Xosé A. Neira Cruz: “Son fillo dunha tradición oral transmitida por mulleres que chegou a min moi viva”

Entrevista de Montse Dopico a Xosé A. Neira Cruz en Praza:
“Unha igrexa que garda, na Costa da Morte, un incrible segredo. Unha familia de mulleres condenadas a vivir mortas en vida. Tres estraños que veñen de fóra, e que son os únicos que poden tentar desennovelar o misterio. Destes ingredientes parte O sono das sereas, a última novela de Xosé A. Neira Cruz, coa que gañou o premio de narrativa breve Repsol. Mais, baixo a intriga, -con elementos de medo-, agóchanse outras capas. A consciencia da morte como final ineludible das nosas vidas. As dúbidas sobre como vivilas. A procura do lugar propio no mundo. E unha sociedade patriarcal que condenaba, e condena, as mulleres que saían do rego. Falamos co autor deste libro e da súa obra en xeral.
– Praza (P): Estou lendo agora en internet que a Igrexa de Santiago de Traba, en Laxe, ten un retablo cunha imaxe da virxe con dúas sereas. Foi dalgunha maneira o punto de partida da historia?
– Xosé A. Neira Cruz (XANC): Esa imaxe tivo importancia, si, foi unha chamada para empezar a pensar cousas. En realidade non son dúas sereas: son Adán e Eva, pero iso sóubeno despois. A idea inicial era máis suxestiva e continuei con ela. Foi, si, semente da novela.
– P: A figura da serea interesábache por algunha razón especial?
– XANC: É unha figura moi suxestiva que percorre todas as mitoloxías, todas as culturas. Na cultura galega, ademais das súas raíces históricas e do seu desenvolvemento literario, foi unha figura recuperada por Castelao para crear unha nova heráldica de Galicia, supoño que recuperando a heráldica dos Mariño de Lobeira, unha familia de Rianxo, na que unha serea sostén o escudo. Ten que ver ademais cunha lenda medieval na que un mariñeiro namora dunha serea e os seus descendentes están condenados a volver ao mar. Pois seguramente Castelao coñeceu esta historia. E o que fixo foi recuperar esta figura da serea e vencellala á modernidade, converténdoa nun símbolo identitario de Galicia. (…)”