Morreu unha Mestra da Memoria, morreu Alsira Gil Ramos, das Pandeireteiras da Alén

A AELG lamenta fondamente a perda dunha das súas Mestras da Memoria.
Alsira Gil Ramos, tamén da estirpe dos “Xilotes”, naceu o 14 de setembro de 1920 e morreu o 16 de febreiro de 2018 con 97 anos. Muller independente, traballou e fixo por vida en por ela, así coma as outras homenaxeadas. Aínda que os anos debilitaron as súas forzas, aínda hai pouco era o día que se prestaba a axudar a quen precisase. Debaixo do corredor da súa casa hai un banco onde aos veciños lles prestaba sentar ao abrigo a falar con ela dos seus recordos da vida. A pandeireta estaba enriba, na casa, sempre pronta, e na súa memoria gardaba as coplas que sempre cantou nas festas da aldea. Coma as súas compañeiras, viviu a vida no lugar, sacado unha temporada que, de nova, pasou en Pontevedra. En palabras dela: «Alá a xente é moi falante, coma aquí.» Sempre tivo unha palabra amábel para os que se achegaron polo lugar, o lugarciño da Alén que

…de lonxe parece vila
se non foran os outeiros
que ten do lado de riba.

[Adaptación das palabras que o escritor Poldo Cañizo elaborou e pronunciou a laudatio ás Pandeireteiras da Alén na Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria de 2017]

O enterro tivo lugar o sábado 17 de febreiro, ás 15.30, na Igrexa de Xirarga, Beariz.

Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións das Pandeireteiras da Alén no Proxecto Polafías.

Crónica videográfica da Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria (II)

O 27 de maio tivo lugar en Lugo a Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, actividade que contou co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo. Estes Premios concédense a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Laudatio de Poldo Cañizo ás Pandeireteiras da Alén:

Entrega do Premio Mestras da Memoria ás Pandeireteiras da Alén:

Segunda intervención musical. Con Branca Villares e Ricardo Marcos Casás Salgado:

Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017

A AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», terá lugar o 27 de maio no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, na Avenida Alcalde Anxo López Pérez, 34 (como chegar). Esta actividade conta co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo

O obxectivo principal da Gala é a entrega dos V Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se conceden a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.

Ademais das persoas homenaxeadas, intervirán:

A música corre a cargo de Branca Villares e Ricardo Marcos Casás Salgado.
Presentación: Antonio Reigosa.

Mestras da Memoria 2017: Pandereteiras Da Alén
Do lugar da Alén, Xirarga, Beariz, Ourense.
Orosia Gil Ramos (95 anos) Alsira Gil Ramos (90 anos) e Ólida Diz Ramos (96 anos).
“Presenza viva da poesía e música, tesouro en vida onde repousan xotas, muiñeiras, pasodobres, cantares de reis, aturuxos e a sabedoría e a sensibilidade popular feita poema musicado.” (Poldo Cañizo).

Mestre da Memoria 2017: Serafín Mourelle Bugallo
Mariñeiro e poeta. 84 anos. Nacido en Corme. Residente na cidade da Coruña.
“Aos catorce anos embarcou de axudante de cociña  e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta  foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Tamén é poeta ao xeito de Manuel Antonio; isto é, poesía do mar escrita pola propia xente do mar.“ (Xurxo Souto).

O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade para, por fin, transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás.
Nesta cadea de comunicación a cultura popular mantense viva porque se actualiza sen renunciar ás esencias que a distinguen, que a fan ao tempo singular e universal.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos contribuír a manter sempre aberta esa canle de comunicación entre os que por idade e, como consecuencia, por acumulación de experiencias e saberes, gardan a memoria deses esencias da nosa cultura e os que, pola contra, andan aínda descubrindo o mundo que os rodea.

Pódese consultar aquí a listaxe de persoas que xa foron nomeadas Mestras-es da Memoria pola Sección de Literatura de Tradición Oral, á que o vindeiro sábado se engadiran as Pandeireteiras da Alén e Serafín Mourelle.