O aprendiz do home do saco e Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na Feira de Lugo

Desde El Progreso, a través de Xerais:
“(…) Comezou a dobre sesión continua coa estrea do novo libro infantil de Antonio Reigosa, O aprendiz de home do saco, un álbum ilustrado por Marta Álvarez Miguens para a serie Merliño. Iniciou o seu discurso Reigosa explicando que o título fai referencia ao Home do saco, Sacaúntos, Sacamanteigas, diversos nomes para chamar por un «personaxe que nos mete medo». «Pretendín traer á actualidade un mito tradicional e actualizalo no marco da cultura de hoxe». Despois relatou a cerna da historia: «O home do saco, o que pon medo, enferma gravemente. Ten un fillo, que é nugallán, que por fin accede a facer o traballo. Até aí podo e debo contar». Comentou que utilizara a estrutura do conto da leiteira «coa intención de acometer a actualización». «O do conto da leiteira ten a súa orixe nun conto protagonizado por un bramán indio». Preguntouse Reigosa se os nenos de hoxe teñen medo ao home do saco. «Cales son os personaxes actuais que teñen aparencia monstruosa? Cada momento da historia ten os seus homes do saco». Rematou a súa intervención gabando o traballo de ilustración de Marta Álvarez, «que entrou nos detalles da historia, superando as miñas expectativas» e recomendou a lectura acompañada do libro, «moi necesaria nestes textos que teñen a súa orixe na literatura popular».
Foi a segunda presentación a da multipremiada biografía de Celso Emilio Ferreiro preparada por Ramón Nicolás. Interviu Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, para salientar a importancia desta biografía no marco da exitosa celebración do centenario do poeta. Pola súa banda, Ramón Nicolás, despois de lembrar os seus vencellos coa cidade e provincia de Lugo, onde exerceu a docencia, abordou os eixos fundamentais utilizados na confección da obra: a documentación oral por medio de numerosas entrevistas, a consulta documental e hemerográfica de centos de publicacións, así como a lectura do epistolario conservado no arquivo da Fundación Celso Emilio Ferreiro, «fontes que me permitiron introducir novidades no periplo vital do poeta de Celanova». Pechou a súa intervención coa lectura dunhas páxinas desta biografía pola que o vindeiro 15 de xuño recibirá o premio Losada Diéguez ao mellor libro de non ficción de 2012.”

Lugo: actividades destacadas dos días 16 e 17 na Feira do Libro

A Feira do Libro de Lugo continúa as súas actividades (na Praza Maior, de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados nestes dous días:

Xoves 16
19:00 h. Presentación do libro+cd+dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, publicado por Galaxia. Participarán no acto Francisco Castro e Pilar Sampil. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.
20:00 h. Presentación do libro As lambetadas dos Larpeiros, publicado por Galaxia, coa participación de Merche Rodal, autora do libro, Xosé Cermeño e Francisco Castro, representante da editorial.

Mércores 17
18:00 h. Festa poética Xistral. Recitado de poemas e lecturas de Roberto Vidal Bolaño a cargo de poetas colaboradores da revista Xistral e outros poetas lugueses. O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello, co acompañamento musical de zanfona, a cargo de Mini.
18:00 h. Actividade infantil. Ana Carreira representa Touporroutou, baseado na obra de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño.
19:00 h. O escritor Antonio Reigosa, presenta o seu libro O aprendiz de home do saco, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado, director xeral da editorial.
20:00 h. Presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, do escritor Ramón Nicolás, publicado por Xerais. Participarán no acto Luís Ferreiro, fillo do escritor, María Reimóndez, Manuel Bragado e o autor do libro.