Manuel María, na túa voz, lectura pública da obra de Manuel María, o 23 de abril

AManuel María, Alberte Ansede, Saleta Goi Fundación Manuel María, a través da súa presidenta Saleta Goy e o seu secretario Alberte Ansede, presentou esta mañá en rolda de prensa a actividade Manuel María, na túa voz. A actividade que promove a Fundación consistirá na lectura pública da obra de Manuel María o vindeiro día 23 de abril, Día Internacional do Libro, en distintas cidades e vilas de Galiza.
Manuel María, na túa voz pretende ter unha dimensión e repercusión importante por todo o país, será unha homenaxe e celebración pública e popular en que “fale o propio Manuel María mediante a súa obra”. Obra que será lida, recitada ou cantada polos seus destinatarios, o pobo galego, ao cal se lle fai un convite aberto, por parte da Fundación Manuel María, para que acuda aos actos que se celebren nas distintas localidades e desfrute ben como lectores, ben como público.
Esta actividade acordouse recentemente coa FEGAMP trasladala a todos os concellos de Galiza para que en torno ao día 23 de abril ás 12 horas os concellos, xunto ás entidades culturais, veciñais, deportivas…, se animen a convocala. Ferrol, Pontevedra, Ourense, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Lalín… son algúns dos lugares onde xa se coñece que se realizarán estes actos, os cales serán organizados nalgúns casos por entidades culturais con ou sen colaboración dos concellos, e noutros polas propias entidades municipais.
Os representantes da Fundación Manuel María tamén fixeron fincapé a que os centros educativos participen da actividade, quer preparando co alumnado distintas lecturas para acudir conxuntamente coas persoas adultas o sábado 23 de abril, quer celebrando, na véspera, a devandita actividade nas propias escolas.
Por último, salientouse que xa se recibiron comunicacións dalgúns centros galegos de Europa e doutros lugares do Mundo nos que se van facer lecturas da obra de Manuel María. A Fundación tratará de recoller estes actos para que teñan repercusión a través das TICs.

Saleta Goy: “Entre a vida e a obra de Manuel María non hai contradicións, e iso non é tan fácil”

EntrevistaOLYMPUS DIGITAL CAMERA a Saleta Goy na Real Academia Galega (a foto é da propia entidade):
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Empecemos polo principio, no Lugo de 1956, cando vostede e Manuel María se coñeceron. Foi nun dos cafés aos que adoitaba acudir á tertulia.
– Saleta Goy (SG): Si, cando nos coñecemos eu estaba cunha amiga, unha irmá do pintor Grandío. El estaba noutra mesa e comezamos a charlar. Cando marchamos para a casa el acompañoume… e despois empezamos a nos cartear, e así comezou a nosa relación. Eu sempre explico que me namorei antes das cartas ca do poeta (ri)! Esas cartas algo tiñan, eran moi bonitas. Puxémonos de acordo para rompelas. (…)
– RAG: Cando vostede o coñeceu xa tiña varios poemarios nas librarías e era recoñecido como o primeiro poeta novo que escribiu en galego na posguerra. Malia o tempo no que lle tocou medrar, el xa tivera un primeiro contacto coas letras galegas sendo neno e medrou tendo acceso a moitos libros, non si?
– SG: El tivo un mestre moi bo en Rábade. Sempre lles falaba aos rapaces en castelán, pero os sábados dedicábanos a leren poesía galega, e seu pai tiña ademais na casa Cantares Gallegos e algún libro máis das nosas letras. Manuel leu ademais moitos clásicos co seu tío cura, con quen viviu en Lugo.
– RAG: Sendo ben novo tamén tivo quen lle aprendera a arte dos versos, Paderna.
– SG: Paderna acabou sendo barbeiro na súa propia barbería, pero naqueles anos traballaba na Casa de Hortas. Aprendeulle a el e a outro rapaz a falar en verso, era un poeta popular. Despois Manuel homenaxeouno en moitas ocasións na súa obra. (…)
– RAG: Un dos momentos de cambio na súa vida foi o ano 1953, cando lle morreu un irmán. Daquela traumática experiencia saíu Libro de pregos, premiado en Buenos Aires e que permaneceu inédito case unha década.
– SG: Si, o impacto pola morte do irmán está nese libro, froito dun momento no que ten unha crise relixiosa moi forte. El fora educado co seu tío crego e chegou un momento en que se revolveu contra toda esa educación católica que levaba enriba. Anos despois chegaría Documentos personaes, que é xa un libro de transición, e o seu primeiro de denuncia. Daquela estaba facendo as prácticas como procurador e empregou o estilo dos documentos burocráticos. E logo viría Mar maior, que é un libro de moitas etapas. Recolle poemas que tiña no caixón, porque Manuel María escribía moito. Quizais o feito de vivirmos en Monforte influíu en que dese máis obra, porque unha cidade ao mellor absórbete máis. El tiña dificultade para publicar con Galaxia, pero Mar maior saíu aí, en 1963, por Celso Emilio Ferreiro e Francisco Fernández del Riego, nunha colección de poesía, Salnés, que se creou para que os novos gobernaran. Non obstante, Manuel María niso sempre tivo sorte e publicou en Arxentina, Uruguai ou Suíza ao gañar concursos que se facían nos centros galegos, e foi tamén traducido a distintos idiomas. (…)
– RAG: Que recordo garda vostede daqueles faladoiros e daqueles persoeiros xa históricos das nosas letras que participaban neles?
– SG: Antes había moi boas tertulias! Eu teño estado en tertulias en Santiago, en Lugo, en moitos sitios, con xente encantadora da que aprendías moitísimas cousas. Celso Emilio era simpatiquísimo e con Celestino entendíame moi ben, era moi sarcástico e eu arreáballe tamén (ri), era tremendo. Manuel tíñalle moito respecto a Pimentel, que era un señor moi elegante e que falaba nun ton moi musical. A súa poesía é tamén moi delicada. A Otero Pedrayo tamén lle tiña moito respecto, pero con Vicente Risco eu falaba moito. Era un señor cunha linguaxe moi sinxela, e moi irónico. (…)”