Vigo: presentación de As cunchas baleiras, de Branca Novoneyra

O 29 de xuño, ás 20:00 horas, no local da Asociación Évame Oroza (Rúa Subida a Costa, 5), en Vigo, Branca Novoneyra, acompañada do artista Antón Patiño, a poeta Oriana Méndez e o editor de Chan da Pólvora Antón Lopo, terán unha conversa arredor do seu poemario As cunchas baleiras.

Pablo Javier Rañales Pérez gaña o VII Premio Illa Nova de Narrativa con Os afogados

Desde Galaxia:
“En Santiago de Compostela, na sala do Ámbito Cultural El Corte Inglés, a 13 de xuño de 2023 reuniuse o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa. Compoñen o xurado María Canosa, Adrián Gondar, Oriana Méndez, Cándido Paniagua e Irene Rega. Exerce de secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia, Malores Villanueva.
Despois das oportunas deliberacións o xurado decide por unanimidade outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa sétima edición ao texto Os afogados.
Aberta a plica cos datos da obra premiada o gañador resultou ser Pablo Javier Rañales Pérez.
O xurado destacou que Os afogados é unha novela moi interesante e significativa dentro da narrativa galega, porque afronta temas xa tratados, pero arriscándose a ir un paso máis alá. En todo momento o autor logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración, mantendo a tensión narrativa nunha trama moi equilibrada. O feito fantástico vai máis alá dunha personaxe para presentarse como un suceso comunitario que atravesa todo un imaxinario xeográfico, ademais o xurado pon en valor que ese marco sexa recoñecible e contemporáneo.
Os afogados é unha proposta orixinal de gran altura estética, nela introdúcense achegas novidosas a carón doutras máis tradicionais. É unha distopía interesante que pon a familia ao servizo da comunidade, que introduce o tema do medo, de como se afronta, da difusión dos discursos de odio. Ao tempo leva á reflexión sobre as relacións humanas, pero tamén coa contorna e o medio ambiente.
Unha obra moi suxestiva no formal, co uso da linguaxe inclusiva, con diálogos moi directos, sen artificios, pero cun estilo moi depurado que consegue transmitir a historia con gran axilidade. (…)”

Compostela: actividades do 10 de xuño na SELIC 2023

Crónica fotográfica do recital Versos na Baixamar 2023, en Barreiros

Estas son algunhas das fotografías do recital Versos na Baixamar en Barreiros, que tivo lugar o 21 de maio, iniciativa da AELG e o Concello de Barreiros. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Recital Versos na baixamar en Barreiros 2023, o domingo 21 de maio

Versos na Baixamar en Barreiros 2023 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Barreiros e a Deputación de Lugo.
O domingo 21 de maio, ás 12:00 horas, nas Escolas de Reinante, co gallo do Día das Letras Galegas, chega a III edición do ciclo poético Versos na baixamar, que xuntará nesta súa terceira edición a poesía de Oriana Méndez, Olalla Cociña e Estíbaliz Espinosa, nun acto conducido polo narrador oral e poeta Lois Pérez, que tamén intervirá no recital.

Javier Rodríguez González gaña o XIV premio de Poesía Victoriano Taibo

Desde Editorial Galaxia:
“Reunido o xurado do XIV premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado polas escritoras Marica Campo, Oriana Méndez e Arancha Nogueira, gañadora da edición anterior; así como polo escritor e editor Marcos Calveiro, en nome da Editorial Galaxia e tamén por Miguel Anxo Mouriño, en nome do IEM, resolve por maioría que o libro gañador desta XIV edición sexa o presentado co título Xeración (Breve tratado de males inespecíficos), que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Javier Rodríguez González.
O xurado valora que a obra constitúe a crónica dunha xeración que se trascende a si mesma, chegando a expresar un auténtico manifesto contra a cultura da cancelación na medida en que a memoria, tamén a recente, marca o momento actual e proxéctase nun diálogo cara ao futuro. O poemario contén un alto interese histórico-cultural, ao mesmo tempo que se expresa cun léxico depurado e un ritmo áxil, ofrecendo unha proposta poética do devalar da existencia.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas As palabras do sur, 831-urb, Para a misa do can esta torsión e Porque a noite é longa e é a noite.”