Diana Varela Puñal: “Sempre é necesario que a xente lea máis, e particularmente poesía”

Entrevista a Diana Varela Puñal en Que pasa na Costa:
“(…) – Que pasa na Costa (QPC): Es avogada de profesión e convertécheste, tamén, nunha grande escritora. Que foi antes, a vocación literaria ou a profesional?
– Diana Varela Puñal (DVP): Sempre tiven claro que quería ser escritora, de feito é das poucas cousas das que nunca dubidei. A profesión de avogada escollina porque certamente gústame o exercicio da avogacía como modo de vivir, pero a miña vocación é a literaria. (…)
– QPC: Na túa última publicación, Non, amor, decidiches transformar varias das composicións da obra en pezas audiovisuais. Ti mesma tes afirmado que o fixeches co fin de conectar coas xeracións máis novas.
– DVP: A poesía é música, por iso coido que a video-poesía non é ningún invento novo, senón usar as tecnoloxías das que dispoñemos para facer o que sempre se fixo, que é recitar poesía. Os troveiros de antano facíano con outras ferramentas, pero no ano 2019 o razoable e empregar os medios dos que hoxe dispoñemos; o cal non implica que os medios tradicionais non sirvan, senón que son perfectamente combinables. Iso por non falar do necesario que é atraer e animar á xente nova a que lea poesía.
– QPC: Neste sentido, cres que é necesario que haxa máis lectores de poesía?
– DVP: Si, sempre é necesario que a xente lea máis e particularmente máis poesía. Iso exercita o pensamento reflexivo, a interpretación, que son ferramentas poderosas contra a frivolidade e as simpleces argumentativas. Unha sociedade cun discurso simplista é caldo de cultivo perfecto para a xustificación da violencia, a instalación do feísmo e da vulgaridade. (…)”

Diana Varela: “Se por algo paga a pena vivir é porque existe a liberdade e porque temos, ademais, o dereito de exercela”

Entrevista de Montse Dopico a Diana Varela en Praza:
“A videopoesía está a abrirse un camiño cada vez máis sólido na literatura galega. Unha das últimas achegas neste sentido é Non, Amor de Diana Varela Puñal, un proxecto editado en formato convencional en papel e en DVD. A autora dérase a coñecer cos seus poemarios anteriores, Fíos e Animal Abismo, coas súas pezas de teatro e cunha novela, Fin de Festa, reeditada recentemente por Laiovento. En Non, Amor explora o impacto da asunción da morte como único destino inexorable das persoas. Reivindica a liberdade, o amor e a patria, entendida como orixe, tribo, clan. Clama contra a violencia e a intolerancia. E cuestiona, como en Animal Abismo algúns binomios hexemónicos, como o que opón humanos e animais.
– Praza (P): Publicaches primeiro os videopoemas e despois o libro en formato papel. Por que?
– Diana Varela Puñal (DVP): Interésanme moito o teatro e o cine. Este é, ademais, un libro que me levou varios anos facer. Estivo metido nun caixón ata que decidín retomalo. A raíz de facer recitais e, pola experiencia previa que tivera con A morte e a súa voz ausente -unha peza teatral miña sobre Cesare Pavese da que fixemos varias representacións e que gravamos en vídeo-, xurdiu a idea dos videopoemas.
Falei cun amigo que traballa no cine, Cristian Rola, e así foi… Empezamos a coller algúns dos textos e a traballalos doutra maneira. De todas maneiras, a nosa proposta non consiste nunha poeta poñéndose a recitar versos, coma nun recital. As pezas son como pequenas curtas, nas que a imaxe e a música son tan importantes coma a palabra, aínda que sexa poesía. En youtube poden verse algúns dos poemas, pero non todos, porque tamén temos unha edición en DVD.
– P: “Neste breve conxunto de poemas imaxinei como verían o mundo varios personaxes a piques de integrarse na quietude definitiva”, di o limiar do Non, Amor. Todo o libro está marcado pola presenza da morte, quizais da perda de seres queridos, e do xeito no que fuximos da morte, sen estar nunca preparados para a súa chegada.
– DVP: É unha reflexión, si, arredor da morte. Non só pola perda de seres queridos. É, esencialmente, o que pasa cando asumes que a morte sucede, que tamén che vai suceder a ti. É a maneira de afrontalo. Que pode ser iso que chaman delirio, loucura… vivir cos ollos pechados, non querer velo. O libro é unha reflexión sobre este limbo no que vivimos pois, desde que nacemos, estamos camiñando cara ao precipicio. É ese pánico de saber que vamos morrer. Mais tanto ten se estamos preparados ou non, porque vai acontecer igual. É esa angustia de saber que vas morrer, que é o noso único destino claro.
– P: O poemario é moi diferente dos anteriores na forma. Poemas e versos máis longos, e máis narrativo. Por algunha razón especial?
– DVP: Eu pretendín que fose diferente. Non, Amor ten moito que ver coa música, con cancións que eu escoitaba ou tiña na cabeza mentres escribía. Os versos saíanme segundo a melodía da canción. Así foi o proceso: deixeime levar polo río da música. E iso permitiume expresar experiencias dolorosas dun xeito para min máis levadeiro. Non é que eu planease que ían ser poemas longos. Saíu así pola música, polo tema e polo que meu estado me pedía. (…)”

Non, amor, poemas visuais de Diana Varela Puñal

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Non, amor é o último libro da poeta Diana Varela Puñal, unha autoedición desde a editorial Medulia… Poesía e videopoemas co traballo audivisual de Cristian Rola… A candea atravesa a auga. Mirade, escoitade… A entrevista pode verse aquí.”

“Videopoemas: nova vida para a lírica”

Reportaxe en La Voz de Galicia:
“Que terían feito Mendinho ou Martín Códax de ter nacido nos tempos da Internet? Se cadra virarían nunha sorte de youtubers na procura de facer chegar as súas historias máis lonxe do que as viaxes dos trobadores acadaron nunca.
É algo que ten claro a escritora Diana Varela Puñal que decidiu transformar varias das composicións da súa última obra poética, Non, amor, en pequenas pezas audiovisuais. «Este é un libro moi musical, concibido dende o principio para o recitado. Compuxen os poemas baseándome no ritmo que escoitaba na miña cabeza. Os videopoemas permítenlle á xente escoitar ese recitado e iso serve para achegar á xente á poesía. Lela pode parecer difícil pero ninguén recea de oíla. Hai que atraer lectores. O mundo necesita xente á que lle gusten as artes».
Un argumentario moi semellante ao do escritor lucense Xulio Valcárcel. Autor consagrado na tinta e o papel, non dubidou en recorrer a este actual xeito de expresión para lle dar nova vida a algúns dos seus poemas. «É a maneira de achegarse á xente que non acode a unha librería nin a unha biblioteca pero que si accede a Internet, xente que traballa máis coa imaxe que coa palabra. A poesía foi primeiro un fenómeno oral, logo pasou á escrita e agora estamos nun momento no que é necesario usar as novas tecnoloxías».
Tanto Varela como Valcárcel acudiron ao coruñés Cristian Rola para verter os seus textos ao mundo audiovisual. «É unha persoa cunha gran sensibilidade artística. Non se limitou a plasmar en imaxes a literalidade dos textos senón que vai cara unha interpretación abstracta dos mesmos» explica a autora de Non, amor. «Á dimensión puramente literaria engádeselle a plástica e os poemas ganan outro efecto» puntualiza Valcárcel. (…)”