Ledicia Costas: “A vida de Florencio foi case unha especie de aventura e decidín que fose el mesmo quen a contase desde a visión infantil”

Desde a Real Academia Galega:
“«Vin a luz nunha aldea cun nome chulísimo: Córgomo. Pertence a Valdeorras, que é unha comarca de Ourense moi famosa polos seus viños. De feito, o viño e a natureza están moi presentes en toda a miña obra. Nese lugar hai un río precioso chamado Sil e unhas vides baixo as que fun moi feliz». Quen así se presenta é o propio Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), o protagonista do Día das Letras Galegas 2022, na biografía que Ledicia Costas escribiu para a páxina web Primavera das Letras, o proxecto da Real Academia Galega dirixido ao público escolar de infantil e primaria. A escritora, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, dálle voz ao propio homenaxeado, convertido nun neno máis para que sexa el mesmo quen lles conte a súa vida aos cativos e cativas do século XXI. E para iso sérvese dun trebello máxico, uns prismáticos que lle permiten viaxar no tempo e deterse en cada etapa dun periplo que arrincou nas terras valdeorresas e rematou no exilio mexicano.
«Para min escribir esta Primavera das Letras foi tamén un xeito de descubrir a vida e a obra de Florencio», confesa Ledicia Costas, que consegue transmitir o abraio da súa propia descuberta aos nenos e nenas nun texto igualmente atractivo para o público adulto. «Xunto a esa poesía tan pegada á terra, descubrín o seu afán de experimentación, porque eses “poemas crioulos”, nos que tira do exotismo e da musicalidade, foron un xeito de procurar outra maneira de comunicación. E fíxome rir coa súa poesía retranqueira e satírica, e descubrín que tamén fora un poeta político, con poemas moi ácidos como ese “Home pequeno – fol de veneno” sobre Franco», comparte.
A autora asumiu a encarga da RAG mergullándose na figura de Florencio Delgado Gurriarán a través da súa propia obra e mais de documentos e libros sobre o homenaxeado destinados a públicos de máis idade. E tamén documentándose sobre símbolos centrais na súa historia, que é dalgún xeito a historia de moitas outras persoas que se viron na obriga de fuxir dos seus fogares tras o golpe de Estado do 36. Iconas como o Ipanema, un dos chamados barcos da liberdade, no que escapou en 1939 a México canda outros galeguistas; ou como a revista Vieiros (1959-1968), editada polo Padroado Galego da Cultura Galega de México. «Queriamos que fose a máis impresionante do mundo galego e coidamos moitísimo a lingua. Xa sabes a rabia que me daba a min o castrapo (….). Non quero semellar un presumido, pero a revista era unha pasada!», conta sobre esta publicación emblemática o pequeno Florencio nesta biografía titulada Son o poeta que cruzou o océano.
A importancia do narrador neno
A elección dun Delgado Gurriarán neno como narrador foi unha decisión chave para facer a vida do autor interesante para a rapazada. «A súa vida foi case unha especie de aventura e pareceume unha boa idea que fose o propio Florencio quen a contase desde a visión infantil, considerei que era unha maneira de facela máis atractiva para o público de Primavera das Letras. O poeta neno é así quen relata a súa propia vida como unha aventura botando man deses prismáticos que lle permiten viaxar no tempo», explica Ledicia Costas.
Pero as palabras non o son todo. Blanca Millán foi quen creou as imaxes que acompañan o texto, que constitúen outro elemento central da propia biografía e de toda a páxina web de Primavera das Letras. «Como ilustradora deste proxecto, o meu maior reto foi dar con ese neno Florencio que, acompañado dos seus marabillosos prismáticos, guía os nenos e nenas nunha viaxe apaixonante pola súa vida», di a artista. «A aportación visual de Blanca foi moi importante. Creou unha vida chea de cor. Florencio, a quen lle gustaba tanto o baile, a música e a festa, estaría encantado con estas ilustracións tan coloristas, case como grilandas», compara Ledicia Costas.
Fichas para colorear e actividades interactivas
Xunto á biografía do autor, o proxecto Primavera das Letras ofrece tamén desde a súa páxina web fichas para colorear unha escolma de ilustracións de Blanca Millán, deseños de chapas e marcapáxinas e actividades interactivas para afondar en temas relacionados co universo vital e literario do poeta valdeorrés. Conta ademais cunha sección audiovisual, con vídeos protagonizados por nenos e nenas da súa comarca que cantan e recitan poemas da súa autoría, como «Aí vén o maio» ou «Casoiro».
Ao abeiro de Primavera das Letras, a RAG convoca ademais un concurso escolar arredor da celebración das Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán. Xa á volta do verán, Primavera das Letras estreará unha nova sección para achegar a lingua e a cultura galegas ao alumnado de infantil e primaria alén da festa do 17 de maio.”

A Academia inaugura a Primavera das Letras de Xela Arias no colexio vigués onde estudou a protagonista das Letras Galegas 2021

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega celebrou no CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo) a presentación da Primavera das Letras de Xela Arias da man da súa familia e da comunidade educativa do colexio onde a autora estudou a partir dos sete anos. O proxecto dixital fornecerá os nenos e nenas de diversos recursos lúdicos e didácticos, descargables e interactivos, para achegalos á figura da escritora, editora e tradutora á que a institución dedica as Letras Galegas 2021. Coa posta en marcha desta páxina web específica para o público infantil, a Academia complementa nas vésperas do aniversario de Xela Arias –nada o 4 de marzo de 1962– a súa oferta de xanelas virtuais sobre a súa vida e obra, tras a activación o pasado mes de xaneiro da sección das Letras Galegas 2021 na web institucional, academia.gal, en permanente actualización.
“Para a Real Academia Galega, este encontro de presentación da Primavera das Letras, que facemos todos os anos cos rapaciños e rapaciñas que están descubrindo o mundo, as palabras e tamén a significación da literatura, é unha festa”, expresou o presidente da Real Academia Galega. “Nesta ocasión a figura de Xela Arias convoca todo o cariño, toda a sorpresa, toda a alegría que ten sempre a palabra da poeta nas novas xeracións, que son unha sementeira de esperanza”, engadiu.
A Real Academia Galega mantén a web primaveradasletras.gal dende o ano 2016 co apoio da Deputación da Coruña. A que é xa a sexta edición arrinca cunha ficha biográfica sobre Xela Arias e unha actividade interactiva sobre Vigo. A estes contidos sumaranse nas vindeiras semanas outras propostas para achegarlles aos nenos e nenas o mundo da poesía, da edición e da tradución a través da obra da protagonista das Letras Galegas 2021; e tamén para coñecer a súa Sarria natal, o seu compromiso co coidado ambiental ou a súa afección pola música, explicou Fina Casalderrey. O proxecto completarase co concurso Contádenos o voso Día das Letras, aberto aos centros de infantil e primaria. A académica expresou a súa satisfacción polo incremento paulatino de participantes en cada edición, mostrou o seu desexo de que esta progresión continúe e animou a todos os colexios a compartir a través deste certame as homenaxes e os traballos que lle dediquen a Xela Arias.
Fina Casalderrey agradeceu ademais a presenza no acto da familia da homenaxeada e a excelente acollida do colexio de Sárdoma-Moledo. A celebración contou con, Amparo Castaño, nai da autora; o seu fillo, Darío Gil Arias; e os seus irmáns Lois, Marcos e Xoán. Lois Arias Castaño agradeceu en nome da familia o recibimento da comunidade educativa de Sárdoma-Moledo, onde estudaron os cinco irmáns. “Temos moi bos recordos neste colexio, onde pasamos a infancia. Da nenez sempre hai boas lembranzas, pero é que ademais este colexio é moi bonito, está en Vigo pero nunha zona aberta, no medio da natureza”, gabou. (…)
A oferta de contidos dixitais arredor das Letras Galegas de Xela Arias incluirá propostas audiovisuais que poderán verse proximamente nas redes sociais da RAG e na sección das Letras Galegas de academia.gal. Neste espazo xa están dispoñibles a biografía da homenaxeada que asina a académica Ana Romaní, entrevistas –unha delas a Amparo Castaño–, e unha galería de retratos de Xela Arias realizados por Xulio Gil, entre outros contidos.”

A Primavera das Letras de Antonio Fraguas comeza da man dos nenos e nenas do seu Cotobade natal

Desde a Real Academia Galega:
“Cotobade foi a primeira fiestra ao mundo para Antonio Fraguas. Nestas terras da provincia de Pontevedra naceu e medrou, e a elas dedicou os seus primeiros traballos como antropólogo. E nelas comezou tamén hoxe a Primavera das Letras que a Real Academia Galega lle dedicará a quen elixiu como protagonista do Día das Letras Galegas 2019. A institución presentou o proxecto web que fornece de material lúdico e didáctico arredor da súa vida e obra da man da comunidade educativa de Cotobade. O alumnado do CEIP de Carballedo e do veciño CEIP de Tenorio ofreceron tamén a súa propia visión da traxectoria do intelectual cunha representación ramatizada da súa biografía e un vídeo.
A directora do CEIP de Tenorio, Ana Porto Magariños, conduciu o acto, que se desenvolveu na biblioteca do CEIP de Carballedo e que foi seguido en directo desde o seu centro de ensino. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica Fina Casalderrey foron os encargados de presentar o proxecto e, tras as actuacións do alumnado, Avelino Martínez Cimadevila, sobriño de Antonio Fraguas, pechou a celebración, que contou tamén coa participación do alcalde de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, e de membros da Fundación Antonio Fraguas.
Primavera das Letras naceu como unha nova porta que a Real Academia Galega abre pensando nos máis novos, nenos e nenas de educación infantil e primaria, e mais nos profesores e profesoras que traballan neste nivel educativo, “semente primeira para coñecer e amar a súa cultura e o seu país”, salienta o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. “Arredor da figura que cada ano a Academia elixe para celebrar o Día das Letras Galegas, procuramos elaborar propostas e iniciativas útiles para o ensino e para a dinamización cultural nestes niveis”, engade o académico, quen tivo palabras de especial agradecemento para o profesorado. “Somos moi conscientes do seu esforzo, da súa dedicación e do seu talento, que se manifesta na cada vez maior participación de colexios nesta convocatoria”, asegura. “Antonio Fraguas vainos permitir viaxar polas raíces da nosa cultura, a cultura popular, tan próxima a nós, en certa medida a memoria dos avós, que fixeron posible que en tempos de devalo a lingua e a cultura de Galicia teña a vitalidade que acadou hoxe. Como ben di o título do proxecto, Primavera das Letras é sobre todo unha primavera: una aposta apaixonada e optimista cara ao futuro”, conclúe Víctor F. Freixanes. (…)”

A Primavera das Letras de María Victoria Moreno arrinca no CEP Marcos da Portela

Desde a Real Academia Galega:
“O primeiro libro publicado por María Victoria Moreno, Mar adiante (1973), contaba a historia do Arroás, un barco convertido nunha escola afastada da rixidez do ensino da época na que os nenos e nenas aprendían as cousas importantes na vida. O tema escollido non foi casual, porque se María Victoria Moreno destacou como escritora tamén o fixo noutra das súas vocacións, a docencia, que exerceu transmitindo a paixón pola lingua galega e a literatura que ela mesma sentía. Con este mesmo propósito, a Real Academia Galega presentou hoxe da man da comunidade educativa do colexio de educación primaria Marcos da Portela o proxecto web Primavera das Letras dedicado á protagonista do Día das Letras Galegas 2018. En Pontevedra, na cidade na que, en 1963, comezou a súa historia de amor con Galicia.
Primavera das Letras fornece o profesorado de infantil e primaria, os pais e nais e o propio alumnado destas etapas de propostas didácticas e lúdicas, parte delas interactivas, arredor do universo vital e literario da homenaxeada. As actividades están deseñadas cun enfoque interdisciplinario e en relación con distintos contidos do currículo escolar para poder traballar na aula, ou na casa, non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística.
Tras as palabras de benvida da directora, Alicia Martínez, o presidente Víctor F. Freixanes e a académica Fina Casalderrey foron os encargados de presentar o proxecto no que foi o primeiro acto que celebra a institución dentro do Ano María Victoria Moreno. O evento contou tamén coa presenza da filla da homenaxeada, Begoña Llácer Moreno , e o seu viúvo, Pedro Ferriol, xunto a alumnos e alumnas, membros da ANPA e docentes dos centros educativos próximos (o IES Torrente Ballester, no que María Victoria Moreno ensinou na súa última etapa profesional, o IES Luís Seoane, a EEI Fina Casalderrey, o CEIP de Lérez e a UNED).
Os propios nenos e nenas do CEP Marcos da Portela puxéronlle o ramo á celebración cunha homenaxe a María Victoria Moreno na que recitaron e dramatizaron distintos anacos da súa obra, desde versos de Elexías de luz a un fragmento do pregón que leu na Feira do Libro de Pontevedra de 2003. (…)”

A Real Academia Galega pon en marcha o proxecto web Primavera das Letras

DesdePrimavera das Letras RAG a Real Academia Galega:
“(…) A cerna de Primavera das Letras é a páxina web academia.gal/primaveradasletras, desde a que se achegarán distintos materiais, dirixidos sobre todo ao alumnado de infantil e primaria. O proxecto está aberto tamén ás familias e a calquera usuario, que poderán acceder aos materiais pendurados neste espazo virtual de acceso libre. (…)
Con estes recursos preténdese contribuír ademais estender a celebración e que “o Día das Letras Galegas sexa algo máis ca un día”. De feito, Primavera das Letras fornecerá de novos recursos a comunidade educativa ao longo de toda a primavera, ata mediados do mes de xuño, achegándolle desde fichas didácticas a actividades interactivas. Os contidos estarán ademais accesibles na web todo o ano co propósito de poderen ser empregados en calquera momento, xerando pouco a pouco un banco de recursos que pretende ser útil para toda a comunidade escolar.
As actividades das fichas didácticas están interrelacionadas con distintos contidos do currículo escolar para facilitaren un enfoque globalizador e interdisciplinar e a súa utilidade en calquera momento. Deste xeito, poderanse traballar na aula contidos de literatura galega, a expresión oral e escrita, aspectos relacionados co coñecemento do medio natural, as ciencias sociais ou a educación artística e a creatividade. Todo isto, a través do universo literario de Manuel María, “unha figura especialmente adecuada para iniciar este proxecto, pola importancia que ten a obra que dedicou de forma específica ao público infantil”, e na que abondan os versos referidos aos ríos, a paisaxe e outros elementos do medio natural, concluíu Henrique Monteagudo. (…)”