A poeta Xela Arias será homenaxeada no Día das Letras de 2021 (Nós Diario)

Desde Nós Diario:
“Tal e como anunciara, a Real Academia Galega desbotou prolongar o Ano Carvalho a 2021, como reclamaba o asociacionismo de base e distintas institucións como o Concello de Ferrol, que advertiu hai uns días de que dedicará o próximo exercicio a honrar a traxectoria de Ricardo Carvalho Calero cunha sorte de Letras Galegas 2020 ampliadas. A última hora desta terza feira transcendeu que o Día das Letras do ano que vén estará destinado a lembrar a figura da poeta e tradutora orixinaria de Sarria, Xela Arias Castaño.
Apenas uns días despois de celebrar o acto principal deste ano en Compostela -co conseguinte malestar en Ferrol, cidade de orixe de Carvalho Calero-, sábese que a RAG elixiu a Xela Arias como a homenaxeada de 2021.
Fontes da RAG falan da escritora como unha desas mozas e mozos “que renovaron a poesía a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma”. Consideran que, ademais, ela destacou sobre outras persoas cunha voz “singular e inclasificábel”. Desde o punto de vista da Academia, a poeta “concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar”.
“A elección de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021 recoñece igualmente a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora”, indican, lembrando que estivo nalgunhas mobilizacións cívicas en asuntos como a marea negra polo Prestige, “e tomou sempre posición a favor da lingua galega, non só como poeta”.
A autora, nada en 1962 e falecida en 2003 en Vigo, ten unha longa lista de publicacións orixinais, entre elas algunhas colectivas nas que quixo participar. No entanto, tamén destacou por traducir en varios idiomas.
Ligada durante bastante tempo a Edicións Xerais de Galicia, a nova homenaxeada é coñecida por pezas como Tigres coma cabalos e Darío a Diario. O seu decorrer profesional como tradutora é máis longo aínda, pois trasladou a outras linguas textos de Wenceslao Fernández Flórez, James Joyce, Roald Dahl, Bram Stoker, Angela Carter e Charles Baudelaire, entre outros.
Xa fora proposta para ser a protagonista do Día das Letras en 2014 e 2015, e mesmo en 2019 tivo unha dedicatoria da plataforma de crítica literaria A Sega, pero non é até agora cando as e os académicos repararon especificamente no seu papel dentro da cultura do país.
O feito de que distintos sectores defendesen continuar homenaxeando a Carvalho Calero durante doce meses máis non ten que ver con que se poña en dúbida a valía de Arias Castaño, pois nin tan sequera se sabía da súa elección. O argumento era que o escritor ferrolán tamén tivese a súa oportunidade de ser protagonista nun ano con unha maior normalidade e capacidade para programar actos.
De feito, en paralelo ao recordo á tamén profesora Xela Arias, concellos como Ferrol ou Lugo ofrecerán accións culturais na honra de Carvalho.”

“#Nonnoscanceles Sacha!”

Desde a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Son estes tempos de pensar en comunidade, de sachar, sementar e compartir. Son tamén tempos de reclamar dignidade para quen cultiva, mais tamén respecto para quen consome e responsabilidade a quen regula. A fin de contas, no mundo da cultura galega, as que producimos e as que consumimos estamos todas sachando na mesma leira. Por iso agora máis que nunca é tempo de sacharmos xuntas.
Dende A Sega queremos agradecer a todas as artistas que estes días ofrecen acceso á cultura dende a súa vontade de construír comunidade nos termos que elas mesmas deciden, polinizando de xeito salvaxe unha terra que se viu de repente posta en barbeito. A súa contribución á leira común axúdanos a pensar nas moitas persoas que nestes e noutros momentos teñen un acceso complicado á cultura, sexa por motivos económicos, xeográficos ou polo proceso de introdución permanente de especies invasivas a través das canles maioritarias de difusión da cultura (en particular, a RTVG -grazas #Defendeagalega por seguir sachando!-). Cómpre entender estes xestos nun marco que concibe a cultura non só como unha “industria”, senón como elemento vital dos coidados. Non vaia ser que nos despistemos e acabemos confundindo reclamar dereitos laborais con poñer granxas de pitos.
Cultivar nos balcóns, en pisos pequenos, en soidade, nas casas cheas de violencia, naquelas que non teñen nin conexión dixital ou nas vidas nos que os traballos das mulleres se multiplican, tanto fóra da casa (pensemos que a maioría de persoal médico, de limpeza, dos supermercados, dos mercados, do agro, as coidadoras de maiores, etc. somos mulleres) como dentro, demostran que a cultura é tamén o espazo do colectivo, do tanxible, do encontro e da presenza. Lémbrannos que o dixital actúa só como complemento ou, nestes casos, lánguido substituto do teatro, da lectura compartida, do cinema.
Nestes tempos máis que nunca, o traballo das entidades culturais e das administracións precisa ofrecer a leira e axudar na sacha para que na construción da comunidade non conte só a vontade senón os dereitos laborais e o coidado que nós, as produtoras, tamén merecemos. É por iso que dende A Sega desenvolvemos algunhas recomendacións para que as sementes que agora botemos axuden a seguir creando o vizoso campo colectivo que tanta falta nos fai como país.

Para as artistas:
-Únete, somos máis fortes unidas. Non adoptes unha actitude pasiva, fai propostas que pensen no colectivo non só no sentido laboral. Considera que a cultura non é o único sector afectado, en todo o que fagas ten en conta o comunitario e a xustiza social. Ser crítica está moi ben, pero procura non machucar as outras. Mazar en quen sementa, mesmo se o fai de xeito diferente a ti, non é unha estratexia produtiva. Se cadra é máis produtivo centrar as críticas en quen ten os cartos e o poder e non nas compañeiras que deciden dar saída ao seu entendemento de comunidade do xeito que consideran preciso.
-Sé consciente de que podes facer intervencións en liña e cobralas á xente que pode pagalas, establecendo diferentes categorías (xentes sometidas a ERTES, autónomas sen ingresos, persoas no paro ou en exclusión social) como fixo Alba María co seu curso de regueifa en liña.
-Apoia outras artistas participando nas súas actividades en liña para darlles visibilidade ás súas intervencións e axudalas nas estratexias de márketing dixital.

Para as entidades públicas:
-Garante que todos os contidos que solicites a artistas nestes tempos sexan remunerados igual que serían nun encontro presencial. Unha cousa é que nós queiramos construír comunidade e outra que iso se aproveite por parte das entidades públicas para precarizar máis o noso contexto de traballo. Fai como fixo o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que pasou todas as súas actividades físicas, coas dificultades que iso entraña, a virtuais con pagamento de todas as artistas implicadas.
-Fai un plan de continxencia: analiza con que cartos contas, onde os vas investir, que actividades podes programar que dean apoio ás creadoras en traballo conxunto con elas. Por exemplo, podes promover a publicación de libros electrónicos ou música apoiando as editoras existentes e as libreiras. Unha acción importante dos plans de continxencia é consultar coas librarías locais (por exemplo, se es un Concello) se lles gustaría ter unha plataforma de venda en liña para poder dar saída á venda de contidos dixitais ou físicos. Estas adoitan ser investimentos importantes que as librarías pequenas do país non teñen moita capacidade de enfrontar. Abre unha vía de financiamento para elas, así quedaralles para o futuro e estarán en mellor posición para competir coas plataformas dixitais agora e despois.
-Intenta investir en cuestións que ofrezan un futuro menos precario ao colectivo de artistas con quen traballes. Por exemplo, ademais de remunerar intervencións concretas como farías nun contexto físico (por exemplo, se ese unha biblioteca, un club de lectura virtual), intenta, sobre todo no caso das administracións de maior entidade, ofrecer cursos non presenciais sobre temas que lles interesen a colectivos de artistas concretos. Contratando a quen imparta o curso e as persoas precisas para organizalo estarás creando traballo e deixando a comunidade de creadoras en mellor situación (por exemplo, cursos sobre xestión das industrias culturais, manexo de programas concretos para crear pezas artísticas na rede, etc.). Acorda o contido dos cursos sempre co número máis amplo de persoas que integran o colectivo en concreto.
-Simplifica e garante a transparencia do acceso aos fondos: procura financiar a poboación que como administración tes máis próxima. Axudarás tamén a fixar as artistas no teu territorio. Fai convocatorias con requisitos sinxelos, concretos e telemáticos. Non distribúas nunca cartos aleatoriamente.
-Promove cos cartos dos que dispoñas por cousas que se cancelaron e non poden retomarse alianzas entre aqueles sectores culturais afectados. Non esquezas que a cultura non son só as caras visibles, ofrece apoio a bedeis, limpadoras, vendedoras de entradas, persoal técnico autónomo, xente de redes e comunicación, deseño, músicas ambulantes, artesanía local.
-Finalmente, esta é unha pandemial mundial. Non esquezas promover traballos que axuden a crear alianzas entre artistas e culturas, dende Galicia a outros lugares, sobre todo os afectados por confinamentos. Agora máis que nunca, deixa unha parte do teu orzamento dedicado ás traducións, á organización de cursos virtuais ou encontros con persoas de fóra dando traballo ás intérpretes galegas (utilizando mecanismos de interpretación remota, do cal te poden informar na AGPTI, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación). Permite que as artistas creen alianzas que contrarresten as causas raíz da pandemia dun xeito transnacional.

Outros axentes da cultura (editoras, discográficas, produtoras, medios)
-Pon a disposición material se o consideras preciso, pedíndolle á xente que pague.
-Únete e fai propostas coas artistas, se sachamos todas xuntas iranos mellor. Se queres compartir e promocionar obras, faino en sinerxía e nas condicións que as propias autoras requiran.
-Se traballas nun medio, aproveita para incrementar a programación cultural. Nestes días de tanta sobrecarga informativa monotemática, a xente precisa máis que nunca da cultura.

Para as co-creadoras (público)
-Se tes o luxo de seguir tendo traballo, asigna unha pequena cantidade semanal a pagar por algún produto cultural galego ou subscríbete a librarías coma a Lila de Lilith para que poidan contar cun fondo para manter a súa actividade. Apoia proxectos coma o da editora Urutau que puxo de balde os seus libros na rede, mais pide que quen poida pague por eles. Se ti que podes pagas, quen non pode seguirá tendo acceso á cultura.
-Se formas parte dalgunha asociación, es mestra, bibliotecaria, etc., planifica actividades que poidas remunerar con artistas galegas, tanto para o confinamento como un plan de choque posterior (por exemplo, que no curso que vén as escolas planifiquen máis actividades de cultura galega ca nos cursos anteriores). Establece obxectivos e prioridades, apoia a quen máis necesidade ten. Se cadra neste momento é importante convidar aos centros sobre todo a aquelas autoras, contacontos, teatreiras, cantantes e cineastas que non teñen un traballo fixo adicional e priorizar aquelas que quedaron sen ingresos. Por fortuna, en Galicia temos unha vizosa cantidade de artistas e podemos utilizar este criterio sen perder ningún tipo de calidade. Infórmate da situación de cadaquén cun trato próximo, respectuoso e humano (é dicir, non chames ás nove da noite un domingo ou te irrites se unha persoa non contesta ao teu correo en dez minutos: as artistas non somos un Opencore, nin estas accións poden entenderse como actos de caridade cara a nós. Sachamos todas xuntas ou non sachamos!). Non esquezas as caras menos visibles que comentamos antes: tamén teñen cousas que contar e ensinar e igual precariedade.
-Se non tes ingresos, se nesta crise traballas sen fin para manter os servizos esenciais, se estás esgotada por ocuparte do coidado doutras, se estás en situación de violencia de xénero ou pola túa identidade de xénero ou orientación sexual, se padeces unha enfermidade mental ou discapacidade, resumidamente, se estás nunha situación na que a túa preocupación principal no confinamento non é “que te aburres”, acude á cultura. Dinos que precisas ou simplemente goza das películas do Novo Cinema Galego, dos concertos de Najla Shami, MJ ou de Éric Dopazo, das versións tolas de Monti Castiñeiras, da distribución en aberto das series galegas no arquivo da TVG, de teatro liberado por Teatro do Noroeste, Berrobambán ou Chévere, das lecturas das primeiras páxinas de autoras de Xerais, dos festivais de poesía na rede Miña casa, meu lar, Corona Ipsum, dos festivais literarios coma os organizados dende Viva Lugo e de todos os produtos culturais en galego que se dispoñibilicen porque se alguén os merece gratuítos, es ti.”

Imma António, dramaturga: “Nós xa eramos feministas sen sabelo”

Entrevista de Montse Dopico a Imma António Souto en Nós Diario:
“O teatro porfía en saber que hai nas entrañas da nosa humanidade”, dicía ao ler o seu Manifesto do Día do Teatro nos Premios María Casares. Por que?
– Imma António Souto (IAS): Nese manifesto falaba da pregunta que lanza o teatro sobre quen hai aí?, sobre a busca da comunicación, sobre esa procura que o teatro propón arredor das grandes preguntas da humanidade. Non deixamos de preguntarnos quen somos individual e socialmente. E neste confinamento que estamos vivindo agora aínda se fai máis evidente que precisamos desa comunicación porque somos animais sociais. Unha vez a min caeume unha bágoa enriba dunha muller que estaba en primeira fila e ela quedou encantada… Pois este tipo de comunicación tan, digamos, escatolóxica, é moi poderosa.
– ND: Que pensou cando soubo que ía ser a homenaxeada polo Día das Galegas nas Letras?
– IAS: Pois quedei abraiada. E sentín un fondo agradecemento. Considero moi importante o que fai A Sega para dar visibilidade ao traballo das mulleres, e ademais sentín que estaban recoñecéndome non só a min, senón ao teatro deste país. Porque a literatura dramática, dentro das letras, é considerada un pouco como o restroballo… Agora hai, ademais, dramaturgas moi interesantes. Non é como cando comecei eu, que era case a única…
– ND: Iso foi nos 80, cando se publicaban obras súas nos Cadernos da Escola Dramática Galega. A crítica encadrouna na xeración dos 80, que identificou cunha vocación culturalista e un ronsel lírico e simbólico e, dentro diso, cunha tendencia a ocuparse da identidade e da cuestión de xénero no seu caso. Está de acordo?
– IAS: A verdade é que non. Primeiro, que nesa “xeración” eramos moi diversos e eu era moi nova. O que pasa tamén é que non é o mesmo o que se escribe que o que se publica. Algúns textos meus desa época si poden ser líricos. Pero sempre me chocou que me identificasen cun interese pola “temática feminina” porque, por que o dicían? Porque eu escribía personaxes femininas. Entón, o problema non é que eu teña ese nesgo: é que outros non o teñen, é dicir, que as personaxes femininas son moito máis escasas. Eu era nova, rebelde, e escribía de forma intuitiva. Quero dicir, era feminista sen sabelo. Escribía desde a igualdade, desde o reflexo da sociedade que eu quería, porque o teatro tamén transforma a sociedade.
– ND: A directora da Escola de Narón, Flor Maceiras, fala diso e lembra experiencias coma a de Malbarate… Teatro feminista que xa existía antes.
– IAS: Si, o que pasa é que se cadra non tiñamos un discurso moi elaborado. Era unha reacción máis visceral, diante da maneira en que eramos tratadas na vida e na profesión, por iso dicía que eramos feministas sen sabelo. Malbarate, precisamente, montaron unha compañía para poder escoller textos que lles interesasen e personaxes que as enchesen.
– ND: Máis recentemente publicou vostede Os cárceres do esquenzo, que ten algo apocalíptico, sobre violencia e sobre unha praga… Parece que fala de hoxe.
– IAS: Eu empecei a facer teatro na escola, aos 9 anos. Despois, no instituto, non parei até que se formou un grupo de teatro en galego…
Os cárceres do esquenzo e Aforro ordinario foron os únicos textos que escribín porque mos encargaron, e as encargas son algo que quizais debería ser máis habitual no noso país… Aforro ordinario foi para a Escola de Narón e Os cárceres do esquenzo para a compañía Librescena. Na segunda o que quixen foi dar voz a quen non ten: as vítimas da fame, das guerras… Os atentados de Madrid estaban moi recentes e a resposta do público foi impactante. En Portugal, parte do público ergueuse para rezar… (…)”

VII Día das Galegas nas Letras. Imma António Souto

Desde a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:

MANIFESTO. A palabra no escenario

Houbo e hai unha grande xenerosidade para nos levar á escena. Resistirmos, porfiarmos, construírmos sobre ruínas. Si. Mais non nos gusta asentar a vida no resistir, cómpre ir máis alá. Porfiarmos era/é preciso. Construírmos sobre a ruína, construírmos a ruína. Así foi e así é para vivificarmos palabra. Para vivificarmos o xesto: a rebeldía. Para vivirmos.
Houbo e hai unha grande xenerosidade para dignificar a escena. Ela escribe. Desde a soidade do seu espazo, chanta no papel persoas de onte, de hoxe e de mañá: a humanidade que habita en cada ser. Pénsalles a voz, os movementos, os desacougos, as alegrías. Nacen espidas e ela ponlles roupa. Nácenlle no país das súas palabras, no seu laboratorio, cuarto propio íntimo. Nácenlle das palabras que dela nacen. Algunhas véñenlle herdadas, outras de cárceres de esquenzo. Ela escribe e no seu corpo estoupan choros e gargalladas e flúe a tranquilidade necesaria, para ese pouso de serenidade. Todo o que lle importa vai entrar no papel. Amazona, cabalga e sabe da brida necesaria para dirixir e dominar os cabalos: a apocalipse. Sabe da fame e do alimento do texto.
Houbo e hai unha grande xenerosidade para revirar a escena. Ela é actriz. Métese nas palabras e nos seus silencios, pénsaas, devóraas, expúlsaas. Habita en cada unha e alentan no xesto: a rebeldía. Dálle vida ás palabras coa voz, co silencio, co corpo, co movemento. Hai tantos mundos no seu interior e ela desfacéndose dela, espíndose, habita todos eses mundos. Non é maxia. É traballo digno. Traballo en escena. Traballo, o seu que nos pertence, é para nosoutras. Para todas nós. Temos dereito ao seu traballo. Ela ten dereito ao seu traballo.
Houbo unha gran necesidade para vestir a escena. Ela deseña o escenario. O mundo que acolle as palabras que xa son grandes e abandonan a casa do texto. Traza no papel o vestiario. Píntao para ser cosido.
Ela é Dramaturga.
Resistiu. Porfiou/porfía. Constrúe. Ela fixo a pregunta: Que hai aí?
Nesa pregunta que o teatro propón habita a humanidade. Habita a rebeldía.
Que hai aí?
Imma António.”