María Reimóndez publica O xeito das froitas

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A escritora María Reimóndez publica O xeito das froitas, unha obra con ilustracións de Alicia Varela dirixida aos máis pequenos da casa. Este libro reflexiona sobre quen somos e as reaccións ante o diferente. “Ser quen somos non debería ser un acto de rebeldía, pero por desgraza é unha realidade para moitas persoas”, explica María Reimóndez, quen considera a literatura como un mecanismo para intervir socialmente contra os patróns que a sociedade vende como “normais”.
Outro dos temas presentes nesta obra é o concepto de pobreza, como afrontan os máis pequenos o feito de non ter cartos para comprar o material escolar? Cal é a reacción dos compañeiros de clase? Os prexuízos entre o rural e o urbano aparecen tamén nesta libro de María Reimóndez, quen consegue abrir os ollos do lector ante unha realidade que vive moi preto de nós. A entrevista pode escoitarse aquí.”