Festa da Palabra na Insua dos Poetas, por Armando Requeixo

Crónica de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Onte sábado, 20 de xullo, o pequeno lugar de Esgueva, na parroquia de Madarnás, concello do Carballiño, acolleu un insólito evento literario: a Festa da Palabra, celebrada nunha contorna natural de excepcional beleza que leva o sonoro nome de Insua dos Poetas.
O organizador do acto, o poeta Luís González Tosar, é tamén o presidente da fundación homónima que convoca cada ano o evento e concede os Premios Sete Carballas para homenaxear distintos particulares ou colectivos que, dende os ámbitos do artístico, o humanístico ou o social, se signficaron a prol da defensa da nosa terra e a nosa cultura.
Este ano os premiados foron, na categoría de Mellor Iniciativa Cultural a Fundación Premios da Crítica de Galicia; na de Arte e Natureza, o pintor Antón Sobral; na de Medio Ambiente, a Asociación Ridimoas; na de Cultura Galega na Emigración, o Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires; na de Compromiso Empresarial, Aceites Abril; na de Acción Social, a Asociación Antidroga Renacer de Ribeira e na categoría de Mellor Medio de Comunicación, a sección de Cultura de La Voz de Galicia.
Con motivo desta entrega coincidiron neste anfiteatro xeórxico artistas, escritores, intelectuais e representantes institucionais nun evento no que interviu como mantedor Xesús Alonso Montero en calidade de presidente da RAG e no que recitaron os seus poemas Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova e mais Víctor Campio Pereira, aos que acompañaron con interludios musicais os compoñentes do Grupo Tradicional Laghareu.
O acto central desta xuntanza, presentada por Xavier Castro Martínez, foi o desvelamento da escultura Rexurdimento da autoría de Pedro José Rodríguez Álvarez, ao pé da que figuran inscritos versos de Rosalía, Curros e Pondal, pois esta V Edición da Festa da Palabra estaba dedicada, xustamente, ao noso Rexurdimento na voz destes tres incomparables poetas.
Logo da entrega de premios, as correspondentes intervencións e o descubrimento da escultura, tivo lugar un animado xantar campestre no marco do cal foron repartidos diversos agasallos, entre eles a recente edición da Obra poética e teolóxica de Faustino Rey Romero realizada por X. Ricardo Losada e, para algúns escolleitos, un dos contados exemplares do cartafol V Festa da Palabra. Rexurdimento que, para tal ocasión, prepararon os organizadores nunha tiraxe de tan só trinta exemplares numerados e asinados polo autor das sete láminas inseridas na carpeta, o pintor Nicolás González Aller, quen iluminou coas súas coloristas creacións versos de Rosalía, Curros, Pondal, Díaz Castro, Celso Emilio, García-Bodaño e mais González Tosar, algúns deles reproducidos tamén nas esculturas que adornan esta singular paraxe.
Cómpre felicitar á Fundación Insua dos Poetas e o principal promotor e responsable deste evento, o poeta Luís González Tosar, por tan significada iniciativa a prol do espallamento das nosas letras, a nosa cultura e a nosa lingua nunha contorna nomeadamente fermosa na que onte foi a palabra e a palabra de noso a que reinou entre bos e xenerosos.”

O Carballiño: coñécense os premiados na Insua dos Poetas

“O vindeiro sábado, 28 de xullo, terá lugar na Insua dos Poetas (Esgueva, O Carballiño) a IV edición da Festa da Palabra, dedicada este ano a Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento e no cincuenta aniversario de Longa noite de pedra. Na xornada, que dará comezo ás once e media da mañá, descubrirase a escultura Irmaus, do artista ourensán Manuel Penín, e realizarase a entrega dos premios Sete carballas da Insua dos Poetas, que onte deu a coñecer o xurado. Nas principais categorías os galardonados foron Víctor Campio, en literatura; Alfonso Sucasas, a título póstumo, no apartado de artes plásticas; Antonio González, párroco de O Irixo, en medio ambiente; a Asociación Ourensana de Hemofilia en Acción Social; e o Centro Partido do Carballiño en Buenos Aires no ámbito da Emigración.” Vía La Voz de Galicia. Crónica posterior do acto no mesmo xornal e en Galicia Hoxe.

Esgueva, O Carballiño: IV Insua dos Poetas, adicada a Celso Emilio Ferreiro, o 28 de xullo

O sábado 28 de xullo, ás 12:00 horas, na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarnás, O Carballiño. Estrada do Carballiño a Lalín -OU-902-, km. 94,5) terá lugar a IV edición da Festa da palabra, adicada a Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento. Terá lugar un acto literario, a inauguración da escultura Irmaus de Manuel Penín e a entrega dos Premios Sete Carballas. Ao remate, celebrararase un xantar de confraternidade e ourensanía.