Yolanda Castaño e Brais Lamela fanse cos Premios Nacionais da Crítica

Desde Nós Diario:
“Esta sexta feira falláronse en Málaga os Premios Nacionais da Crítica 2022, que cada ano destacan as mellores obras literarias publicadas no Estado nas categorías de narrativa e poesía. A concelleira de Cultura da cidade, Noelia Losada, acompañada polo presidente da Asociación Española de Críticos Literarios, Fernando Valls, deu a coñecer os gañadores en rolda de prensa.
Estes galardóns son concedidos por un xurado composto por máis de vinte membros da Asociación Española de Críticos Literarios que realizan críticas literarias nos medios de comunicación. Os premios non teñen dotación económica pero si teñen un prestixio único entre escritores, editores e lectores.
O premio da crítica en lingua galega foi para Brais Lamela por Ninguén queda, publicado pola editorial Euseino. Nado en Vilalba en 1994, esta é a súa primeira obra publicada.
O xurado destacou a frescura da proposta, derivada dunha certa hibridez discursiva e dunha aparencia de provisionalidade e falta de pretensións que esperta de inmediato a empatía do público lector.
En poesía en galego, Yolanda Castaño gañou o premio por Materia (Edicións Xerais). Castaño tamén ten unha intensa actividade como xestora cultural. O xurado destacou o poder material do léxico, a súa forza evocadora e sensorial así como a eficacia coa que se explotan as súas posibilidades lúdicas e irónicas.
En catalán os premios foron para El dit de Déu, de Raquel Ricart (narrativa) e El rastre nival, de Ángels Marzo. En euskera, os premios foron para Lagun Miñak, de Jon Benito (narrativa) e Uda vetea, de Aritz Gorrotxategi. En castelán, gañaron o premio De bestias y aves, de Pilar Ardón (narrativa) e Clamor en la memoria, de Dionisia García (poesía).”

Premios da Crítica Española para Diego Ameixeiras e Medos Romero

Desde Nós Diario:
“Os Premios da Crítica concedidos pola Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) recoñeceron as obras de Diego Ameixeiras O cervo e a sombra e de Medos Romero E o sol era Ela como mellor novela e mellor poemario respectivamente.
A novela de Ameixeiras está protagonizada por Mateo, un traficante que tenta saír adiante vendendo cocaína e deixándose enredar en estraños negocios por un vello amigo co que se sente en débeda. Unha mestra xubilada que xa non pode levarlle flores ao seu irmán morto, un sacerdote que anos atrás o axudou a desintoxicarse e agora insiste en solucionarlle as dúbidas de fe, e un grupo de anarquistas que okupa e rehabilita un vello edificio, rodean a Mateo e mostran o singular sentido do noir do autor, que adoita debruzarse sobre personaxes perdedores outorgándolles unha dignidade que a sociedade lles nega.
E o sol era Ela, de Medos Romero, escava na infancia da autora centrándose na perda de conexión coa natureza na sociedade moderna, cunha empatía que logra unir a vindicación ecolóxica co sentimento de perda polo mundo rural tradicional, a nostalxia pola ruptura da infancia coa celebración da vida e da irmandade entre os seres vivos. A obra de Romero fora gañadora do Premio de Poesía Afundación, cuxo xurado destacara que regresa á natureza non nun sentido paisaxístico, senón a través da reflexión dunha voz feminina”.
Os premios tamén recoñeceron en catalán, a novela Els angles morts (Os ángulos mortos), de Borja Bagunyà, e o poemario La vista als dits (A vista nos dedos), de Joan Todó. En éuscaro, foron a novela Izurdeen aurreko bizitza (A vida anterior dos golfiños), de Kirmen Uribe, e o poemario Gu gabe ere (Incluso sen nós), de Itziar Ugarte Irizar. E en castelán, a novela tríptico Infierno, Purgatorio, Paraíso, de Jordi Ibáñez Fanés e o poemario Incendio mineral (Vaso Roto), de María Ángeles Pérez López.
Esta edición, ademais, incluíu como novidade a modalidade en lingua estranxeira, que obtivo a novela Hamnet, da autora irlandesa Maggie O’Farrell.”

Inma López Silva e Ana Romaní gañan os Premios da Crítica 2020 en narrativa e poesía en lingua galega

Desde Nós Diario:
“Este sábado entregáronse os Premios da Crítica 2020, organizados pola Asociación Española de Críticos Literarios, resultando galardoadas as escritoras Inma López Silva e Ana Romaní nas categorías de narrativa e poesía en lingua galega respectivamente.
O libro da filla, a obra narrativa escrita por Inma López Silva, e A desvértebra, o libro de poemas da man de Ana Romaní foron os traballos seleccionados polas colegas de gremio das autoras galegas. (…)
En lingua catalá, os galardóns foron Albert Pijoan, por Tsunami; e María Josep Escrivà, por Sempre és tard.
Na categoría de mellores obras en éuscaro, Pello Lizarralde, por Argiantza; e Jon Gerediaga por Natura berriak, foron os premiados.
Con respecto a selección de autoras e autores en lingua castelá, a elección recaeu en Arturo Pérez-Reverte, coa novela Línea de fuego e en Ramón Andrés por Los árboles que nos quedan.”

Pilar Pallarés e Antón Lopo, Premios da Crítica 2018

Desde Sermos Galiza:
“O quinto libro de poemas de Pilar Pallarés e a primeira novela de Antón Lopo en oito anos son os Premios da Crítica Española 2018 en lingua galega. Tempo Fósil (Chan da Pólvora, 2018) e Extraordinario (Galaxia, 2018) titúlanse as obras distinguidas pola Asociación Española de Críticos Literarios a proposta da Asociación Galega da Crítica.
Con Tempo fósil, Pallarés (Culleredo, 1957), unha das poetas máis influentes de entre as promocións da década dos 80, adentrábase na memoria familiar e abrogaba as derregas entre o íntimo e o colectivo. A destrución da casa e a compaixón por todos os seres vivos, as cicatrices do eu e a rabia de raíz política comparecen nun volume que, para o xurado, amosa “unha escrita medida e esixente”.
“[Tempo fósil] vólvese unha arquitectura de ecos, que incorpora elementos recorrentes na súa obra como humus, ósos, crisálidas ou felinos”, sinala o fallo, “e suma outras marcas do tempo e do desposuimento”. Poética da ruína pero non da resignación, o libro clausurou un silencio editorial de sete anos.
Na traxectoria narrativa de Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961), tamén poeta e biógrafo, Extraordinario sucede a Obediencia (Galaxia, 2010). Se esta era unha distopía, a obra premiada pola crítica -antes foino no Premio Repsol de Narrativa Breve– é unha brutal disección das relacións familiares, o retrato da conquista da liberdade individual.
“De grande riqueza temática, a novela soborda con moito os coidados e o complexo urdido das relacións interpersoais”, considerou o xurado, “para internarse na conformación mesma da identidade”. Un humor escuro e implacábel atravesa as páxinas dun relato destemido, acedo e e emotivo.
Os Premios da Crítica Española 2018 déronse a coñecer este sábado, 6 de abril, en Vilafranca do Bierzo. A iniciativa naceu en 1956, pero as modalidades en galego, catalán e euskera activáronse vinte anos despois. As propostas galegas decidíranse o pasado 21 de marzo nunha xuntanza da Asociación Galega da Crítica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Compostela.”

Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, e Camuflaxe, de Lupe Gómez, Premios da Crítica Española 2017 en Lingua Galega

O 21 de abril déronse a coñecer en Murcia os títulos que se fixeron co Premio da Crítica 2017 que concede a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL). Os textos gañadores para a literatura galega foron Camuflaxe de Lupe Gómez (Chan da Pólvora) e Bibliópatas e fobólogos de Emma Pedreira (Galaxia), propostos pola Asociación Galega da Crítica. A resolución das diferentes fases de votacións tivo lugar no seo dunha reunión da AGC o día 6 de abril na Facultade de Filoloxía da USC.”

Compostela: entrega dos Premios da Crítica 2015 a María do Cebreiro e Manuel Rivas

OMaría do Cebreiro martesManuel Rivas 3 de maio, ás 20:00 horas, en Afundación (Rúa do Vilar, 19), en Santiago de Compostela, o Ateneo de Santiago, en colaboración coa Asociación Galega da Crítica, entregará os Premios da Crítica 2015, que concede todos os anos o 23 de abril a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL). Os galardóns en lingua galega deste ano, propostos pola Asociación Galega da Crítica, recaeron na obra O Deserto (Apiario) de María do Cebreiro, na modalidade de poesía, e na novela O último día de Terranova (Xerais) de Manuel Rivas, na modalidade de narrativa. No acto intervirán tamén Inmaculada Otero Varela e Dolores Vilavedra.

María do Cebreiro e Manuel Rivas, Premios da Crítica en galego

DesdMaría do CebreiroeManuel Rivas Sermos Galiza:
O deserto, de María do Cebreiro, no apartado de poesía, e O último día de Terranova, de Manuel Rivas, no apartado de novela, foron as obras gañadoras dos Premios da Crítica en galego. A Asociación Española de Críticos Literarios entrega estes galardóns desde 1956 aos mellores libros de narrativa e poesía publicados o ano anterior, tanto en castelán, como en galego, euskera e catalán. (…)
O xurado estivo formado por Ángel Basanta, Fernando Valls, Araceli Iravedra, José Luis Martín Nogales, José Enrique Martínez, Jorge de Arco, Luis Bagué, José Belmonte, Francisco Díaz de Castro, Juan José Lanz, Nicolás Melini, Xelo Candel, José Vicente Peiró, Manuel Ángel Morales, David Becerra, Manuel Gahete, Lluïsa Julià, Olivia Rodríguez, Javier Rojo e Enrique Turpin. (…)”

Gonzalo Hermo e Xabier Quiroga, Premios da Crítica en poesía e narrativa en galego

DesdeGonzalo Hermo Xabier QuirogaSermos Galiza:
“O xurado nomeado pola Asociación Española de Críticos Literarios xuntouse en Pontevedra para escollerenos gañadores dunha nova edición do Premio Nacional da Crítica. No apartado de lingua galega, os gañadores foron Gonzalo Hermo por Celebración, primeiro libro da editorial Apiario que promoven as poetas Antía Otero e Dores Tembrás e Xabier Quiroga con Zapatillas rotas (Xerais) en narrativa. (…)”

Anxos Sumai e Berta Dávila, Premios da Crítica en narrativa e poesía

Desde Sermos Galiza:
“Os Premios da Crítica, que cada ano outorgan a Asociación Española de Críticos Literarios veñen de recoñecer os nomes de autores e autoras gañadoras da nova edición que, no caso da lingua galega recaeron en dúas mulleres, Berta Dávila e Anxos Sumai.
Co Premio da Crítica, Berta Dávila súmalle ao seu libro de poesía Raíz de fenda un novo galardón, despois de ter recibido xa o Johán Carballeira. A autora que o pasado ano publicou tamén a novela O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia) e o álbum infantil A fuxida (Biblos) recibiu tamén o premio á mellor autora do ano nos Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores. Raíz de fenda é tamén candidata a mellor libro de poesía nos premios da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. O libro de Dávila conseguiu ademais a singular marca de ter esgotado a primeira edición en só un mes. “Non sei se mudei ou se o libro me mudou a min porque se deu tamén un cambio na maneira de afrontar a escrita. Que trate temas importantes para min como perdas ou ausencias fixo que desbotase máscaras, trampas ou artificios que usaba para escribir. Tratei de escribir este libro quitando en lugar de poñendo, limpando o que sobraba, o que estaba de máis, esas ferramentas da que se bota man polo seu efecto e non pola súa pertinencia. Estimaba que tiña que facer un texto honesto, directo e limpo. Ese escribir non coma quen lanza unha pedra senón coma quen a lima é o intento que fixen e nese sentido supón unha grande mudanza”, ten explicado do seu libro.
Pola súa parte, a Anxos Sumai, a novela A lúa da colleita déralle xa a alegría do premio García Barros ao que agora se engade o da Crítica como mellor obra de narrativa galega que se deu a coñecer en Logroño. A novela de Sumai é tamén finalista aos premios da AELG que se entregarán o vindeiro 3 de maio. No seu novo título, a escritora situouse, como xa ten feito en repetidas ocasións na súa traxectoria literaria, na fronteira. “No inicio foi nos límites da realidade e a ficción, logo na propia familia e agora na percepción, cando o propio corpo crea limitacións ou aperturas á vida. Aí está o xogo, a evolución, explorando no mesmo territorio” sinalou Anxos Sumai cando recibiu a noticia do García Barros, á maneira de presentación da novela, unha obra na que autora afronta unha “forma de narrar máis descritiva, máis pausada e reflexiva, recreándose nos detalles e na importancia da literatura como evocación”.”

Reproducimos aquí o texto de Olivia Rodríguez:

“A AECL, da que fai parte a Sección de Crítica Literaria da AELG, deu a coñecer os Premios da Crítica 2014, resultando gañadoras as autoras:

Narrativa
A lúa da colleita, de Anxos Sumai, Galaxia, Vigo, Editorial Galaxia, 2013.
Trátase dunha novela curta, de personaxes, na que os espazos -un horroroso edificio de apartamentos ao bordo dun cantil desde o que se abre a Ría de Arousa, e un estudo de pintor nos arrabaldes de Madrid- personifícanse e cobran significados simbólicos. A protagonista volve a un lugar do seu pasado de adolescente nos anos 70, para separarse de si mesma e refacerse xuntando os anacos rotos, vinte anos despois. O lector vai descubrindo aos poucos, a través de episodios sinistros e soños enigmáticos, que o tema da novela é o da tolemia, diseccionada artisticamente na súa dobre vertente de sufrimento e dereito a vivir á marxe da lóxica. A narración deixa un rastro poderoso de sensacións físicas: o olor, a luz, o movemento dos paxaros e o mar; á vez que acrecenta un inesgotábel buraco negro, do que xorden todos os medos.

Poesía
Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2013.
Poemario que dota dunha renovada linguaxe temas recorrentes na poesía galega actual, como a orixe, a casa, a identidade. Con aparente sinxeleza exprésanse a través da corporeización experiencias de dor psíquica representadas por gretas ou fisuras: a familia non escollida, a morte de quen amamos, o desamor e a reconstrución do eu… A creación poética nace do desexo de pechar esas fisuras. A autora ten habilidade para ir en busca da “palabra xusta”, e sorprender cos seus mil significados, en capas superpostas, profundando nelas.”