Braga: XIV Congreso Internacional da Asociación de Estudos Galegos, do 17 ao 20 de abril

PROGRAMA

Xornada en liña A tradución das literaturas en catalán/valenciano, galego e vasco, os 3 e 4 de xuño

A xornada titulada The translation of literatures in Basque, Catalan/Valencian and Galician: Internationalisation Strategies in the British Book Market, terá lugar o xoves 3 de xuño, entre as 16-20 horas peninsulares (3-7pm británicas), en formato en liña. Está co-organizado por Olga Castro (Universidade de Warwick), e mais por Laura Linares (Universidade College Cork) en colaboración co Instituto Cervantes de Londres, e financiado pola British Academy e o Warwick Institute of Engagement. É un acto bilingüe, inglés-español, con interpretación simultánea a través de Zoom.
O obxectivo da xornada é explorar as oportunidades e desafíos aos que se enfrontan as literaturas escritas en catalán, éuscaro e galego de cara á súa tradución ao inglés no mercado editorial británico. Entre as persoas que interveñen atópanse representantes de institucións con competencias nas políticas de tradución no contexto de partida (o Etxepare, o Llull, a Generalitat Valenciana, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura do Goberno de España) así como algunhas das editoriais independentes británicas que están a liderar neste momento o mercado da tradución ao inglés (Comma Press, Fitzcarraldo Editions e Peirene Press). A xornada comezará cunha conferencia de Olivia Hellewell (Universidade de Nottingham), especialista nas políticas de traducción subministradas desde os sistemas de partida (a chamada “supply-driven translation”) no contexto europeo, especialmente no caso das linguas menos traducidas. A xornada concluirá cun debate aberto final, dunha hora de duración (19-20h) no que poderá participar a audiencia.
Quen queira participar na xornada, debe inscribirse no formulario de Eventbrite, dispoñíbel aquí.

Compostela: “A identidade galega no mundo da globalización. Sociedade, Lingua e Cultura”

O Seminario do Consello da Cultura Galega sobre a internacionalización da cultura galega recomenda mudar o sistema de internacionalización da nosa literatura

Desde o Consello da Cultura Galega:
“O pasado mes de xuño, o Consello da Cultura Galega organizou un seminario internacional que analizou a internacionalización da literatura galega hoxe en día, principalmente no mercado editorial inglés. As reflexións desta cita recolléronse nun documento en que se conclúe que estamos no momento ideal para conseguir unha maior visibilización da literatura galega nese ámbito. Pero, segundo este texto, actualmente existen certos atrancos para acadar ese obxectivo: o tecido editorial galego está formado por pequenas e medianas empresas con limitados recursos para o investimento a medio prazo, as editoriais galegas non teñen os dereitos de tradución e os esforzos non responden a unha estratexia comercial senón máis a un compromiso cultural. A internacionalización da literatura galega contemporánea é positiva en canto que incrementa o capital cultural e simbólico pero tamén aumentará o capital económico como resultado de ampliar mercados.
Propostas de acción
As propostas de acción que se recollen neste documento elaborado polas coordinadoras da cita, Olga Castro e Laura Linares, diríxense aos axentes culturais, ao sector editorial e ás administracións públicas, estas últimas, cun peso máis destacado.
No que respecta á Administración, o documento proponse a creación dun organismo independente que se encargue de maneira profesionalizada do traballo de proxección e difusión exterior da lingua e da cultura galegas, incluíndo a promoción do libro por medio da tradución; menciónanse como posibles modelos o Raimon Llull en Cataluña (creado en 2001) ou o Instituto Vasco Etxepare (creado en 2010). Entre as súas posibles funcións salientan ofrecer un catálogo de dereitos e mais crear unha base de datos de editoriais e de tradutoras. Ademais, tamén xestionaría as axudas á tradución que, pola súa vez, deben incorporar melloras (entre elas a simplificación dos trámites das axudas e o aumento do tipo de accións subvencionables). O texto suxire tamén un incremento no apoio ás empresas editoriais galegas para que poidan acudir ás feiras internacionais con bolsas de viaxe e aloxamento e unha caseta colectiva xestionada polas propias editoriais.
As coordinadoras consideran fundamental a implicación doutras entidades ás que tamén propoñen mecanismos de mellora. No que ten que ver coa acción dos axentes culturais, ínstanos á organización doutras xornadas que aborden os desafíos, problemáticas e necesidades doutros axentes claves no proceso de internacionalización, doutros xéneros alén da narrativa e doutros destinos, non exclusivamente o inglés. Con respecto ao sector editorial, propoñen que asuma os dereitos de tradución das obras que publica en galego como primeiro paso para involucrarse logo de maneira activa na promoción exterior do seu catálogo.
Este documento é o resultado dunhas xornadas, que se desenvolveron o pasado mes de xuño, nas que se analizou o contexto de apertura do mercado editorial británico, así como o seu funcionamento. O programa daquela cita artellouse nunha sesión na que expertos das literaturas inglesa e galega falaron do sistema de axudas, das traducións e da situación actual destes sistemas literarios, para dar paso a dous días de obradoiros formativos sectoriais. O evento contou coa colaboración do Centre for Language Research at Aston da Aston University, o Irish Centre for Galician Studies da University College Cork, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Asociación Galega de Editoras.
Neste enlace podes consultar os vídeos e fotografías do evento.”

Compostela: Sesión formativa Creación e sector editorial. Estratexias, contratos e traducións

19 de xuño de 2019
Co patrocinio de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos)

O 19 de xuño de 2019, entre as 09:30 e as 14:00 horas, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Santiago de Compostela), a AELG propón unha sesión formativa sobre Creación e sector editorial. Estratexias, contratos e traducións, impartido por Carlota Torrents, da axencia literaria Asterisc Agents.

A inscrición é gratuíta, mais é preciso facer a reserva no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o nome, apelidos, teléfono de contacto e correo electrónico.

Hai un máximo de 20 prazas, tendo preferencia na inscrición as/os autoras/es socias/os da AELG e/ou CEDRO.

O prazo de inscrición remata o 14 de xuño de 2019.

 

PRESENTACIÓN

Quen escribe faino normalmente para ser lida/o e traducida/o por tantas persoas como sexa posíbel chegar. Mais quen escribe sabe tamén que nin iso é fácil nin está ao alcance de moitas persoas. Non por iso deixará de escribir nin de loitar para chegar a un soño que só se consegue con talento, esforzo e algo de sorte. Con todo, se a esa sorte lle botamos unha man, quizais as posibilidades de conseguir o soño fiquen máis cerca.

Ante a cantidade inxente de rexeitamentos editoriais, hai quen decidiu autopublicarse e autopromocionarse a pesar dos ambiguos resultados, das moitas horas que iso esixe e de que se trata de horas roubadas á escrita. A autopublicación, ademais, soe ter un límite infranqueábel: a tradución a outras linguas. Como conseguilas sen os coñecementos necesarios?

Tamén hai quen ante a posibilidade de publicar nunha editorial comercial faino sen rede, asinando calquera contrato sen apenas lelo ou, mesmo aínda peor, sen contrato algún. Este camiño, máis seguro en canto á difusión, regulación da edición e o seu copyright e tamén máis acolledor, presenta dúas situacións dificilmente solventábeis. Por unha banda, o feito de asinar un mal contrato sen sabelo (se é que se asina algún) e, por outra, a posibilidade de conseguir posíbeis traducións. Mais aínda escollendo este camiño, nin o contrato será seguro nin as traducións fáciles.

Entón, ante este panorama, que pode facer un autor ou autora coa súa obra, sexa ficción ou non ficción? Debería defender mellor os seus dereitos de autoría ante un contrato editorial? Pode ir presentarse ás feiras manuscrito en man? Podería autotraducirse e probar sorte nos mercados? Podería falar cun axente literario? É evidente que hoxe en día hai máis vías que nunca para conseguir publicar unha obra, mais iso aumenta proporcionalmente a competencia. E é igual de evidente que nun mundo globalizado debería ser máis fácil chegar á outra beira do planeta, aínda que, xustamente por ser globalizado, a diversidade desaparece e todos somos mainstream.

 

Con esta formación preténdese:

– Dar ferramentas a quen escribe para defenderse dentro do sector editorial.

– Explicar os coñecementos básicos para entender un contrato.

– Entender os dereitos da/o autor/a e as súas obrigas coa editora.

– Entender que pode agardar do sector e que non.

– Entender que un/ha autor/a non debería ir ás feiras profesionais do libro.

– Aprender que mecanismos ofrece o sector para autoras/es que desexen internacionalizar a súa traxectoria.

 

QUEN IMPARTE O SEMINARIO

Carlota Torrents. Axente literaria. Asterisc Agents.

Estivo vinculada ao mundo dos libros e a cultura desde sempre. Traballou en varias casas editoriais e foi directora en Eumo Editorial.

Como xestora cultural traballou na Institució de las Lletres Catalanes, desde onde participou en campañas como O Ano do Libro e a Lectura en 2005 ou Cara a Frankfurt en 2007, entre outras. Foi cocreadora da plataforma de lectura máis popular en catalán, “Què llegeixes?” e actualmente é subdirectora do Máster en Edición da BSM_UPF, do que foi alumna.

En 2016, e despois de 8 anos na axencia literaria de Silvia Bastos e unha breve estadía en Carmen Balcells, montou xunto con Natàlia Berenguer a súa propia axencia: Asterisc Agents.

 

A QUEN VAI DIRIXIDO O SEMINARIO

Esta sesión formativa vai dirixida escritoras e escritores que desexen:

–  Ampliar o seu coñecemento do sector editorial.

– Mellorar a aproximación á edición para tratar de publicar a súa obra.

– Xestionar persoalmente a negociación ante unha contratación editorial.

– Entender usos e costumes do sector.

 

OBXECTIVOS DO CURSO

– Ter unha visión máis profunda e real dos diferentes axentes e escenarios do sector editorial.

– Ter unha base sobre a que reflexionar sobre os seus obxectivos como autor/a

– Adquirir unha visión estratéxica para contactar coas editoriais.

– Familiarizarse cos conceptos básicos dun contrato de edición.

– Afrontar a negociación dun contrato editorial con maior seguridade.

 

ESTRUTURA DO SEMINARIO

Primeira parte: CREACIÓN. BUSCA DE EDITORA

Por onde comezar.

1. Panorama editorial actual. Unha dose de realismo.

2. Vender a miña obra:

1. Por que a editora me tería que querer publicar?

Contextualización e realidade editorial.

2. Que escribín? Cal é o meu obxectivo: publicar ou construír un proxecto editorial e unha carreira sólida?

§   Cal é a miña achega ao panorama editorial?

§   Que distingue a miña obra de outra publicada recentemente?

§   Podo competir con outras/os autoras/es que hoxe publican?

§   Que quero: escribir ou ser escritor/a?

3. O pitch: a chave para vender a miña obra.

– A carta de presentación: como conseguir a atención da editora.

– A escolla de editoriais: Que están buscando as editoras? O meu libro encaixa no seu catálogo? Cabeza de rato ou cola de león?

4. Xa conseguín publicar. E agora que?

– Mercado galego/estatal: difusión da obra.

– Mercado internacional: as traducións

– Como manexar os propios dereitos de tradución.

– É a axencia literaria unha opción?

– Feiras e salóns.

– Becas e estancias para escritoras/es.

 

Segunda parte: CONTRATACIÓN EDITORIAL

Unha aproximación.

– Conceptos e principios básicos.

– Que é negociábel e que non?

– Dereitos e obrigas.

 

Terceira parte: O OBRADOIRO

Como negociar mellor un contrato.

Como afrontar unha negociación contractual.

No obradoiro pode participarse de maneira activa ou como observador/a, aínda que se recomenda á persoa participante vir con gañas de participar.

O obradoiro está pensado especialmente para aquelas/es que non negociaron xamais un contrato (aínda que asinasen moitos).

 

Práctica

– Presentaranse situacións distintas e roles varios para que as persoas participantes poidan experimentar o máximo de situacións.

– Estudaranse as posíbeis solucións de negociación ante unha mesma realidade.

 

 

FORMATO DO SEMINARIO

 

Duración: 4 horas e media con pausa de media hora, repartida en 15 min.

 

1h 30min

 

1ª parte: Creación e busca de editora

 

Pausa: 15 min

 

1h 30min

 

2ª parte: Contratación editorial

 

Pausa: 15 min

 

1 h

 

3ª parte: Obradoiro. Como negociar mellor un contrato

A Xornada A internacionalización da literatura galega en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial en apertura, organizada polo Consello da Cultura Galega baixo a coordinación de Olga Castro, Laura Linares e Dolores Vilavedra, e que terá lugar o luns, 17 de xuño de 2019, no Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. O encontro conta coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras, CEDRO, o Centre for Language Research at Aston, Aston University, e o Irish Centre for Galician Studies, University College Cork.

– O mercado editorial en inglés caracterizouse durante décadas por ser moi pechado e outorgarlle un espazo reducido ás traducións desde outras linguas. Un informe encargado polo organismo Literature Across Frontiers desvelou que entre o 1990 e o 2012 a literatura traducida ocupou derredor do 3 por cento do mercado editorial en Irlanda e Gran Bretaña. No entanto, a situación parece estar a mudar nos últimos anos. Informes máis recentes apuntan cara a unha tendencia aperturista á tradución por parte das editoriais británicas, especialmente na narrativa chegada doutras linguas europeas. Dentro delas, semella haber un interese particular naquelas literaturas máis pequenas, entendidas como as escritas en linguas pouco traducidas, mais que dependen da tradución para chegaren a un público internacional. Neste cambio de tendencia ten moito que ver o labor de organismos como o English PEN Translate, Literature Across Frontiers ou Literature Ireland, pero tamén o auxe e proliferación de novos proxectos editoriais independentes, ávidos por darlle unha cada vez maior cabida á tradución, que de feito están a se converteren en auténticos pioneiros do activismo en tradución ao inglés.

– Partindo desta nova situación de aperturismo no contexto británico e irlandés, estas xornadas tratan de explorar novas oportunidades para a internacionalización da literatura galega no mercado anglosaxón. Este novo encontro iniciarase o luns, 17 de xuño, cunha xornada estruturada nun formato de mesas de debate en interacción co público que busca fomentar o diálogo entre as/os distintos axentes implicados, identificar novas estratexias de acción, promocionar sinerxías entre contextos académicos e iniciativas editoriais británicas e galegas e mellorar o entendemento cos organismos públicos encargados do fomento da tradución da literatura galega.

– As mesas de debate complementaranse con obradoiros formativos (martes 18 de xuño e mércores 19 de xuño), especificamente dirixidos ás editoriais galegas e ás escritoras e escritores galegos, organizados en colaboración coa Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) respectivamente.

– En definitiva, esta actividade resultará de interese a tradutoras/es literarios que queiran traballar co mercado anglosaxón, a escritoras/es galegos que queiran internacionalizar a súa obra, a axentes literarias/os, a editoriais galegas con obra para vender, a persoal da Administración que traballe no eido da promoción literaria e cultural, a estudosas/os das políticas de tradución e, en xeral, a persoas con interese na literatura galega e na súa tradución. Para isto contaremos coa participación de Ana Luna (Grupo Bitraga, Uvigo), Manuela Palacios (USC), Richard Mansell (University of Exeter), Silvia Montero (Grupo Bitraga, Uvigo), Laura Linares (University College Cork), Ondrej Vimr (University of Bristol), Martin Veiga (University College Cork), Cristina Rubal (Xunta de Galicia), Olga Castro (Aston University), Clive Boutle (Francis Boutle Publishing), Stefan Tobler (And Other Stories), Susie Wild (Parthian Books) e Henrique Alvarellos (AGE). Os obradoiros formativos os días 18 e 19 de xuño  estarán impartidos por Carlota Torrents (axencia literaria Asterisc).

Aquí pode consultar o PROGRAMA.

Neste enlace pode facer a súa INSCRICIÓN para a xornada de debate do día 17 de xuño.

A inscrición para os obradoiros formativos os días 18 e 19 de xuño corren a cargo da Asociación Galega de Editoras (s.tecnica@editorasgalegas.gal) e Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (oficina@aelg.org). Para asistir a estes obradoiros é necesario que as persoas interesadas se poñan en contacto coa entidade correspondente nos correos sinalados.

Na xornada haberá servizo de interpretación simultánea ao inglés e tamén desde o inglés ao galego.

O Día das Letras Galegas de 2018 estará dedicado a María Victoria Moreno Márquez

Desde a Real Academia Galega (imaxe cortesía de Galaxia):
“O Día das Letras Galegas de 2018 estará dedicado á escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941 – Pontevedra, 2005). A decisión adoptouse no Pleno ordinario da Real Academia Galega celebrado na mañá do sábado 17 de xuño na Coruña, no que tamén se nomeou académica de honra a Marina Mayoral e académicos e académicas correspondentes a Takekazu Asaka, Marcos Bagno, Olga Castro, Helena González, Kirsty Hooper, Helena Villar Janeiro e Helena Zernova. Licenciada en Filoloxía Románica en Madrid, María Victoria Moreno chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, como profesora e axiña asumiu a cidadanía en galego, idioma no que enriqueceu as nosas Letras tanto na narrativa -nomeadamente a infantil e xuvenil- como nos estudos literarios, no ensaio, na poesía e na didáctica da lingua e da literatura galegas.
“Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía (…). A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”, declaraba María Victoria Moreno, en 1993, no congreso “Poetas alófonos en lingua galega”. Dúas décadas atrás, a autora publicara Mar adiante (Edicións do Castro, 1973), o seu primeiro libro en galego (ilustrado por ela mesma), un ano despois de gañar con Crarisa e o luceiro o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís do Facho. Con esta primeira novela, a profesora de orixe estremeña convertíase nunha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo, ao que dedicaría tamén boa parte da súa produción literaria posterior con notable recoñecemento tanto da crítica como do público.
Outro título destacado na súa traxectoria, Anagnórise (Galaxia, 1989), é un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua: a novela foi incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) en 1990 e chegaron a se editar en poucos anos vinte edicións. Pero o seu libro preferido era Leonardo e os fontaneiros (Galaxia, 1986), co que gañou o terceiro premio O Barco de Vapor de 1985. Con Guedellas de seda e liño (1999), outra das historias nas que demostra a súa capacidade de chegar ao público adolescente, entrou na prestixiosa listaxe internacional de White Ravens 2002. Un par de anos despois sairía do prelo Diario da luz e a sombra (Xerais, 2004), onde reflectiu a experiencia da enfermidade que acabou pouco despois coa súa vida, o 21 de novembro de 2005.
María Victoria Moreno soubo tamén transmitir a paixón pola lingua e a literatura como profesora, tanto nas clases de lingua galega semiclandestinas que impartía gratuitamente nos anos 70 en Pontevedra (Asociación de Amigos da Cultura, 1971-1974), Vilagarcía de Arousa (1973-1975) ou Ourense (Ateneo, 1974-1975) como nas oficiais de Lingua e literatura españolas que deu durante décadas no ensino secundario. Polas primeiras, en concreto as impartidas no Ateneo de Ourense, a Policía de Pontevedra chegou a retirarlle o pasaporte a comezos de 1975 por entender que esta institución estaba gobernada por dirixentes subversivos.
No instituto de Lugo orientou as inquedanzas lingüísticas e literarias dun dos seus alumnos, Xesús Rábade Paredes, promovendo a edición do seu primeiro libro de poemas, que lle prologou. Tras un par de anos nesta cidade e mais un tempo en Vilalonga (Sanxenxo), volveu a Pontevedra, onde seguiu engaiolando a xeracións de rapaces e rapazas, primeiro no instituto Valle-Inclán e despois no Torrente Ballester, ao que lle legou a súa biblioteca persoal.
No eido educativo asinou, ademais, libros de texto que aínda hoxe se consultan: foi coautora de Literatura [galega]. Século XX, para COU (Galaxia, 1985), e de Literatura [galega], para 3º de BUP (Galaxia, 1987). As linguas de España e Verso e prosa (Xunta de Galicia, 1991) son outros exemplos do seu traballo rigoroso no eido da didáctica. E tamén cómpre lembrar que foi mestra de mestres en cursos como os que impartiu sobre literatura galega para docentes a comezos dos 80.
A tradución é outro terreo no que María Victoria Moreno realizou achegas destacadas. Verteu obras desde o catalán, idioma co que dialogaba como filóloga e poeta, e realizou as traducións aos castelán da antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973), escolma que preparou e prologou ela mesa con poemas de Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño ou Xesús Rábade. Cómpre tamén lembrar outras facetas da autora, como a de libreira en Pontevedra, onde abriu xunto a outros intelectuais, en 1968, a libraría Xuntanza, unha trincheira máis para promover a literatura e espallar os libros. No eido editorial, foi ademais codirectora da colección infantil de Galaxia, Árbore, desde o seu inicio.
Marina Mayoral, académica de honra
Alén da elección da figura literaria que protagonizará o Día das Letras Galegas de 2018, na sesión plenaria da RAG de hoxe nomeouse académica de honra a Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942). Catedrática xubilada da Universidade Complutense de Madrid, novelista e columnista premiada, é autora dun caudaloso labor rosaliano co que levou o nome da escritora fundacional das letras galegas a tribunas académicas de todo o mundo. A súa primeira grande achega é a súa tese de doutoramento, La poesía de Rosalía de Castro (Madrid, Gredos, 1974), prologada polo profesor Rafael Lapesa, á que seguiron outros estudos e edicións de diferentes títulos da escritora. O universo literario de Emilia Pardo Bazán débelle tamén edicións e investigacións que a converten nunha das grandes autoridades na autora coruñesa.
Como narradora, é autora de máis de vinte títulos. Algúns deles, publicados orixinalmente en galego, ademais de moi reeditados, foron traducidos a varios idiomas: Unha árbore, un adeus, Chamábase Luís, Tristes armas, Quen matou a Inmaculada Silva?
Sete novos académicos e académicas correspondentes
Na sesión plenaria deste sábado cubríronse ademais sete vacantes de correspondentes. Serán ocupadas por Takekazu Asaka (Toquio, 1952), profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores das nosas letras; Marcos Bagno (Cataguases – Brasil, 1961), profesor da Universidade de São Paulo, recoñecido lingüista e defensor dunha nova visión do portugués, en que subliña a súa orixe galega; Olga Castro (Lugo, 1980), profesora de estudos de tradución da Universidade de Aston (Birmingham) e especialista na interacción entre xénero, linguaxe e tradución; Helena González Fernández (Comesaña – Vigo, 1967), profesora titular de lingua galega e investigadora do Centre Dona i Literatura da Universidade de Barcelona; Kirsty Hooper, profesora de Estudos Hispánicos da Universidade de Warwick (Coventry, Reino Unido), coordinadora do Hispanic Liverpool Project e tradutora de Cousas de Castelao; a escritora Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940), unha das autoras pioneiras da literatura galega para infancia e tamén unha das primeiras profesoras de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario; e Helena Zernova (San Petersburgo, 1973), directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo e tradutora ao ruso das obras máis senlleiras da nosa literatura.”

Aberto o prazo a comunicacións para o XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (Bos Aires, do 6 ao 8 de abril de 2015)

o_ce23c8a7a96b211a_001o_ce23c8a7a96b211a_002o_ce23c8a7a96b211a_003o_ce23c8a7a96b211a_004o_ce23c8a7a96b211a_005o_ce23c8a7a96b211a_006o_ce23c8a7a96b211a_007

Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, unha das tres obras finalistas do Premio AELG ao mellor ensaio

Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das tres obras finalistas do premio ao mellor ensaio Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez (Xerais).