Xosé Luís Méndez Ferrín: “Un pobo sen memoria é un pobo neurótico”

Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en Adiante.gal:
“(…) – Adiante (A): Segue vostede a escribir moito e ben, e ten lectores moi fieis e incondicionais, pero que lle presta facer a estas alturas da súa vida, con que proxectos anda agora mesmo?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Moitos proxectos non se poden ter. A certa idade hai que ter proxectos de pequena tonelaxe e no curto prazo. Claro que sempre hai poemas dentro, sempre hai relatos e contos e cousas que bulen na cabeza e que van saíndo cando queren. Ao seu ritmo. Eu nunca tiven présa por escribir, nin tampouco ansiedade por non escribir, ou por estar máis ou menos inspirado, nin por ter que andar enleado en grandes obras, e igual por iso sempre escribín cousas curtas. Á miña idade gústame moito o xornalismo e síntome moi cómodo escribindo para o xornal cousiñas coma as que fago agora. (…)
– A: E quen era aquela tropa que andaba arredor do grupo Brais Pinto, só universitarios ou tamén traballadores?
– XLMF: Brais Pinto felizmente estaba fóra da universidade. Digo felizmente, non porque odie a Universidade de Madrid. Pese ao que se diga nalgúns libros de texto, Brais Pinto non era un grupo universitario, pois universitarios só eramos tres, Herminio Barreiro, Ramón Lorenzo e mais eu, que viviamos dos nosos pais. O resto eran traballadores, da construción, ou da industria e outros da banca, como Reimundo Patiño. A maioría estaban implicados no mundo laboral e iso notábase nas posicións de esquerdas e no compromiso político. Por outro lado, acumulaban uns enormes coñecementos en materia de arte, pintura, escultura, como por exemplo no caso de Patiño, e eran moi avanzados politicamente. En xeral, abranguían un mundo de coñecementos en materia de política, filosofía ou arte, que non era o común, non era o que se recibía, por exemplo, a través das revistas culturais da época, e non digamos xa nas que eran máis do réxime. Non coñecían a cultura a través das revistas, suplementos ou das páxinas culturais dos diarios da época, ían directamente ás fontes. E iso abriunos a mente.
– A: E quen era ese tal Brais Pinto, de onde lle veu o nome ao grupo?
– XLMF: A verdade é que seica era un afiador, non sei de que aldea, de Nogueira de Ramuín. Deu a volta ao mundo varias veces coa roda e foi morrer en Madrid atropelado por un autobús ou un tranvía. Non é verdade, non ou si… quen sabe… igual é todo un invento de Xosé Fernández Ferreiro.
– A: Despois vostede colle tamén a súa roda de afiar e comeza a viaxar fóra. Vai a Oxford, coñece a cultura inglesa, viaxa algo por Europa. E como foi a experiencia afeito a vivir en España?
– XLMF: Da cultura inglesa fundamentalmente aprendín no pub. Oxford é unha cidade moi culta, mais tamén é obreira, cousa que se ignora habitualmente. Alí estaba en Cowley, nas aforas de Oxford, onde estaba a fábrica de Morris, e moitos traballadores, onde por certo traballei un pouco tamén, na limpeza. Aínda había obreiros maiores que se me queixaban porque Inglaterra non tomara partido na Guerra de España, que eles se lembraban, e por suposto estaban a favor da República. Eran laboristas que falaban igual cós comunistas, e iso era Oxford. Había cultura na universidade, en medios moi restrinxidos, por parte de persoas que despois foron dirixentes en África, estudantes das antigas colonias e por parte doutros que chegarían a ser dirixentes políticos e intelectuais na ciencia e nas letras. E había un coñecemento do marxismo infinitamente superior ao que había en España, e mesmo nos medios que se chamaban comunistas. Alí sabíase perfectamente o que era, líase, estudábase e comentábase. En realidade Oxford foi un achegamento ao marxismo, fundamental e sen tópicos, pois o marxismo vulgar xa o levaba incorporado eu, pero alí entrei en contacto xa co marxismo serio, con rigor. (…)”

Compostela: presentación de Os soños na gaiola, de Manuel María

Xosé Luís Méndez Ferrín: “A loita segue merecendo a pena”

Entrevista de María Obelleiro a Xosé Luís Méndez Ferrín en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vaiamos ao momento dos primeiros contactos co nacionalismo en Pontevedra, á chegada a Compostela e ao coñecemento de primeira man do proxecto de Piñeiro. En que se concretaba o seu proxecto político?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Eu recibín un shock, que non me matou nin me confundiu nin nada do estilo. Eu tiven unha formación nacionalista, fundada na lectura do Sempre en Galiza e, sobre todo, nun texto que hoxe non se valora, A doutrina nacionalista de Vilar Ponte. Tiña definido o meu esquema nacionalista cunha dúbida pública: por que toda a xeración de Vilar Ponte non era independentista, arredista, como dicían eles. A miña sorpresa foi que ao chegar a Compostela, onde estudei, vin que a doutrina do grupo galeguista oficial era militantemente anti-nacionalista e formalizada por Ramón Lugrís nuns textos que non chegaron a publicarse máis que fragmentariamente no libro de Franco Grande Os anos escuros. Iso momentaneamente fixo que eu aceptase a disciplina do grupo pero que tivese a miña reserva ideolóxica. Eu era nacionalista, como un grupo de mozos como Xohana Torres, Reimundo Patiño… A Bautista [Álvarez] aínda non o coñecía. Foi un malestar que tiven que sufrir durante dous anos que se compensaban co contacto directo con Otero Pedrayo, que era un consolo.
– SG: Alude a Patiño e a Bautista Álvarez. Existía vontade dentro do grupo Brais Pinto, na súa pluralidade ideolóxica, de articular algo que fose alén da acción cultural? Que hai da axenda oculta das reunións con Soto, Seoane ou Patiño?
– XLMF: E Moreda. Sempre estaba esa idea. En realidade nunca nos consideramos un círculo cultural, eramos un círculo político e desde o primeiro momento en que callou de forma espontánea en 1958 o proxecto era facer un partido. Que partido non sabiamos moi ben aínda, porque o Partido Galeguista tampouco era o noso obxectivo. Aí tivo moita importancia, máis que Seoane –que era moi caótico politicamente–, Luís Soto, que estaba fóra e era independentista. O que nós sentiamos ía tomando forma e ligándonos coa historia. Moreda ligábanos coa legalidade republicana do Consello de Galiza, que o proxecto político de Ramón Piñeiro –e cítoo a el porque era o xefe absoluto, era unha ditadura total– negaba, burlándose do vellos que eran. (…)”

Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2018

Na Galería das Letras do Festigal 2018, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o 25 de xullo:

17:00 h. Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio. Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo, 2017. Edita: Fundación Galiza Sempre. Participan: Francisco Jorquera, presidente da FGS; Ana Miranda, eurodeputada polo BNG e vicepresidenta da FGS; Carlos Babío e Manuel Pérez, autores.
17:30 h. Invisibles. Relatos do maltrato. Montse Fajardo, 2017. Edita: Edicións Matriarcas. Participan: Montse Fajardo, autora do libro; e Carme Fouces, responsábel de Igualdade no Concello de Pontevedra.
18:00 h. Catalunya e nós. Coord. Rubén Cela Díaz, 2018. Edita: Fundación Terra e Tempo. Participan: Rubén Cela e representantes de ERC, CUP e JuntsXCat.
18:30 h. Metodoloxía didáctica do repente galego. María Porto e Henrique Salvador, 2017. Edita: Deputación de Pontevedra. Participan: María Porto, Henrique Salvador, autores; Carlos Alonso, presidente da Asociación ORAL; e Xosé Leal, responsábel de Cultura na Deputación de Pontevedra. Haberá unha demostración de repente galego.
19:00 h. Os soños na gaiola (Edición facsímile ilustrada por Reimundo Patiño). Manuel María, 2017. Edita: Casa – Museo Manuel María. Participan: Montse Pena, profesora da USC; Pepe Barro, deseñador gráfico; e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.
19:30 h. Mulleres de Gargamala! Cantares da tradición oral. Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio, 2017. Edita: aCentral Folque. Presentan: Xulia Feixoo e Guillerme Ignacio, autora e autor do libro, e Alba María, representante de aCentralFolque.
20:00 h. Bonus Track. Rosalía Fernández Rial, 2017. Edita: Editorial Galaxia. Presentan: Rosalía Fernández Rial, autora do libro; e Francisco Castro, director da Editorial Galaxia.

A Coruña: exposición Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro

Dodestacado47 mércores 20 de xullo ao domingo 25 de setembro, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, s/n.) da Coruña, con horario de martes a sábado de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h., domingos de 11:00 a 14:00 h. (luns pechado), a exposición, comisariada por Antón Patiño, Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro repasa a intensidade da escritura do poeta monfortino, visualizando os seus poemas a través de recursos tipográficos, a iconografía xerada por Lois a través dos retratos fotográficos que lle fixeron moitos compañeiros de xeración, como Xosé Abad, Vari Caramés, Xurxo Lobato, Víctor Echave, Andrés Panaro e Manuel Vilariño. Tamén se contén un impactante retrato expresionista de Lois realizado por Reimundo Patiño e un debuxo do propio Antón Patiño. A mostra conta coa colaboración de Xosé Manuel Pereiro e a familia do poeta. O libro-catálogo da exposición incluirá textos de Manuel Rivas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Pereiro, Alberto Ruíz de Samaniego e Antón Patiño. A inauguración terá lugar o mércores 20 de xullo ás 20:00 horas.