Entrevista a Patricia Mallo sobre Os Fantom

Entrevista de Fervenzas Literarias a Patricia Mallo:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Vén de publicar Os Fantom (Galaxia), onde relata os disparatados sucesos que acontecen a unha familia de fantasmas durante as súas vacacións. A súa primeira novela, Os Cabezombis na Mansión Espello (Galaxia), estaba protagonizada por uns zombis un pouco toleiráns. Que é o que lle atrae destes seres tan pouco convencionais para que sexan os protagonistas das súas novelas?
– Patricia Mallo (PM): Gústame facer rir aos lectores, por iso procuro crear personaxes orixinais que vivan situacións moi divertidas. Penso que os cativos teñen moito sentido do humor e agradecen atopar persoas ou seres que saen do convencional.
Para a miña primeira novela imaxinei cinco zombis inquedos que metían en problemas ao protagonista, creando situacións cómicas. Na segunda obra os protagonistas son unha familia de fantasmas que non entende o modo de vida das persoas vivas, polo que van de enredo en enredo.
– FL: A mestura do mundo fantástico coa realidade cotiá desempeña un papel destacado na súa obra, incluso para ensanchar literariamente os límites da realidade.
– PM: A propia infancia funciona deste modo. Os cativos teñen unha imaxinación tan ampla e creativa que lles permite mesturar realidade e ficción de forma natural. Cando crecemos, a fantasía queda a un lado e por iso a buscamos nos libros ou nas películas.
Eu trato de escribir dese modo, mesturando o mundo real e o mundo imaxinario como se fosen complementarios.
– FL: “O mellor de estar morto, é que xa non podes morrer de novo”. É a frase coa que abre Os Fantom. Saca a relucir dunha forma clara, directa e desenfadada o tema da morte. Pensa que é bo que o neno se achegue ao tema da morte?
– PM: O primeiro que pensei cando tiven a idea desta novela era que os fantasmas deben ser xente moi feliz, xa que poden facer todo o que lles pete. Ademais, viven moi tranquilos porque nada lles pode facer dano.
O tema central do libro non é morte, pero como a morte forma parte da vida a trato dun xeito desenfadado.
De todos modos, os cativos se achegan ao libro con moita naturalidade. Para eles os fantasmas son uns personaxes completamente normais. (…)”

Patricia Mallo: “A rapazada debe ter un pouco de man esquerda”

Desde Radiofusión:
“A rapazada debe ter un pouco de man esquerda para integrarse no seu grupo e na sociedade, afirma Patricia Mallo, a autora do libro Os Fantom. Ainda que haxa na escola abusóns, prevalece o compañeirismo. “Todas as persoas por moi fortes que sexamos temos algún punto fraco”. A rapazada amosase moi receptiva e identificase moito co protagonista, indica a escritora.
Na historia de Os Fantom tamén se fala de solidaridade. Son uns fantasmas un chisco peculiares. Máis que medo… dan risa. Iso é o que atopa a persoa lectora nesta novela coa que Patricia Mallo gañou a primeira edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. Unha historia que se move ás veces polo máis acó, ás veces polo máis aló, pero sempre, sempre, no territorio da gargallada máis terrofífica.
Sobre Os Fantom, de Patricia Mallo, falou a propia escritora e tamén Tatty Lavandeira, Esther Val, Andrés C. M. Riveira e Henrique Sanfiz.”
O podcast pode escoitarse aquí.

A Pobra do Caramiñal: presentación de Os Fantom, de Patricia Mallo

O 11 de marzo, ás 12:00 horas, terá lugar na Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal unha presentación de Os Fantom de Patricia Mallo (Premio Carlos Mosteiro) na que participará alumnado dos centros do concello. Acompañando á autora estarán Genoveva Hermo, concelleira de Cultura, e Francisco Castro, director xeral da editorial Galaxia.

Patricia Mallo gaña o I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Desde Galaxia:
“A obra Os Fantom impúxose aos 39 orixinais presentados nesta primeira edición e será publicada pola Editorial Galaxia o vindeiro outono.
Reunido en Santiago de Compostela a mañá do 20 de xuño, un xurado composto pola escritora e académica Fina Casalderrey, a profesora Blanca Ana Roig Rechou e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, decidiu por unanimidade declarar gañadora do I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro a obra Os Fantom de Patricia Mallo.
O xurado destacou da novela gañadora o seu marcado sentido do humor á hora de narrar a viaxe da familia Fantom, unha familia de pantasmas con superpoderes, dende a “cidade gris” ao “mundo de máis aló”, ao “mundo dos vivos, xunto á Cidade Xardín”. Así mesmo, sinalan que a narración conta cun ritmo áxil que se ve reforzado polas situación divertidas que van xurdindo nunha trama onde nada é o que parece ser. E salientan que Os Fantom é unha defensa da singularidade, da identidade de cada quen e da súa aceptación.
Patricia Mallo (Vigo, 1985) estudou Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e traballou en países como México, Italia, Reino Unido ou a India. Tras escribir e producir a curtametraxe ¿Amigos?, o pasado 2016 debutaba en Galaxia coa novela infantil Os Cabezombis na Mansión Espello, onde xa mesturaba os seus temas preferidos: o humor, o misterio e a fantasía.
O I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, nacido neste mesmo ano, e convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, ten como finalidade honrar a figura de Carlos Mosteiro, escritor fundamental da LIX galega e fortemente vencellado á comarca do Barbanza, que finaba o pasado xullo de 2017; ao tempo que se aposta pola creación en galego para o lectorado máis novo. O premio consiste na publicación da obra por parte de Galaxia na súa colección Árbore e 1.500 euros para a gañadora.”