“Vacacións en Ribadeo”, Lois Pérez en Radiofusión

Entrevista a Lois Pérez en Radiofusión:
““Eu intento deixar a un lado a autocrítica, intento abandonarme á recreación, á experiencia e fundirme no recordo para mergullarte nesa época”. Ribadeo “marcoume moitísimo porque na infancia todo ten moito significado; cada obxecto, cada lugar, as persoas, os sentidos e a experiencia invádeno todo, inflúe de maneira transcendental.”
Nesta novela de aventuras, Pérez crea unha historia que mestura realidade e ficción. Escenarios reais e nomes de persoas que poboaron a súa infancia ao servizo da literatura. Empregando como símbolo un misterioso túnel, o pasadizo que se abre diante desta cuadrilla de rapaces. “Os nomes son verdade. Quique, Marina, Greta, Vanesa, Con algúns destes nenos e nenas reencontreime hai algunhas semanas, algúns había 30 anos que non os vía”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

A Coruña: presentación de Lobos doentes, de Antonio Tizón, o 1 de outubro

Desde Radiofusión:
“Un roteiro percorrerá lugares emblemáticos da Cidade Vella da Coruña o sábado 1 de outubro. Servirá como presentación do podcast Lobos doentes, dirixido por Eugenia Sanmartín, e con guión de Antonio Tizón, a partir da novela do mesmo nome que publicará Xerais en xaneiro de 2023. A cuarta novela negra da serie de Tizón -xa se publicaron libros e podcast de Un home estraño, A antesala luminosa e Os incurábeis– desenvolvese nesta ocasión en localizacións como o xardín de San Carlos, o convento dos dominicos, a praza da Fariña ou a rúa Tabernas.

Este é o programa previsto:
– 12:00 h. Libraría Berbiriana. Cidade Vella. Rúa Santiago, 7. A Coruña. Intervencións de Antonio Tizón, Henrique Sanfiz e as libreiras Alejandra e Cristina.
– 12:15 h. Diante da Academia Galega, Rúa Tabernas, 11. Intervención de Xosé Luís Axeitos, membro da Academia.
– 12:30 h. Praza de Azcárraga (antiga Praza da Fariña):
Eugenia Sanmartín canta “Adiós ríos, adiós fontes”.
Franki Muíño interpreta a Xosé Manuel Sánchez Pereiro.
Eugenia Sanmartín canta “A xusticia pola man”.
– 12:45 h. Viño na Leonesa, Rúa de Santo Domingo, 2.
Intervención de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.
– 13:15 h. Xardín de San Carlos.
Franki Muíño interpreta a Xosé Manuel Sánchez Pereiro.
Intervención de Xurxo Souto.
– 13:45 h. Hotel Finisterre.
Intervención de Anxo Angueira.
Franki Muíño interpreta a Xosé Manuel Sánchez Pereiro.
Intervención de Cándido Barral.
Antonio Tizón interpreta a Gustavo Gallego.
Eugenia Sanmartín canta “Cal lobos doentes”.
– 14:15 h. Xantar no hotel Finisterre.

Inscricións: sonradiofusion@gmail.com
609828743 / 722118925

As persoas colaboradoras de Son Radiofusión poden formalizar a súa reserva antes do 13 de setembro ás 12 do mediodía ao prezo de 40 euros. Desde esa data abrirase para a cidadanía en xeral cun prezo de 47 euros, incluíndo o correspondente seguro. As persoas interesadas deben formalizar a súa reserva no enderezo electrónico sonradiofusion@gmail.com “

Sibila. Rosa Aneiros

Desde Radiofusión:
““Eu non estou tan segura de que o fixese ben Sibila”. Así reflexiona Rosa Aneiros sobre a protagonista principal da súa nova novela. “Sibila é una muller que acaba dicindo ‘Eu son Sibila’ como unha necesidade de reafirmarse. En momentos a sentes moi apegada a ti, te sentes identificada con ela e empatizas moito con ela, pero por momentos a odias”. Nesta obra, editada por Xerais, nada é o que parece ou pode ser que si. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Eduardo Estévez: “Unha cidade máxica que se afunde”

Desde Radiofusión:
Eduardo Estévez pinta en forma de poesía a Venecia que lle gustaría ver a través do seu libro Venecia abandonada. “Venecia está afundíndose pouco a pouco”, relata o autor desta obra no club de lectura de Radiofusión.
A intención de Eduardo Estévez é “por un lado, pintar a Venecia que me gustaría ver e por outro lado pensar en que significa abandonar un lugar. O libro está escrito moito antes da pandemia. Cando vimos as imaxes no confinamento da Venecia abandonada o libro xa estaba completamente escrito. Eu, a verdade, pensaba na Venecia abandonada por outras causas. Pensaba no que sucede cando unha cidade se abandona por calquer motivo ou a xente vese obrigada a abandonala. Venecia está afundíndose pouco a pouco. Non creo que a deixen afundir porque é bo negocio pero se algunha vez sucedese, que significaría para a humanidade?. Venecia é un pouco de todos”.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

O libro negro da lingua galega é o título da nova obra do profesor Carlos Callón

Entrevista a Carlos Callón en Radiofusión:
““O obxectivo fundamental é tentar responder a pregunta de como chegamos ata aquí. Por que motivo a lingua natural do noso país perde falantes e funcións ou por que hai moita xente que pensa que a lingua dos seus pais non serve para o seus fillos. A violencia física nas escolas polo feito de falar en galego termina en 1980 mais a violencia simbólica continua a día de hoxe como a prohibición ensinar matemáticas ou tecnoloxía no noso idioma”, comenta no club de lectura de Radiofusión un sorprendido Carlos Callón, xa que “había moitas portas por abrir e moitos testemuños por escoitar. É sorprendente a cantidade de cousas que hai aínda en arquivos e que hai que investigar. O Estado español ten unha débeda histórica aínda coa nosa lingua”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Entrevista a Emma Pedreira sobre Os libros que hai en min

Entrevista a Emma Pedreira en Radiofusión:
“O traballo editorial de Cuarto de inverno é espectacular. O tratamento dos libros por parte de David Cortizo e Andrea Jamardo é delicadísimo, segundo Emma Pedreira. O sistema literario galego ten un alto nivel e calidade, afirma a autora de Os libros que hai en min: Non padecemos instagramerismo, nin poesía de camisola, de frase bonita que se borra no tempo. En Galicia xógase a experimentar, creando con moita novela negra, moita contística, poesía experimental, con propostas interesantes e innovadoras. A entrevista pode escoitarse aquí.”