“A Festa da Queizán”, artigo de Marga do Val

Artigo de Marga do Val en Sermos Galiza (foto cedida):
“A Festa foi a festa de todas. Alí estaba a Academia á que por xustiza pertence María Xosé, á que lle gusta pertencer, unha Academia Feminista, unha academia do feminismo. O 9 de xuño foi un día dunha festa en que a felicidade, o cariño, o recoñecemento pairaba en todo momento no ambiente
Nós queriamos celebrar unha Festa, unha Festa para e con Queizán, unha idea que tivo Sabela Mouriz e que nos foi transmitindo. Xuntámonos Amanda Álvarez, Ana Romaní, Inma Rodríguez, Pilar Abreu, Ánxeles Castiñeiras, Camiño Noia e fumos botando redes, de Compostela a Vigo e a Galiza toda. Espallando a idea, botando redes e gardando o segredo máis secreto. Tiña que ser unha homenaxe do feminismo galego a María Xosé Queizán, por recuperarmos as mans, por tratar das evidencias, procurar no segredo da Pedra Figueira, facer da palabra silenciada unha Festa, darlle a volta ao discurso para nos incluír, cuestionar a metáfora patriarcal, celebrar o espertar das amantes, situarse fóra, na outredade, escribir a cólera, denunciar que ten o seu punto a fresca rosa. Nós, queriamos esa Festa para Queizán, nós, que nunca abrimos a súa obra como unha flor, nós, as amigas, as irmás, queriamos recoñecer, agradecer, gozar.
Moito camiño andou Queizán desde aquel día en que as monxas de Cluny, coas que só estaría dous anos, a quixeron expulsar por levar no entroido un bonito vestido, tuneado do da primeira comuñón, cun escote palabra de honor, todo un escándalo; finalmente, á nena adiantada, Sisi antes de Sisi, conmutáronlle a pena por un cero en piedade, grazas á intercesión da súa nai. Laxeiro retratouna co vestido e escribiu: Para a nena máis bonita de Galicia. Moito camiño foi o que andou esta nena bonita, logo, moza existencialista convencida con pixama negro, que trouxo de París as novidades literarias que haberían de influír tanto na Nova Literatura Galega, moito foi o que aprendeu, o que se concienciou, entre a escrita e a publicación de A orella no buraco e a escrita, nunha noite de San Xoán, daquel artigo da revista Triunfo en que se preguntou ¿Por qué es barroca la literatura gallega? Pasaran dez anos e un matrimonio. Logo viría un crédito á honra concedido pola Caixa de Aforros de Vigo que lle permitiu realizar os seus estudos de Filoloxía en Compostela mentres educaba unha filla e un fillo, crédito que devolveu co seu traballo de profesora de lingua e literatura galega, co que gañou a vida. Nunca lle regalaron nada, ao feminismo tampouco. (…)” (…)