Daniel Asorey gaña a II edición do Premio de Relato Breve Nélida Piñón

Desde Cultura de Galicia:
“O profesor e escritor Daniel Asorey é o gañador da II edición do Premio de Relato Breve Nélida Piñón, que convocan o Concello de Cerdedo-Cotabade, a Consellería de Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra. Este ano o certame introduciu a novidade de dous accésits, que lles corresponderon a Rosendo Cid e Xesús Fraga.
O xurado, composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar, a profesora de Lingua Galega e Literatura Malores Villanueva Gesteira e a xornalista e escritora Ana Cabaleiro López, destacou a calidade das obras presentadas e o bo nivel dos relatos que concorreron a esta convocatoria.
O primeiro premio foi para Daniel Asorey pola obra Anatema, da que salientan “a arquitectura da trama” e “unha elaborada estrutura que mantén a tensión ata o final”, así como o equilibrio que sostén o relato. Anatema está situada en Santiago de Compostela, un espazo coñecido ao que o escritor dota “dunha nova dimensión que transcende a realidade”. As paixóns humanas e o gran lirismo dalgunhas pasaxes conforman unha historia trazada con mestría. Profesor de ensino medio, Asorey ten publicados varios relatos e conta xa na súa traxectoria con diversos premios de narración curta, o último o de Narrativa Breve Repsol, co que se fixo no ano 2016.
Pola súa banda, 37 vidas breves deulle ao escultor Rosendo Cid Menor un dos accésits do galardón, por unha narración que recolle a historia dun grupo de persoas de xeito fragmentado, “escintileos de vidas contemporáneas que se cruzan e que dan como resultado achados profundos que obrigan ao lector a reflexionar”, segundo recolle a acta do xurado.
Con Roller Girl, o xornalista Xesús Fraga faise co outro accésit, por “un relato ben trabado a través dunha introspección psicolóxica que aborda temas sociais de interese”. Unha historia “aparentemente mundana”, segundo destaca o xurado, “dotada de intensidade e forza narrativa”. (…)”

O vello e o minotauro, de Xesús Castro Yáñez, gaña o primeiro premio de relato breve Nélida Piñón

Desde Pontevedra Viva, Diario Cultural da Radio Galega e Criticalia, de Armando Requeixo:
“Xesús Castro Yáñez converteuse no gañador da primeira edición do Certame de Relato Breve Nélida Piñón, organizado grazas á colaboración conxunta entre Concello de Cotobade, Consellería de Cultura e Educación e Deputación de Pontevedra.
A súa obra, O vello e o Minotauro, conquistou ao xurado composto por Fina Casalderrey, Carmen Villarino e Armando Requeixo, cuxo fallo de mediados de marzo se deu a coñecer este martes nunha rolda de prensa.
En total presentáronse 180 orixinais e, tras unha longa deliberación, o xurado decidiu outorgar o galardón a Castro Yáñez, se ben tamén recomendou publicar outros dous relatos. O vello e o Minotauro é a reescrita do mito clásico que vencella a Teseo, a voz protagonista, con Ariadna e o Minotauro. A atmosfera que recrea o relato vese impregnada dun forte simbolismo e un tecido conceptual e alegórico que consegue deseñar unha arquitectura na que predomina a harmonía, a contención e a dosificación na intriga. (…)”