Héctor Pena, gañador do XX Premio Johan Carballeira de Xornalismo

Desde Nós Diario (foto do autor, desde Nós Diario):
“O xornalista deportivo Héctor Pena resultou gañador do XX Premio Johan Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu con Historia inacabada do deporte galego, unha reportaxe publicada en Nós Diario e que destacou entre as dezaoito obras presentadas.
O xurado, que se reuniu na tarde onte estivo conformado por Antía Yáñez, escritora e gañadora da edición anterior, Susana Pedreira, xornalista radiofónica e Manuel A. Mosteiro García, en representación da Asociación de Amigos de Johan Carballeira.
Na acta, o xurado salientou “o traballo xornalístico de investigación levado a cabo polo autor para documentar diferentes ámbitos do deporte e a súa relación coa identidade do país”. A reportaxe “fusiona pasado, presente e futuro dos deportes galegos que van desde o fútbol até os deportes autóctonos e populares, pasando polas traíñas e as artes marciais”. O autor “dálle o lugar que merece” ao deporte paralímpico, sen esquecer a perspectiva de xénero.
O xornalista recibiu “sorprendido” a nova de ter gañado o premio convocado polo Concello de Bueu cunha colección de artigos que, en declaracións do propio autor, versan sobre “un tema que non está moi reivindicado”, explica Pena a Nós Diario.
“Coincidindo co centenario da Selección Galega de Fútbol aproveitamos para reivindicar toda esa parte do noso deporte que non se coñece como reivindicación de país, botando luz ao papel das mulleres na historia do deporte galego”, aclara.
“Esa foi a idea: construír país e reivindicar as nosas seleccións como as nosas deportistas”, engade Pena. “Unha idea que xorde a raíz da exposición Galiza: un pobo unha selección da plataforma Vía Galega que eu comisariei”, conclúe o xornalista, enviando un agradecemento á entidade social.”

Antía Yáñez gaña o XIX Premio Johan Carballeira de Xornalismo do Concello de Bueu

Desde o Concello de Bueu:
Antía Yáñez resultou gañadora do XIX Premio Johan Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu con “A saúde mental en Galicia, en bragas’, publicada na revista Luzes e que destacou de entre as dezaseis obras presentadas. O xurado, que se reuniu na tarde deste martes, 3 de maio, coincidindo co Día Mundial da Liberdade de Prensa, estivo conformado polas xornalistas Cláudia Morán Mato, Marta Veiga Izaguirre (gañadora da pasada edición do certame), e Manuel A. Mosteiro García, en representación da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. Na acta, o xurado salientou que “esta crónica xornalística vincula o persoal e o político, pois parte dunha vivencia propia entroncando coas opinións de profesionais e doutros doentes de forma fluída”. Así mesmo, “visibiliza o tema das enfermidades mentais, de urxente atención e agravadas pola pandemia, e da problemática que supón ter que enfrontarse a un profesional diferente cada vez que abres a porta da consulta”, sen esquecer “que o remate desta crónica, a pesar de ser breve, é moi expresivo e contundente”.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. (…)”

Marta Veiga faise co Johán Carballeira de Xornalismo cunha reportaxe sobre a pandemia

Desde Nós Diario:
“Marta Veiga Izaguirre foi a gañadora do XVIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo, convocado polo Concello de Bueu (Pontevedra), cunha reportaxe titulada Cantigas para despois dunha pandemia e publicado na Revista Luzes en xuño de 2020.
A resolución do xurado foi adoptada este domingo, segundo trasladou o Concello. O grupo que escolleu á galardoada estivo formado polo presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, Manuel A. Mosteiro, o director de Praza Pública, David Lombao, e a gañadora da anterior edición e xornalista de El Progreso, Nieves Neira.
No acta, o xurado destacou que a reportaxe “ofrece un relato no que se tratan problemas previos á pandemia que continuarán despois desta e para os que se ofrecen solucións a través de fontes expertas e un tratamento que fuxe do conxuntural”.
Ademais, sinalou que o traballo premiado “destaca polo seu estilo e a estrutura a modo de conversa, cun humor acedo que non cae na frivolidade”, e “achega a cara social e política da pandemia, máis alá de datos e cifras”.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu até o seu asasinato, en 17 de abril de 1937, a mans dos golpistas durante a Guerra Civil española (1936-1939). Amais da de xornalismo, o certame conta cunha categoría de poesía, cuxo fallo se fará público a comezos do mes de maio.
Marta Veiga é profesora asociada da área de Xornalismo no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xornalista freelance, ademais de investigadora e xestora do grupo de innovación docente Xuvenciencia. Licenciada en Ciencias da Información pola USC, ten traballado en medios de comunicación como Diario de Pontevedra e El Progreso.”

Nieves Neira proclámase gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo

Desde o Concello de Bueu:
“A xornalista luguesa Nieves Neira resultou gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu coa reportaxe titulada ‘A fotógrafa, revelada’, publicada no Diario de Pontevedra o 15 de marzo de 2019. O xurado reuniuse este domingo ao mediodía e estivo conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, Alberte Mera, xornalista do Nós Diario, e Aser Álvarez, gañador do certame na pasada edición. Na acta, o xurado salienta “a presentación do tema desta reportaxe, a súa calidade lingüística, a precisión e o acompañamento das imaxes”. Así mesmo, o texto consegue retratar moi ben a vida de Maruja Roca, unha pioneira da fotografía galega, e o seu contexto.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. (…)”