Actividades a desenvolver no segundo semestre de 2015 na AELG

OAELG Logo 2-2015 Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, reunido no día de hoxe en Santiago de Compostela, fixo balance da actividade da entidade no primeiro semestre do ano e anuncia o traballo a desenvolver no segundo.

Nos seis primeiros meses de 2015 a AELG desenvolveu unha ampla variedade de actividades. Entre as que teñen máis proxección pública está a renovación do esforzo por animar a celebración por parte da cidadanía do Día de Rosalía de Castro, que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove desde 2010. A aceptación e impulso por parte da sociedade e, moi especialmente, polo sector educativo, pódese visualizar no arquivo audiovisual e de imaxes da web da AELG.

Os Premios AELG 2015 entregados na Gala das Letras celebrada en Lugo o pasado mes de maio foron un público recoñecemento do labor creativo conxunto de creadores e creadoras finalistas e gañadores no ámbito literario, testemuña da sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada, a lingua galega; tamén se recoñeceu o labor do oficio do xornalismo, así como o legado das Mestras e Mestres da nosa memoria literaria e social e, finalmente, tamén posibilitaron o nomeamento como Escritor Galego Universal a Luiz Ruffato.

O poeta Xosé María Álvarez Cáccamo xa é socio de honra da AELG e Escritor na súa Terra, grazas á esta homenaxe da AELG que leva máis de 20 anos propiciando o contacto directo da sociedade coas súas escritoras e escritores. Un contacto tamén propiciado pola iniciativa Paseos Literarios, nos que cun escritor/a como guía se ofrece unha outra forma de ver as nosas cidades e vilas e dos que tiveron lugar seis no que vai de ano, aos que se sumarán ao menos outros sete até fin de ano, nas cidades da Coruña, Vigo e Ribadeo. Cun obxectivo parecido a AELG seguirá engadindo contidos á sección da web “O territorio do Escritor/a”, que suma máis de 40 roteiros que permiten coñecer o país desde o prisma do/a creador/a e que este ano actualizará os tramos que transcorren polas provincias de Lugo e Ourense da ruta Pelerinaxes I, que fixeran os escritores da Xeración Nós e relatou Otero Pedrayo nun libro publicado en 1929.

A Escola de Escritores e Escritoras da AELG, que tamén establece pontes entre creadores/as e sociedade, levou un obradoiro á cidade de Santiago e organizará outro no que resta de ano para seguir transmitindo a experiencia apaixonante do acto creador como complementario na formación da persoa e para ofrecerlle a oportunidade de gozar do seu sistema lingüístico, literario e cultural. Tamén se engadirán ás xa existentes na web novas unidades didácticas que faciliten ao profesorado o labor de mediación entre o alumnado e o acto creativo, así como co seu sistema literario. Tamén neste ámbito, a AELG renova o seu esforzo coas V Xornadas de Literatura e Ensino, que terán lugar en outubro.

Actividades con menos proxección pública pero que a AELG considera tamén importantes e que continuará no que resta de ano son a adaptación da súa web (que superou os 17.000.000 de entradas), para que os seus contidos sexan visualizados con maior calidade e en calquera dos novos dispositivos móbiles, alén de incluír novos contidos, particularmente documentación, fotos e vídeos dos seus asociados e asociadas de modo que a súa voz e obra sexa máis accesíbel. A isto tamén contribúe no plano da actualidade a Axenda Cultural da AELG, que no que vai de ano publicou máis de 1.000 novas relacionadas especialmente coa traxectoria literaria dos seus asociados e asociadas pero que tamén acolle outras novas do resto de autores, e a colaboración semanal sobre temas de actualidade literaria na versión impresa do periódico Sermos Galiza (no que tamén se están publicando grupos de palabras do tesaurus acumulado até a data na sección da web Palabras con Memoria), así como colaboracións estritamente literarias na revista O salmón oval.

En setembro terá lugar en Pontevedra a VI edición do Congreso de Escritores/as, unha actividade na que a AELG toma o pulso da nosa literatura e das preocupacións das escritoras e escritores co ánimo de lles buscar solucións e instrumentos para a necesaria visibilidade social do noso sistema literario. Para estes efectos, a asociación xa abriu un proceso de participación entre todas as súas asociadas para perfilar os temas a debater.

A recentemente ampliada Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG organizou unha polafía en Ponteceso, coa participación activa de tres xeracións arredor da regueifa, e ten prevista outra, así como a oitava edición das Xornadas de Literatura de Tradición Oral, que terá lugar en outubro co lema Sexo e obscenidade na literatura galega de tradición oral, e da que se editarán as actas antes de rematar o ano.

A voz das creadoras tamén se achegará á Universidade de Vigo co Ciclo Escritores/as na Universidade, concretamente nas facultades de Filoloxía e Tradución de Vigo e na de Ciencias da Educación de Ourense. Tamén na Universidade de Santiago, entre setembro e outubro, a AELG colabora nunha nova edición do Curso de formación continua «As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora», que este ano falará das Obras imprescindibles para o Ensino Primario o Secundario sobre conflitos bélicos.

Finalmente, en novembro, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega renova o seu compromiso cos asociados non vinculados á escrita estrictamente creativa e celebrará unha Xornada de Ensaio e Pensamento na cidade da Coruña.