Lugo: presentación do número 21 da revista Xistral, Revista Lucense de Creación Poética

Información achegada por Toño Núñez, coordinador da revista:
“O xoves, 28 de marzo, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Lugo, presentouse o número 21 da revista Xistral, Revista Lucense de Creación Poética.
A revistra Xistral foi creada por Manuel María no ano 1949, cando tiña 21 anos e aínda non publicara Muiñeiro de Brétemas (1950). Un proxecto de xuventude que fundou en compañía do seu amigo Manuel Antonio Sopena. Pero, daquela, tan só deron sacado dous números en edición bilingüe. Aínda así, neses dous números chegaron a publicar, ademais de Manuel María, autores da talla de Cunqueiro, Pimentel e Aquilino Iglesia Alvariño.
Despois de medio século de silencio, no ano 2000, o Concello de Lugo recuperou a idea e puxo a andar de novo a Revista Xistral co subtítulo de Revista Lucense de Creación Poética. En realidade, a iniciativa quen a toma é Camilo Gómez Torres, que fora alumno de Manuel María en Monforte e, a esas alturas xa, un bo amigo do poeta. O propio Manuel María autorizou esta renacenza e, mesmo, chegou a escribir un texto de presentación para o número 3, número co que se iniciaba a segunda etapa desta revista. Será, pois, Camilo Gómez Torres, amigo persoal do poeta de Outeiro de Rei, quen se faga cargo da coordinación desta e das sucesivas edicións, dende a número 3 ata a número 20, converténdose no verdadeiro mantedor e dinamizador deste proxecto poético. Camilo Gómez Torres, exprofesor do IES Lucus Augusti de Lugo, realizou un traballo ímprobo con absoluta discreción, dándolle á revista unha personalidade singular.
Xistral é unha revista de poesía cun denominador común: a pluralidade. Poetas, homes e mulleres, de todas as idades, procedencias e con moi diferentes traxectorias poéticas e vitais; dende poetas que son xa referentes na poesía galega contemporánea, ata outros/as que comezan a dar os seus primeiros pasos na creación poética. Diversidade, igualmente, na temática, no estilo, na forma…
Pero, no ano 2017, Gómez Torres pediu o relevo e o número 21 sae baixo a coordinación de Toño Núñez, quen procurou darlle continuidade a un proxecto totalmente consolidado.
O Consello de Redacción desta publicación está integrado, dende o número 3, por Luz Pozo Garza, Marica Campo, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e a concelleira de Cultura do Concello de Lugo; nestes últimos anos, Carmen Basadre.
Cabe salientar que todos os distintos grupos políticos que tiveron responsabilidades de goberno no Concello de Lugo dende ese ano 2000, creron no proxecto e mantivérono vivo.
Xistral 21 conta coas achegas de 77 poetas (44 homes e 33 mulleres) e con 144 páxinas, ao longo das que se van debullando preto duns 150 poemas. E con sete marabillosas e poéticas ilustracións da autoría do recoñecido artista lugués Christian Villamide, que axudan a que estas 144 páxinas se fagan moito máis atractivas aos nosos ollos. Tamén poderiamos salientar que a familia Xistral segue a medrar e que son varias as voces poéticas que publican por primeira vez en Xistral neste número.
O acto estaba previsto que rematase cunha sinxela, pero sentida, homenaxe a Camilo Gómez Torres, e coa entrega duns simbólicos agasallos. Mais, un imprevisto fixo que o acto tivese que quedar interrompido cando xa faltaba pouco para finalizar. Buscarase data e lugar para poder darllle un final axeitado.”

Quiosco: Xistral 20

Desde Cultura Galega:
“O Concello de Lugo acollía a pasada semana a publicación da vixésima entrega da revista Xistral, publicación histórica que botara a andar Manuel María e que voltou en 2000 da man do municipio. Nesta ocasión, o novo volume recolle textos de 63 poetas e poetisas do país acompañados de ilustracións de Quique Bordell. A coincidir co lanzamento dáse tamén un relevo na coordinación do proxecto, que pasa de Camilo Gómez Torres a Toño Nuñez que estará acompañado por un consello de redacción formado por Luz Pozo Garza, Marica Campo, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre. (…)”

Lugo: actividades do mércores 18 ao venres 20 na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), aberta até o domingo 22 de maio, con horario de 11:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h. O programa completo pódese consultar aquí.

– O mércores 18, ás 20:00 horas, preséntase Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras, publicado en Xerais. No acto estará acompañado por Manuel Bragado.

– O xoves 19, ás 20:00 horas, preséntase o número 14 da revista Xistral, publicada polo Concello de Lugo. No acto haberá un recital dos autores dos poemas recollidos na publicación, coa coordinación do director da mesma Camilo Gómez Torres. Participan tamén Xosé Clemente López Orozco e Nuria Mundiña López.

– O venres 20, ás 20:00 horas, preséntase Abrapalabra!, de Carlos Coira (mago) e Antón Cortizas (poeta), publicado pola Editorial Galaxia.