Felipe Senén, Rosa Castro e GCiencia recibirán o premio Lois Peña Novo 2023

Desde Nós Diario:
“O premio Lois Peña Novo da edición 2023 recaerá sobre Felipe Senén López Gómez, Rosa Castro Legazpi e GCiencia, segundo ditaminou o xurado da XXVII edición do certame.
O acto no que se oficiarán os tres recoñecementos terá lugar o próximo 29 de xuño no Castelo de Soutomaior, nun acto no que terán presenza distintos sectores da sociedade galega.
Felipe Senén é arqueólogo, historiador, debuxante, pintor, articulista, escritor e divulgador. Ademais, ten unha ampla traxectoria na defensa do patrimonio cultural da Galiza como parte indiscutíbel do acervo identitario do país.
Alén destas amplas facetas, está especializado en museística, e procurou sempre unha función ética e estética dos museos coa finalidade de informar e formar a sociedade.
Felipe Senén sempre amosou preocupación pola linguaxe simbólica na tradición galega e defendeu sempre os valores culturais e lingüísticos da Galiza, animando e promovendo accións a prol do uso do idioma propio en todas e cantas iniciativas promoveu ao longo da súa vida.
O xurado, que salientou a traxectoria dun home que ten dedicado toda a súa vida á creación, investigación e divulgación das tradicións e da cultura do país, deu os parabén ao premiado por un merecido recoñecemento do seu intenso traballo pola cultura e a lingua do país.
Pola súa parte, Rosa Castro é guionista, redactora e directora de programas de debate e informativos. Os espazos creados por esta profesional marcaron un tempo decisivo na consolidación do galego como lingua de uso nos medios de comunicación, sendo guionista en series tan fixadas na memoria colectiva galega como é o caso de Mareas Vivas.
A entidade premiada, GCiencia, é un periódico dixital creado no 2013 que contribúe decisivamente a divulgar o coñecemento científico en galego, normalizando a existencia de publicacións especializadas no idioma do país, así como a pór en valor a lingua galega visibilizándoa a través das redes sociais con máis de 400.000 seguidores únicos ao mes.
As persoas encargadas de ditaminar a entrega do XXVII premio Lois Peña Novo foron Marisa Castro Cerceda, bióloga e escritora (premiada na edición anterior); Paz Filgueira Paz, maxistrada do Xulgado número 1 de instancia de Santiago de Compostela; Xulio Ríos Paredes, escritor; Antón Dobao, escritor e lingüista, e Carme Pérez Vaquero, secretaria da Fundación Lois Peña Novo.”

Axenda Feminista 2018 do Observatorio da Mariña pola Igualdade

Como vén sendo habitual por estas datas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade ultima a Axenda Feminista 2018 que xa vai pola súa oitava edición e que, un ano máis, escolle a 12 mulleres para protagonizala.
En edicións anteriores a Axenda Feminista escolleu como protagonistas a galegas dedicadas á música, á escrita, ao teatro, á poesía, á ciencia e ás labregas en leiras de mar e de terra.
Neste ano 2018 a temática da Axenda Feminista 2018 será desvelada nas presentacións da mesma que serán:
– O venres 15 de decembro, ás 19:00 h na libraría Porta da Vila en Viveiro. Contaremos este día coa presenza de Laura Bugalho, Isabel Vilalba, Antonina Semedo e Susana Riveira.
– O sábado 16 de decembro ás 12:00 h na libraría Lila de Lilith en Santiago de Compostela. Ese día estarán con nós Laura Bugalho, Paz Filgueira, Antonina Semedo, Marisela González e Iria Villar.
– O martes 19 de decembro ás 20:30 h na libraría Bahía de Foz. Contaremos coa presenza de Isabel Vilalba, Antonina Semedo e Susana Riveira.
A Axenda Feminista 2018 mantén o formato do ano anterior: tamaño A5, tapa branda, goma para pechala e unha cinta para marcar a páxina desexada. O deseño das tapas correu a cargo da deseñadora Abi Castillo.
O prezo da axenda son 14 euros (ás persoas socias o Observatorio lles financiará unha parte, quedando a axenda a un prezo reducido para el@s de 12 euros) e poderase atopar nos seguintes puntos de venta:
Ribadeo: Libraría Casa das Letras.
Foz: Libraría Bahía.
Burela: Libraría Espacio Lector Nobel.
Viveiro: Libraría Porta da Vila.
Vilalba: Libraría O mundo de Suevia.
Lugo: Libraría Trama.
Sarria: EcoEspazoVitriol.
Santiago de Compostela: Libraría de mulleres Lila de Lilith.
A Coruña: Livraria Suévia.
Arzúa: Papelería Cartafol.
Vigo: Libraría Andel.
Allariz: Aira das letras.
Pontevedra: Libraría Paz.
Agradecemos máxima difusión neste senlleiro proxecto feminista.

Santiago: V Xornada Xustiza e Lingua, Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, o luns 28 de novembro

O Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, a través do seu Servizo de Asesoramento Lingüístico, organiza a V Xornada Xustiza e Lingua, baixo o título Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, que se celebrará o luns 28 de novembro, a partir das 18:00 horas, no salón de actos do propio Colexio de Avogados (Rúa Eduardo Pondal, 4, baixo). O número de prazas é de 100, e a matrícula é de balde con inscrición previa. A certificación será conxunta do Colexio de Avogados de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Para obter máis información e formalizar a inscrición pódese consultar nesta ligazón. O programa é o seguinte:

– 18:00 h. Acto de apertura:
– Intervención do decano do Colexio de Avogados, D. Evaristo Nogueira Pol.
– Intervención do secretario xeral de Política Lingüística, D. Anxo Lorenzo Suárez.
– Intervención do director xeral de Xustiza, D. Juan J. Martín Álvarez.

– 18:15 h. 1ª mesa:
O galego na sociedade e nas institucións. Relator: D. Víctor M. Vázquez Portomeñe, avogado e ex alto cargo da Xunta de Galicia.
Poder público, sociedade e lingua. Relatora: Dª Paz Filgueira Paz, maxistrada do Xulgado Social núm. 1 de Santiago de Compostela.
– Coloquio.

– 19:10 h. 2ª mesa:
O exercicio da avogacía e os dereitos lingüísticos da cidadanía. Relatora: Dª Alba Nogueira López, Dra. e profesora titular de Dereito administrativo da Universidade de Santiago de Compostela.
Leis e xustiza en galego. Unha oportunidade para achegar a linguaxe xurídica á cidadanía. Relator: D. Xermán García Cancela, xefe do Servizo de Tradución da Xunta de Galicia.
– Coloquio.

– 20:00 h. Clausura da xornada.