San Sadurniño: recital de poesía en feminino

O sábado 16 de setembro, ás 18:30 horas, no patio interior da Casa do Concello de San Sadurniño (Lugar do Casal nº 16), terá lugar un Recital de poesía en feminino. Ao acto asistirán Xelo Teijido, Mar Beres, Pás Veres e Antón de Guizán, María Xosé Lamas, Xosé Abeledo, Martiño Maseda, Ana Vila Portomeñe, Silvia Pardo e Luz Campello, quen lerán textos poéticos. Tamén participan Noreia Hermida Pérez ao piano e a frauta traveseira, e a cantautora Sandra Tenreiro.

Profesorado e alumnado do IES Poeta Díaz Castro ofrecen actividades para conmemorar o centenario con toda a comunidade educativa

Desde Sermos Galiza:
“O 19 de febreiro conmemórase o centenario do poeta Xosé María Díaz Castro e desde o centro educativo que leva seu nome no seu Guitiriz natal poñen ao dispor da comunidade educativa diversos materiais para compartir a festa de aniversario. Profesorado e alumando elaboraron actividades, un documental, propostas de xogos… para convidar a toda a comunidade a celebrar unha xornada poética. Desde o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz animan a toda a comunidade educativa a conmemorar a festa de aniversario do autor a quen a Academia decidiu dedicar este ano o Día das Letras Galegas. Con este fin, comparten diversos materiais para que o nome de Díaz Castro resoe e que a festa que desde Guitiriz promoven sexa simultánea en todos os centros educativos do país que queiran sumarse á celebración do aniversario.
Propoñen, entre outras cousas, que nos centros educativos se proxecte o documental que elaborou o propio alumnado do IES de Guitiriz A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro (en colaboración con Pasen y Vean Comunicación). Convidan tamén a partillar unha proposta de actividade de 50 minutos que inclúe xogos sobre a poesía, exercicios arredor do documental elaborados pola profesora María Miragaya a partir dun obradoiro da especialista Chus Otero. A música ten tamén presenza no programa que o centro propón, da man da profesora Sandra Tenreiro.
A cambio da xenerosa oferta, solicitan que os centros lles remitan fotos e documentación da celebración compartida ao enderezo documentaldiazcastro@gmail.com para compartir nas redes sociais.”