Berta Dávila gaña coa obra Limiar o primeiro premio de poesía Díaz Jácome

Desde Crónica3:
“A santiaguesa Berta Dávila Fernández obtén o primeiro premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Deputación de Lugo. A obra que resultou gañadora na XIX edición deste certame leva por título Limiar.
O primeiro premio neste certame, que ten por finalidade estimular a creación poética entre os mozos e mozas, recoñécese con 1.500 euros, placa e diploma.
O segundo premio foi para Alexandre Fernández Peón de Pontevedra, pola creación Crónica bélica da devastación en cinco minutos. O pontevedrés recibe 600 euros, placa e diploma. Mentres, Laura López Esteban, de Lugo, acadou o terceiro premio, dotado con 300 euros, placa e diploma, coa obra Renacer.
O xurado que fallou os premios estivo integrado por Áurea Ramil, Armando Requeixo e José María Felpeto.
Entrega dos premios
A entrega dos premios terá lugar nun acto celebrado polo Concello de Mondoñedo o sábado 1 de decembro a partir das 12:15 horas no Salón de Plenos.
O Concello de Mondoñedo amosa un ano máis o seu compromiso “de aposta pola promoción do xénero poético, neste caso en lingua galega”. Dende a administración local lembran que Mondoñedo é “o berce de grandes mestres da literatura e da poesía” e, neste senso, lembran a convocatoria non só do premio de poesía que honra a Díaz Jácome, senón tamén o premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro.”

Xabier Paz: “Agardabamos a modernidade, pero todo quedou no que a socialdemocracia europea quixo que quedase”

Entrevista de Montse Dopico a Xabier Paz en Praza:
“(…) – Praza (P): Hai unha certa conexión entre As vidas de Nito e a túa anterior novela Renacer. O intento de recuperar a memoria familiar como eixo do libro, por exemplo.
– Xabier Paz (XP): Se cadra hai un fío común na relación pais-fillos, a importancia do ambiente familiar na construción do individuo. Tamén a especie de revelación que pode ser o amor… en fin, que se poñen en cuestión os valores familiares. Aínda que en As vidas de Nito hai máis humor e é unha novela máis ambiciosa. Porque é unha indagación na natureza humana, a través desas achegas heteróclitas das fichas que escribe Casiano e que lle mostra á neta. Todas debullan algunha cuestión: a vida física, o papel da arte ou da literatura, a relixión…
– P: Por iso houbo quen che dixo que era unha novela densa… Eu creo que só cómpre ler con máis atención algunhas partes.
– XP: É certo que a novela contén moitas consideracións, reflexións que ilustran as distintas facianas da natureza humana, desde o desastre da influencia da educación relixiosa católica á importancia do corpo… Cuestións estéticas e morais diversas, da ética á política ou mesmo a gastronomía… Pero eu creo, como dicía, que tamén hai humor, que pode ser divertida de ler…
– P: O protagonista é un home cun atraso do crecemento que viviu sempre acomplexado. Apuntas á escravitude creada pola moda no capitalismo, pero tamén á creación social do concepto de “corpo normal” que procede xa da Antigüidade…
– XP: É que os seres humanos vivimos en sociedade e iso supón a creación de normas de tipo moral e estético que levan a que o estraño sexa obxecto de mofa, rexouba… E xa era así cos ananos, bufóns, coas persoas como Quasimodo, moito antes do culto ao corpo actual, que é unha escravitude aínda máis forte. Hai moitos nichos de negocio dedicados ao corpo, pero non ao cultivo da mente e do saber. Non hai, por exemplo, academias no sentido clásico, helenístico, escolas situadas á marxe do ensino regrado para o cultivo da mente. O único que hai é para o lecer, que ten un compoñente sobre todo escapista: pastillas, macrodiscotecas… un lecer que non busca o pracer precisamente no enxeño.
– P: Un dos aspectos máis tratados no libro é a decepción da xeración que loitou contra os últimos anos do franquismo. As mentiras da Transición e da democracia e tamén a autocrítica: eran, dis, como intelectuais afastados da realidade…
– XP: Cando a neta lle pregunta a Casiano se está arrepentido de algo, el di que se cadra terían que facer menos cousas e dun xeito máis ordenado. El é un home que non atendeu os afectos familiares, que escolleu a tribo de afectos dos militantes coma el, e que esborrallou cando viu que eses valores de modernización nos que crera non se facían realidade, porque a xente non quería saber nada de afondar na democracia, senón de consumir. E así foi. Ninguén puxo en cuestión nada nin pediu desculpas por nada, aí quedou Juan Carlos despois de ser posto por Franco, aí quedaron os mesmos poderes, aí quedaron as promesas dunha socialdemocracia que pensabamos que ía traer a modernidade, o Estado de Benestar… Tamén hai autocrítica, si, no sentido de que Casiano admite que eran inxenuos, maniqueos… Pero é que por debaixo da ideoloxía está a antropoloxía. Somos animais humanos que conservamos os nosos instintos por moi envolvidos en cultura que andemos. Hai moitas explicacións do mal: a relixiosa do pecado; a do psicanálise (Eros e Tánatos…), pero está aí. Na entrega da xeración de Casiano había tamén soberbia, altiveza intelectual porque pensaban que sabían máis… Agardabamos a modernidade, pero todo quedou no que a socialdemocracia europea quixo que quedase. (…)”