Cultura incorpora tres novos autores ao Portico of Galician Literature

Desde a Xunta de Galicia:
“A Consellería de Cultura e Educación engade tres novos autores galegos ao Portico of Galician Literature, o portal web en inglés, que ten como obxectivo principal dar a coñecer no exterior os escritores e as escritoras da literatura galega, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica.
A novela de Xurxo Borrazás Criminal (Vicious), Premio da Crítica Española e Premio San Clemente; unha compilación de relatos de Camilo Gonsar (Collected Stories 1961-1995) e a obra de Begoña Caamaño Morgana en Esmelle (Morgana in Esmelle) son as máis recentes incorporacións a este portal promovido pola Secretaría Xeral de Cultura que pretende impulsar a difusión da literatura e das escritoras e dos escritores galegos no mercado anglófono. Na web atópase a tradución de 40 páxinas dunha das obras de referencia de cada autor ou autora, xunto coa sinopse do libro e un texto biográfico. Con estes tres, son xa 33 os que se atopan a disposición do público. Antes de finais de ano incorporaranse tamén Xosé Cid Cabido e Xosé Monteagudo. (…)”

Xabier P. DoCampo, Pedro Feijoo, Inma López Silva, Manuel Lourenzo González e María Reimóndez en inglés

Desde Tendencias Galicia Confidencial:
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amplía o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores e escritoras, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica e a sinopse do libro.
Co obxectivo de seguir promovendo a proxección internacional das letras galegas a través da rede, o Portico of Galician Literature incorpora unha mostra en inglés de obras de Xabier P. DoCampo, de Pedro Feijoo, de Inma López Silva, de Manuel Lourenzo González e de María Reimóndez. Cada escritor e escritora conta cunha foto e biografía en inglés, xunto cunha sinopse das obras O libro das viaxes imaxinarias, Os fillos do mar, Memoria de cidades sen luz, Atl e Pirata, e mais a tradución de 40 páxinas de cada un destes libros. (…)”

A Consellería de Cultura e Educación amplía o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores

Desde a Consellería de Cultura:
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de ampliar o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores e escritoras. Co obxectivo de seguir promovendo a proxección internacional das letras galegas a través da rede, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad incorporou ao Portico of Galician Literature unha mostra en inglés de obras de Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Elena Gallego Abad, Xavier Queipo e Anxos Sumai.
Dime algo sucio, Ámote Leo A. Destino Xalundes, Dragal I: A herdanza do dragón, Papaventos e Así nacen as baleas son, respectivamente, os últimos títulos aos que se pode acceder desde este portal, a través dunha breve sinopse en inglés de cada obra e mais dunha mostra de 40 páxinas traducidas a esta lingua de cada unha delas.
En 2013, o portal exterior da literatura galega tamén integrou fragmentos de obras de novos escritores, co fin de ampliar o seu catálogo con extractos textuais de Suso de Toro, Xavier Alcalá, Teresa Moure ou Antón Riveiro. Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Miguel-Anxo Murado, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas completan a relación de autores deste portal das letras galegas en inglés. (…)”

Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro pasan a formar parte do Portico of Galician Literature

“O portal en internet para a literatura galega traducida ao inglés, Portico of Galician Literature, incorpora novos escritores e escritoras co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro xa forman parte deste proxecto, que ten como obxectivo ir medrando progresivamente para se converter nun referente da literatura galega para o mundo anglófono e, en xeral, para a proxección internacional da literatura galega. Este escaparate internacional da literatura galega a través da rede, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, permite ler en inglés información destes escritores, xunto con sinopses da súa obra. O proxecto foi posto en marcha este ano con información sobre o autor Agustín Fernández Paz e cunha tradución dun fragmento da súa obra Aire negro.  Proximamente tamén estarán dispoñibles a través deste portal traducións de fragmentos das obras dos escritores que se acaban de incorporar, para poder dar a coñecer unha pequena, pero significativa, mostra dos seus traballos literarios.” Desde a Secretaría Xeral de Cultura.