Entrevista a María Solar arredor de Adeline

Entrevista a María Solar en Nós Televisión:
Adeline é unha homenaxe a Carmilla, a primeira vampira literaria, escrita vinte e cinco anos antes de Drácula. Laura vive desde nena agoniada por un estraño don que posúe: ve mortos. Durante anos leva unha vida solitaria no pazo familiar da contorna de Verín. Cando medra, a ansiada vida universitaria en Madrid tampouco é o que esperaba. No regreso estival ao pazo, Laura atopa unha misteriosa viaxeira. A muller é idéntica á que viu en soños moitos anos atrás. Non é un encontro casual. Aquela moza está alí para descubrirlle que o Universo é moito máis inmenso do que percibimos e que os seres ocultos están e estiveron sempre entre nós. “Os non mortos non temos idade. Laura, só quero que saibas que estou en perigo.” Finalista do XV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. A entrevista pode verse aquí.”

Berta Dávila fala sobre A ferida imaxinaria

Entrevista a Berta Dávila en Nós Televisión:
A ferida imaxinaria conta a historia de dúas parellas de irmás distanciadas, dous peixes laranxas e un ganso doméstico. E tamén a dos habitantes da aldea de Soutelo, cerca de Viveiro. Falta pouco tempo para que se produza unha eclipse solar total, pero ningunha das protagonistas ten un interese especial no fenómeno. As catro están mergulladas na súa propia escuridade. Un acuario e unha casa de cristal, a vida corrente e a vida de artista, a amizade entre persoas descoñecidas, as identidades duplas e a viaxe como única maneira de permanencia son algúns dos elementos dunha novela que fala da busca de consolo e en cuxas páxinas xorde unha melodía inesperada que dá conta das feridas da existencia. Berta Dávila crea personaxes, situacións e paisaxes nunca antes vistas e, así e todo, absolutamente próximas e familiares; concibe unha fabulación ateigada de imprevistos, consonancias simbólicas e paralelismos temáticos capaz de producir, coma nos movementos dun ballet, unha sutileza narrativa onde nada carece de senso, e onde todo flúe para provocar o asombro.”