Todas as mulleres que fun, por Eli Ríos

DesdeEli Ríos A Sega:
“Andrea Nunes e Raquel Rei crean no 2008 o grupo poético-musical As Candongas do Quirombo a través do cal xeran as imaxes que acompañan este poemario.
Podería destacar a importancia desta creatividade experimental na que a poesía escrita se reinventa impresa en sucesivos fotogramas. Podería, tamén, falar da intertextualidade (María do Cebreiro, Chus Pato, Ana Romaní…) coa que, a autora, xoga deconstruíndo o suxeito para erixir outro colectivo feminino como quen tece un fío tras outro até chegar á peza final: un poemario-matria. Podería, sen dúbida, ademais, chamar a atención sobre a temática na que o mundo simbólico se alza ben lonxe do capitalismo, da falta de consciencia ecolóxica e a contrafío do sometemento. Podería, filoloxicamente falando, analizar os recursos e técnicas que a poeta domina á perfección para artellar, páxina a páxina, un poemario como Todas as mulleres que fun.
Podería facer todo o anterior pero… non quero! Porque hai escritas que nos abren portas a moitas persoas que experimentamos esta forma de expresión artística. E, este, é o caso.
Xa sabemos que aquilo que non se representa non existe. Entón, se desexamos visibilizar a figura da muller podemos colocala como protagonista e suxeito do texto. A idea estaría ben se non fose porque a linguaxe é falocéntrica nas propias estruturas, é dicir, esa hipotética relación binaria nos xéneros, ao final, non é máis do que unha clara estrataxema que exclúe o feminino. O poemario de Andrea Nunes é devastador nese sentido: o imaxinario masculinista non existe! (…)”

A nova poesía ten nome de muller

Desde Cultura Galega:
“Poemas que non son necesariamente parte dun libro. Recitados, mesturados con vídeos, con postas en escena. Textos que non teñen unha única autoría, que mesturan voces. Versos que buscan impacto na sociedade e que xogan coas convencións do xénero (e non só o literario). Estas son algunhas das propostas que se poden atopar no actual panorama lírico do país, un espazo en transformación que ten nas poetas o seu principal protagonista.
As mulleres abandeiran a mudanza na poesía galega. Lara Rozados, investigadora da USC teno claro, e precisamente a súa intervención no recente I Encontro Galego de Nov@s Pensador@s abordaba esta cuestión. Co título Prácticas performativas nas poetas galegas contemporáneas: o corpo e a voz como espazo de resistencia esta doutorada en Teoría da Literatura abordou o xeito no que as creadoras están a reinventar o mesmo xénero da poesía. Tal e como recollemos en Culturagalega.gal ao longo de diferentes reportaxes, nos últimos anos están a proliferar as citas nas que se a poesía recitada se afianza como protagonista. Nesa mesma liña, Rozados recoñece que “están a aparecer novos foros, e iso vai da man coa renovación da propia poesía. Hai festivais, recitais, sesións de conta contos e eventos que mesturan outras artes coa poesía”. Canda a isto, as novas propostas multimedia e de mestura entre lírica ou teatro marcan tendencia.
Autoras do cambio
Á fronte destas mudanzas, o traballo desta investigadora apunta o papel que están a desenvolver as autoras do país. A repasar as iniciativas que temos tratado en Culturagalega.gal, verifícase a importancia presenza de nomes femininos nas apostas deste tipo. María Lado, en solitario e en dúo con Lucía Aldao, Antía Otero, Esther F. Carrodeguas ou Iria Pinheiro, son só algúns dos exemplos de iniciativas poéticas e parateatrais. Non son as únicas, xa que as mulleres tamén se deixan sentir na organización de encontros como os Slams Poéticos, os Picaversos ou o ciclo Poetas Di(n)versos onde atopamos nomes como Branca Novoneyra, Olalla Cociña e Yolanda Castaño entre outras. A nivel creativo, para a súa análise, Rozados centrouse na obra de Xiana Arias, Paula Carballeira, Andrea Nunes e María Rosendo, así como no traballo de As Candongas do Quirombo, colectivo promovido por Andrea Nunes e Raquel Rei. “A miña idea é ver formas contemporáneas ou performativas que empregan as mulleres para construír a súa literatura. Analizar xeito no que utilizan o espazo público, tanto en recitais ao uso como noutros formatos, como aproveitan as novas tecnoloxías, a videocreación ou arede, como interactúan entre elas e recorren a recursos como os fanzines”. A partir da súa análise, non dubida que “son fundamentalmente mulleres feministas, e nalgúns casos homes con posturas feministas, quen entran no terro da autoedición, das licenzas libres e en xeral do traballo nesta liña”.
Da marxinación á reivindicación
Encol de por que son mulleres as que abandeiran este proceso, a investigadora apunta que “poida que os homes estean educados na idea máis canónica da literatura, de publicar e deixar unha obra fechada e inmutable para a posteridade. As mulleres estamos educadas noutro tipo de discursos nas marxes que tamén nos fan buscar outras posibilidades, e iso está a eclosionar”. Precisamente a marxinación das mulleres no propio panorama literario, que diferentes críticos e colectivos están a por de manifesto nos últimos anos, así como a asignación ás escritoras a xéneros considerados menores como a literatura infantil, o teatro ou a propia poesía, marcan o caldo de cultivo para a actual renovación, segundo Rozados.
“Están a xurdir movementos como a plataforma crítica A Sega e a súa iniciativa do Día das Galegas nas Letras, que reivindica o papel das mulleres na literatura, que foi deostado e desprestixiado polo canon”. En paralelo, esta proliferación está a se dar tamén no terreo académico. “Estou a ver que moitas investigadoras novas coas que teño coincidido en simposios e encontros teñen interese en investigar este tipo de cousas. Está a saír unha nova crítica que, sen ter a visibilidade da máis canónica, faise sentir”. As propias eleccións para o Día das Galegas nas Letras amosan a tendencia a reivindicar o traballo desde as marxes do sistema literario. O pasado ano “recoñeceuse co traballo de Dorothé Schubarth o papel das mulleres como transmisoras da literatura oral e este propio patrimonio que se considera mellor. Do mesmo xeito, María Victoria Moreno está moi vencellada á literatura infantil e xuvenil, que se considera un xénero menor”, explica Rozados. Esta vangarda feminina non deixa de contar con ilustres precedentes, segundo esta autora. “Xa en Rosalía temos unha autora cunha grande vontade de estilo e unha enorme consciencia crítica, aínda que logo se asociase ao sentimentalismo ou a morriña”.
Novas autorías
“O cambio de perspectiva a respecto da obra xa non se dá só no texto poético, senón na propia idea de autor como xenio creador. Estase a evoluír cara a formas máis colaborativas e en rede que desafían esta concepción tradicional. Hai casos en que renuncian á propia autoría, asinan como colectivos ou empregan heterónimos”, lembra esta teórica da literatura. Detrás desta mudanza, a investigadora ve cuestións como “o debate que se está a dar arredor dos dereitos de autor e o desenvolvemento de formas máis colaborativas e solidarias de traballo noutros ámbitos. Actualmente a poesía está totalmente hibridada coa narración o teatro ou o ensaio”. Traballos de Xiana Arias ou de Paula Carballeira, que emprega estruturas da narración oral e do teatro na súa poesía, ou propostas de Videocreación como as de Raquel Rei, María Rosendo e Andrea Nunes con As Candongas do Quirombo son exemplos que pon neste sentido. “Está a se por en cuestión o xénero, tanto como construción cultural en relación ao sexo como considerado unha construción canónica das categorías literarias”, advirte.
Alén dos versos
A mudanza semella ir para alén da propia poesía. Esta doutora en Teoría da Literatura sinala que “estamos a vivir un momento na cultura en xeral de cambio total de paradigma. Hai mudanzas sociais, económicas e políticas que nos obrigan a transformar o xeito de producir e de recibir cultura. Cae a barreira entre o artista, considerado como ser xenial e por riba dos demais, e mais o público. Todos somos artistas e podemos participar da cultura e da literatura, e esa penso que vai ser a tónica dominante nos vindeiros anos. A cuestión vai ser se haberá máis ou menos canles, pero penso que hai futuro porque falamos dunha literatura que sae da base, da autoxestión e da precariedade, e estas fórmulas van continuar a se expandir”.

Vídeo Todas con Rosalía [segunda parte]

“Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva”.
Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dunha segunda parte do vídeo colectivo Todas con Rosalía.
Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente.
As gravacións amateurs foron montadas e editadas pola cineasta Raquel Rei. Participan, entre moitas outras, Marta Dacosta, María Canosa, Concha Blanco, Mercedes Leobalde, Berta Roca, Fina Casalderrey, Isabel Risco, Lorena Souto e Pilar García Negro.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega contou coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.

Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva

Vídeo promovido pola AELG coa idea de fornecer material audiovisual que vos poida ser de utilidade para a celebración do Día de Rosalía nos centros de ensino. Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dun vídeo colectivo no que teñen cabida escritoras e non escritoras, nenas, mozas e vellas, feministas, transfeministas, actrices, vendedoras, estudantes, afectadas polas preferentes, libreiras, mulleres contra o maltrato, mestras, profesoras, persoal sanitario, ecoloxistas… Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente.

As gravacións amateurs foron montadas e editadas pola cineasta Raquel Rei. Participan, entre moitas outras, Mónica Caamaño, María do Cebreiro, María Xosé Queizán, Teresa Seara, Helena Villar Janeiro, Xulia Alonso, Eva Veiga, Yashmina Shawk, Begoña Paz, Mónica Bar, Rosa Enríquez, Lucía Novas, Inma López Silva, Estíbaliz Espinosa, Laura Bugalho, Rosalía Fernández Rial, Verónica Martínez, Rexina Vega ou Comba Campoy.

Santiago: recital poético Expulsadas do Parnaso

O venres 17 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa das Asociacións de Cornes (Rúa Manuel Beiras, 3) de Santiago de Compostela, terá lugar o recital poético Expulsadas do Parnaso, coa participación de Andrea Nunes Brións e Raquel Rei (As Candogas do Quirombo), Ania González, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Ledicia Costas Álvarez, Olalla Cociña, Dores Tembrás, Raquel Rei e Teófila Noemí Ruiz. Segundo comentan os seus promotores: “Poetas de diferentes xeracións e estéticas reúnense co público nunha escoita e espazo non convencionais. Voz, xesto e audiovisuais achegarán a obra destas mulleres que comparten a palabra como canle para dicir pero de xeitos moi diversos”. O acto enmárcase nas xornadas Que ves cando me ves?, que buscan visibilizar e dar voz á muller na produción cultural galega, e promover a reflexión crítica da cidadanía. As xornadas continuarán o sábado 18 coa celebración dun evento central, entre as 11:00 e as 14:30 h., nunha carpa na praza Roxa de Santiago onde se fará estampación en directo de mandís e bolsas da compra con lemas e motivos que traerán a Santiago o espírito do maio francés. Alí haberá tamén contacontos, stands de revistas e editoriais e outros espectáculos sempre abertos á participación do público. Ese mesma mañá o Colectivo Artístico 20 65 levará a cabo unha instalación-performance coa colocación de 300 globos no chan que o público axudará a liberar, unha metáfora do teito de cristal que obstaculiza a ascensión das mulleres nos seus proxectos persoais e profesionais.