Maniféstate pola Lingua!, Queremos Galego 2023

A plataforma cidadá Queremos Galego sairá ás rúas das principais cidades e vilas de Galiza o 17 de maio ás 12h, para reivindicar a vida en galego, aquí e agora.

Lugares das concentracións:
Santiago de Compostela (Alameda)
A Coruña (Obelísco)
Lugo (Praza Maior)
Ourense (Praza do Correxidor)
Pontevedra (Praza da Peregrina)
Vigo (Cruce Vía Norte)
Ferrol (Praza do Inferniño)
Monforte de Lemos (Praza de España)
Foz (Casa do Concello)

40 anos de lei de normalización lingüística non serviron para garantir a presenza e dispoñibilidade do galego en todos os espazos da vida pública. Os avances para a lingua conseguidos pola acción do movemento social pola lingua encontráronse coa pasividade, cando non coa oposición, das institucións, nomeadamente daquelas que teñen obriga de promovela e defendela.

A actual situación de emerxencia lingüística é en grande parte consecuencia do desleixo dos poderes públicos, que abandonaron e desprezaron a crecente conciencia social sobre a lingua e a vontade de repoñela e normalizala.

ASINAR MANIFESTO

Compostela: Maniféstate pola Lingua!, Queremos Galego 2022

Representantes da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, anunciaron que o 17 de maio sairán ás rúas de Compostela para “evidenciar que a situación do galego non é irreversíbel” e “que hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa para a lingua”.
ASINA O MANIFESTO: En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua.
A plataforma reclama a posibilidade de vivir en galego agora e sempre e denuncia que o ensino e unha limitadísima oferta audiovisual en galego botan abaixo os esforzos das familias por garantiren a transmisión da lingua. A sociedade galega propón solucións, como a Iniciativa Xabarín, a Iniciativa polo audiovisual galego ou as bases para a normalización da lingua elaboradas pola maioría da representación sindical do profesorado, das anpas, dos movementos de renovación pedagóxica e pola Mesa, mais dende Queremos Galego recordan que para que que estas solucións frutifiquen cómpre que os gobernos galego e español abandonen o desprezo pola lingua galega e garantan a súa presenza e dispoñibilidade “en todo e para todo”.
🚌 Autobuses para acudir á manifestación en Compostela:
A Coruña: 981 169 810
Saída ás 10h do Campo da Leña, con paradas na Praza da Palloza e no Edifico Sindical
Ferrol: 630 219 861 | 981 358 750
Saída ás 9:30h diante do local da CIG, na avenida de Esteiro, con paradas en Caranza, Fene e Vilar do Colo.
Lugo: 982 225 812 | 982 280 410
Saída ás 10:00h de Ronda da Muralla, 58
Vigo: 986 827 900
• Saída ás 10h, desde o local da CIG
Pontevedra: 986 866 205
Saída ás 10h desde Arcade
Ás 10:30h de Pontevedra
Vilagarcía-Cambados: 986 565 059 – 986 505 323
– Ás 10:30h en Cambados diante do Concello
– Ás 11h en Vilagarcia, Fexdega
Ourense (desde Monterrei): 988 233 134
– Ás 8h, Praza do Concello da Mezquita.
– Ás 8:30h en Verín.
– Ás 9h, en Xinzo.
– Ás 9:30h, en Ourense.
– Ás 10h, no Carballiño.
A Mariña: 982581861 | 605 377 317
Un novo futuro para o galego é posíbel, se todas e todos, cidadanía, entidades sociais e gobernos imos na mesma dirección, a de asegurar que o galego está presente e plenamente dispoñíbel. A lingua galega une é o principal elemento de cohesión, identidade e progreso de Galiza. O 17 de maio manifestarémonos en Santiago para que a Xunta de Galiza comece a actuar en consecuencia.

Compostela: Queremos vivir en galego!, o 17 de maio


Desde Queremos Galego:
“A plataforma Queremos Galego! fai un chamamento a realizar un gran acto nacional o vindeiro 17 de maio baixo o lema “Queremos vivir en galego” na praza do Obradoiro de Compostela. Debido ás restricións sanitarias, este evento contará cunha capacidade limitada polo que precisamos que te inscribas [aquí].
Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións.
Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das Linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar no día a día.
A sociedade galega mantivo este ano a súa mobilización, con centos de iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Como a Iniciativa Xabarín, que chega ao Parlamento con máis de 33.000 sinaturas para garantir a posibilidade de gozar de contidos audiovisuais en lingua galega, nomeadamente para a infancia e a mocidade.”

Queremos Galego 2020: “Este 17 de maio defendemos o galego desde xanelas e varandas”

Desde Queremos Galego:
“Este 17 de maio, malia todas as limitacións, voltamos a ter unha cita para que o galego non siga confinado.

Todo o día:
Pendura a bandeira galega da túa xanela ou varanda e os cartaces disponíbeis aquí (tamén para pintaren as nenas e nenos).

Ás 12 h:
Maniféstate nas redes con mensaxes escritas, vídeos, fotografías, audios… utilizando as etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #17demaio #Eufalogalego

Ás 13 h:
Sae á xanela a cantar: A fala (letra: Manuel María; música Uxía-Sérgio Tannus)”

Manifesto 17 de maio de 2020. Carta aberta a Ricardo Carvalho Calero

Desde Queremos Galego:
“Hai trinta anos que nos deixou fisicamente, mais as súas sabias palabras continúan a resoar en nós, como tesouro de afecto, de admiración, de intelixencia e de amor con obras ao povo galego. Vostede dixo e escrebeu que a lingua galega, para viver, debe sobreviver. Nesas estamos. Os seus estudos, os seus artigos, analisaron perfeitamente a impostura radical da lexislación constitucional e estatutaria verbo da normalización necesaria da lingua de noso. Aínda por riba desta limitación, acumulamos anos e anos –décadas– de incumprimento sistemático das cativas normas favorábeis ao uso social e público do galego. A última década resulta particularmente escandalosa no maltrato que as autoridades autonómicas usan para co galego: non se trata xa de o contemplar como un mal menor, un ritual prescindíbel ou un símbolo vougo, senón que se procedeu directamente a lexislar na súa contra, a confinalo aínda máis do que xa estaba, a fomentar descaradamente a españolización por todas as vías: ensino, meios de comunicación, sociedades públicas… Non se trata só dun desprezo pasivo, senón da exclusión organizada con toda a prepotencia e, ao tempo, con todo o servilismo á indiscutida lingua oficial do Estado.
Fíxose, desde a mal chamada autonomía, o contrario do que a lingua galega precisaba. Ela, a lingua galega, necesitaba un constante e sostido exercicio de uso promovido desde os poderes públicos, desde todas as institucións; unha promoción atenta ao uso xurídico, ao uso comercial, ao uso eclesiástico, ao uso mediático, ao uso administrativo, ao científico, ao publicitario, ao uso cultural en xeral, ao audiovisual e cinematográfico, ao de novas técnicas de comunicación e difusión… Un exercicio de construción e de avaliación de resultados, para, sobre a marcha, irmos corrixindo e innovando todo o que fixer falta. O que vostede expresou tan ben no título dun artigo que case ten cuarenta anos: “O uso do galego para todo”. Tal necesidade non se atendeu; antes ben, desprezáronse as actividades, o combate pro-galego, a mobilización cívica de tantas e tantos galegos a prol de poderen viver con normalidade en galego, as 24 horas do día e os 365 días do ano, nen máis nen menos que en calquer lingua das que definimos como normais na sociedade respectiva.
Benquerido profesor, non esquivamos a nosa responsabilidade, isto é, a de todas e todos nós, galegas e galegos, que nos recoñecemos no povo do mesmo nome e queremos exercer non só os nosos dereitos de uso e devolución do noso idioma senón que tamén nos sentimos vinculados a un deber inescusábel: o de sermos dignos de quen nos precedeu, non adorando lápidas senón continuando o seu labor dignificador da lingua, amándoa con obras e non só con palabras que leve o vento. Este espello de responsabilidade querémolo ter sempre presente. Se a cuestión da lingua non se menciona especificamente como tal, creamos a impresión de que xa non precisa unha acción permanente ou, aínda pior, de que nos conformamos resignadamente co que hai: a compracencia na subordinación, na pequenez, na domesticidade mal entendida, na limitación vista como natural e inevitábel. O que vostede denominou “unha lingua ritual, reservada, confinada, refreada, conxelada, e, polo tanto, esmorecida, reprimida, asfixiada, acadarmada. E consecuentemente, unha lingua ferida de morte”. Así se pronunciaba vostede hai case cuarenta anos, e isto é mesmamente o que queremos conxurar de vez.
Unha lingua non pode denominarse normal se non posúe os atributos de tal: ha de ser ubicua, capilarmente circulante por toda a sociedade, con efeito multiplicador, renovábel e atenta a todas as necesidades comunicativas, científicas, expresivas e estéticas do mundo actual. Nen máis nen menos. Para isto precisamos que todas e todos os nosos compatriotas a sintan, a pensen e a practiquen como sinal irrenunciábel, como sacramento conferidor de personalidade, de todos nós, povo galego.
Don Ricardo, a persoa e obra de vostede foinos –e énos– axuda imprescindíbel nesta tarefa colectiva. Temos na lembranza unha súa intervención pública memorábel: foi, xustamente, a que clausurou o encontro sobre os problemas e as necesidades da nosa lingua de que derivou a constitución da MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. Tal aconteceu en Compostela, en Abril de 1986. Desde aquela data a hoxe, queremos comunicarlle que as nosas demandas, as nosas reclamacións, a nosa loita pro-galego foi ratificada e corroborada por non poucos organismos internacionais, desde a UNESCO até a propria ONU, pasando por diferentes instancias europeas. Todo isto nos conforta, mais, naturalmente, o campo de ampliación e de dignificación da nosa lingua seguímolo tendo aquí, na Galiza. Somos nós, galegas e galegos, os lexítimos proprietarios da nosa lingua. Somos, igualmente, os responsábeis de que ela perviva non como unha reliquia ou un monumento literario senón con toda a práctica que aínda lle falta: para a vida de todos os días, para toda a sociedade, para a fala e a escrita, para ouvila e para lela de forma xeral, para non ter que a procurar, cal detectives, en cápsulas controladas.
Conceder dereitos con tal de que non se exerzan é artificio cínico e malsán. Nós queremos exercelos con toda a consciencia e con todas as consecuencias prácticas e visíbeis. Como vostede indicou: Hai que ganhar ou recuperar para o uso normal do galego aqueles sectores sociais que hoje tenhem como língua normal o castellano. Esta é unha tarefa á que queremos convocar, co amor, o respeito e o afán que a causa da lingua merece, toda a povoación galega e, nomeadamente, todos os mozos e mozas en cuxa man está a digna perpetuación viva do noso idioma. Somos galegas e galegos. A mellor forma de que esta condición se exteriorice, de que non se disimule, de que se admita coa necesaria naturalidade e orgullo, é a práctica da nosa lingua.
Neste Día das Letras Galegas, a vostede dedicado, manifestámoslle o noso afecto, a nosa memoria agradecida, a débeda con vostede contraída, débeda e exemplo que queremos converter en actos positivos para a lingua que vostede tanto e tan ben tratou e arrequeceu.
A nosa fonda aperta.

María Pilar García Negro
Galiza, Maio de 2020″

O idioma é a vida. Manifesto do 17 de maio

Cartaz_O_idioma_e_a_vida_A3-724x1024Desde Queremos Galego:

O idioma é a vida.

A lingua é a maior creación colectiva dun pobo, a expresión máis clara da súa existencia e vontade de se desenvolver. A normalidade plena da lingua propia evidencia o desenvolvemento e a prosperidade do pobo que a fala.

Neste 2016 fanse cen anos da creación das Irmandades da Fala, cen anos de reivindicación da normalización para a lingua galega, de desenvolvemento de todas as capacidades do pobo galego co noso idioma como mellor mostra do que somos e do que queremos ser.

Todos os avances para a lingua galega, por mínimos que fosen, foron conquistas sociais e democráticas como demostraron a Irmandades da Fala ou hai 50 anos o profesor Carvalho Calero incorporando o galego, en condicións moi precarias, ao ensino universitario.

Nos últimos anos o goberno do Partido Popular na Xunta, que ten a obriga legal de promover e defender a lingua galega, foi o principal promotor do retroceso do noso idioma. As consecuencias son perfectamente observábeis nos datos estatísticos, na reducida ou nula presenza do galego na xustiza, administración e servizos públicos; na desaparición das aulas de Educación infantil como antesala do proceso de extranxeirización da lingua galega no seu propio país, xunto co veto ao seu uso nas aulas en materias da área científico-técnica, ou no obxectivo de redución a 1/3 a súa presenza no ensino que establece o decretazo contra o galego 79/2010; na exclusión do galego de grande parte dos sectores económicos e na discriminación consentida a galego-falantes en servizos de atención á clientela por parte de empresas que ademais de prestaren servizos en Galiza, extraen grande parte dos seus recursos.

Esta situación foi denunciada publicamente mesmo ante a comunidade internacional, e foi motivo dun apercibimento grave por parte do Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Lingua ao gobernos da Xunta e estatal.

A aprobación da Lei de normalización lingüística en 1983, sucedérona outros avances, mesmo acordos aparentemente asumidos por todas as forzas políticas (paralizados ou vulnerados polos gobernos do Partido Popular), como o Plan xeral de normalización da lingua galega de 2004 ou recentemente a Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega que impulsou en xullo do 2015 a Mesa pola Normalización lingüística. Malia os incumprimentos reiterados, todos estes pasos foron o resultado da acción da sociedade galega, case sempre en solitario, a favor da súa lingua.

Porén, sentenzas como a recente do TSXG contra a ordenanza de uso do galego en Lugo, someten a escasa lexislación favorábel ao galego a unha interpretación abertamente contraria a todos os acordos conseguidos pola mobilización da sociedade en democracia. Utilizan as poucas ferramentas que temos para negaren a existencia do idioma galego por si mesmo como lingua propia e plenamente oficial en Galiza, sen subordinacións, sen límites, en condicións de mínima igualdade.

Fronte as 500 disposicións disposicións legais que amparan e mesmo obrigan ao uso do español, as poucas que permiten a utilización do galego son utilizadas por sentenzas como a do TSXG para atacar calquera tentativa normalizadora. Por isto, ademais de políticas activas que sitúen o galego en todos os espazos da vida cotiá onde está excluída, precisamos mudanzas lexislativas que garantan o dereito a vivir en galego e eviten a utilización do poder xudicial para negarnos o dereito e a liberdade de vivirmos sempre en galego.

O idioma é a vida, di o verso de Manuel María, poeta e activista da lingua, e como a vida dános a forza, o amor, a unidade que mostramos na manifestación de vida e vontade de vivirmos que é o 17 de maio. “O idioma é a patria/a esencia máis nosa,/ a creación común/ máis grande e poderosa””

Comunicado público da AELG de apoio ao manifesto Queremos galego na administración local de Cee

AAELG Logo 3-2015 Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega declara publicamente o seu apoio ao manifesto Queremos galego na administración local de Cee e fai un chamamento a usar, apoiar e impulsar a nosa lingua propia, lingua en que se expresaron as e os poetas do noso país, algúns deles fillos desa comarca de Fisterra.

Van alá máis de cento cincuenta anos de afáns para devolver a nosa lingua ao lugar que ocupou e que lle corresponde como ÚNICA LINGUA PROPIA de Galiza, tamén recoñecida como OFICIAL polo Estatuto de Autonomía galego. Somos quen somos por termos criado esta lingua. É por ela que somos recoñecidos como galegas e galegos e así o queremos seguir sendo. É grazas á lingua oral -base da nosa cultura e raíz do noso sistema literario- que desde a escrita nos é permitido transmitir elementos patrimoniais que, de ficaren restrinxidos á vía oral, fariamos hoxe parte dunha xeración moito máis enmudecida.

Por iso non podemos máis que refugar os argumentos que pretenden impedir a súa necesaria potenciación para inverter a actual tendencia decrecente que nos fai preguntarnos con preocupación polo seu futuro.

Preocúpanos a insensibilidade de quen se estende en citas xurídicas para negar unha realidade evidente, o retroceso social por infravaloración marxinal da lingua galega, tan evidente que até todas as organizacións políticas foron quen de se pór de acordo en favor da nosa lingua nos marcos lingüísticos legais e de referencia. como é a Lei de Normalización Lingüística ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. En relación con isto non podemos comprender como eses acordos que se aceptan e asinan non son logo colectivizados polo conxunto das persoas que conforman esas organizacións, para seren defendidos por todos e cada un dos seus representantes públicos en todas as administracións.

Asemade, pretender xustificar o inxustificábel de todo punto de vista, como é restrinxir a igualdade lingüística apelando á escrita de obra literaria en castelán por parte de Rosalía de Castro ou Álvaro Cunqueiro resulta intelectualmente deshonesto, pois ignora que esta actuación tivo lugar de forma non libre, precisamente en momentos de non regulación ou, propiamente, prohibición e desamparo da lingua galega, o que implica un maior valor para a súa vontade de escrita e publicación en galego, ademais de seren autores destacados na defensa da normalización lingüística.

En todo caso o que si é obriga das institucións galegas é garantir o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística, que protexe o dereito da cidadanía a se dirixir en galego ás distintas administracións, o que, para ser efectivo, precisa de potenciación da lingua entre os traballadores e traballadoras da Administración. Tamén é necesario que as administracións apliquen tres actitudes sociolingüísticas que foron recollidas no seu día no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade do Parlamento Galego en 2004, a saber: oferta positiva, oferta informativa e cortesía, e que podemos resumir como actitude favorábel ao emprego da nosa lingua, que será a lingua en que as administracións se dirixirán ao público.

Como escritoras e escritores galegos reclamamos unha potenciación real e efectiva da nosa lingua, accións que redunden nunha ampliación do seu uso, medidas que sirvan para que a nosa lingua sexa a lingua en que fale o futuro, garantía imprescindíbel de supervivencia.

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega