O Principal da Estrada acollerá o día 7 a entrega do Premio Varela Buxán

Desde Erregueté:
“O escenario do Teatro Principal da Estrada albergará o mércores día 7 de febreiro a entrega do Premio de Teatro Manuel Daniel Varela Buxán, organizado pola Escola de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) en colaboración coa Fundación Cultural da Estrada. O fallo do xurado coñeceuse o pasado mes de decembro. A obra triunfadora foi Pallaso, presentada baixo o lema Óptimo Máximo, do autor Fernando Castro Paredes. O acto de entrega comezará ás 20:30 horas e terá unha media hora de duración.
Esta obra alzouse con este premio, que xa vai pola súa sexta edición e na que se presentaron un maior número de propostas con respecto a anos anteriores, pola súa construción dramatúrxica rigorosa e coherente e pola súa visibilidade escénica, tal e como apuntaron os membros do xurado. Ademais, destacaron a súa aposta por un humor negro e absurdo cargado de dramatismo e ironía que debulla a realidade social.
Fernando Castro Paredes é natural de Tapia de Casariego, polo que desta maneira é o primeiro autor que gañou este galardón que non naceu en Galicia. É profesor de linguas en Cee e é un dos coordinadores da compañía de teatro escolar Tuéjele Teatro. Recibiu tres accésits do Premio Añón de Poesía e o Premio de Narrativa Historias na Universidade.
Durante o acto do día 7, tamén se entregará impresa a obra gañadora da anterior edición ao seu gañador, a Marcos Abalde Covelo. A premiada neste caso foi Oito epitafios por Troia que recolle unha reflexión sobre a sociedade contemporánea. Ademais, os asistentes serán obsequiados coa mesma.
No acto participarán dous alumnos da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada que lerán unha escena do texto gañador desta última edición.”

Marcos Abalde gaña o V premio de teatro Varela Buxán

DesdeMarcos Abalde Cultura Galega:
Oito epitafios por Troia é o título da obra coa que o vigués Marcos Abalde se facía esta fin de semana coa quinta edición do premio de teatro Varela Buxán. O xurado, que estaba conformado por Santiago Cortegoso, Ana María Carreira e Xosé Lueiro, con Henrique Vázquez como secretario, destacou a “sólida reflexión sobre a sociedade contemporánea, articulada a través da actualización de personaxes e situacións da tradición clásica, nomeadamente As Crónicas Troianas“. Asimesmo, valorou o potencial para a representación dun texto no que o autor constrúe “un universo opresivo e apocalíptico, a partir de diálogos precisos e dinámicos postos en boca de personaxes que viven nunha situación límite marcada pola traxedia”. O galardón, dotado con 1.200 euros en metálico, súmase a un palmarés no que Abalde acumula xa cinco premios de teatro ademais do Fiz Vergara Vilariño de Poesía. En total presentáronse ao certame que convoca o Concello da Estrada un total de sete textos orixinais.”