rosalía acompañados polo trío de música medieval “Ars Anterga”. A lectura de poemas está aberta a quen queira participar.
Por outra banda, todas as persoas que merquen un libro en galego o 23 e 24 levarán de agasallo unha flor.

O Concello de Silleda, nun acto previsto para ás 16:30 horas, descubrirá un mural na rúa Santa Olaia para despois continuar coa lectura de poemas de Cantares Gallegos coa colaboración de Queremos Galego Deza. Están convocadas as asociacións culturais e locais, así como a comunidade educativa. Nos próximos días repartiranse poemas da escritora pola vila.

O mesmo domingo 24, ás 12:30 horas, na Rúa Rosalía de Castro de Ponteareas, a Asociación de Mulleres Floralba efectuará unha ofrenda floral a Rosalía, acompañando a lectura pública das súas obras. Ás 18:30 horas, realizarán a mesma acción na Praza da Auga de Mondariz-Balneario.