Coñécense os gañadores do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

“O xurado da sexta edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu por unanimidade outorgar o galardón á obra Poema sinestésico para tres voces e un can, escrita por Eva F. Ferreira. O Premio da Audiencia foi para Intercom-baby, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. O xurado subliñou da obra premiada a “utilización de materiais non convencionais no narrativo, a intensidade dramática de obra a súa intención de levar a quen escoita a unha paisaxe sonora pouco habitual nunha peza radiofónica”. Destaca tamén “o discurso provocador no fondo e na forma, o risco na procura de novos camiños da creación para a radio, a intención lúdica do texto que suscita a curiosidade e o xogo emocional co oínte e o formato da obra cunha feitura que engasta a xeito de collage as diferentes linguaxes artísticas. Poema Sinestésico para tres voces e un can indaga na actitude de quen escoita, e lonxe de asentarse no previsible provoca unha emoción inesperada”. Os integrantes do xurado foron Evaristo Calvo, actor e director de teatro; Xosé Manuel Pacho Blanco, escritor, gañador da V edición; Camilo Franco, xornalista e crítico de teatro; Roberto Taboada, director artístico do Festival Alt de Vigo; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do “Diario Cultural”. (…) Ademais das dúas obras gañadoras, as tamén finalistas Ironías, de Carlos Losada Galiñáns, e Quendas, de Zé Paredes, publicaranse nun libro-CD editado por Xerais.” Vía Diario Cultural.