Santiago: presentación dun libro de Xavier Queipo

Presentación Illa dos cangrexos violinistas

O escritor galego Xavier Queipo (Santiago de Compostela, 1957) presentará o vindeiro martes, día 29 de decembro, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela o libro A illa dos cangrexos violinistas, álbum ilustrado por Jesús Cisneros e publicado por OQO editora. O acto comezará ás 20 horas.

Santiago: presentación dun libro de Elena Poniatowska

Hoxe xoves 7 de maio ás 20.00h na carpa da Feira do Libro de Santiago de Compostela presentarase o libro A filla do filósofo, tradución ao galego dunha serie de relatos escritos por Elena Poniatowska. No acto participarán lendo textos algúns dos tradutores e tradutoras que colaboraron na edición desta obra: Rosa Aneiros, Eva Veiga, Xabier López, Anxos Sumai e Francisco Castro. Ademais da autora estará presente Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, que publica o libro, e Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Murakami presenta en Santiago a edición galega do seu novo libro

Hoxe mércores 11 de marzo ás 20 horas no Casino de Santiago o escritor xaponés Haruki Murakami presenta a súa novela Do que estou a falar cando falo de correr, editada por Galaxia. Traducida por Mona Imai e Gabriel Álvarez Martínez, esta obra chega ás librerías antes en versión galega que en castelán. No acto participarán tamén Ubaldo Rueda, director do Casino, e Víctor F. Freixanes, director de Galaxia. Deixamos a seguir o texto de presentación editorial do libro e o autor:

Haruki Murakami é un dos autores que máis venden e con máis predicamento en todo o mundo na actualidade. Neste libro aborda as súas experiencias como corredor de maratóns ao tempo que reflexiona sobre a súa condición de novelista. Haruki Murakami, nado en Quioto no ano 1949 antes de dedicarse á literatura rexentaba un club de jazz, que deixou aos trinta anos, en 1979, para dedicarse por completo á literatura e á paixón de correr. Desde aquela, deu ao prelo obras admiradas en moitos países e en moitas linguas como “Tokio blues”, “Kafka na beiramar” ou “Tras o solpor”, tamén publicada na nosa editorial e con éxito unánime de público e crítica.

Santiago: presentación de libro e concerto de Miro Casabella

Mañá xoves 12 de marzo no local da Asociación Cultural O Galo (Patio de Madres, 15, Baixo, Santiago) presentarase o libro Miro Casabella e a Nova Canción Galega, de Xan Fraga, editado pola Editorial Galaxia. No acto participará o autor e o propio Miro Casabella, que logo amenizará a velada cun concerto acústico no que fará un repaso dos seus éxitos e nos sorprenderá con novas versións e temas do seu amplo repertorio. Será a partir das 21:30, con entrada libre.

XIV edición do Premio Literario “Anxel Casal”

O Concello de Santiago, atendendo á proposta expresada polo IES Arcebispo Xelmírez I con motivo da celebración do 150º Aniversario da súa fundación, creou no ano 1996 o Premio Literario Ánxel Casal, nas modalidades de poesía, teatro e conto. O prazo de presentación remata o 23 de abril. Poden descargar o tríptico coas bases en PDF neste enderezo.

Bases XIV edición do Premio Literario “Anxel Casal”

I
Convócase a XIV Edición do Premio Literario “Ánxel Casal”. O Concello de Santiago, atendendo á proposta expresada polo IES Arcebispo Xelmírez I con motivo da celebración do 150º Aniversario da súa fundación, creou no ano 1996 o Premio Literario Ánxel Casal, nas modalidades de poesía, teatro e conto.

II
A denominación de “Ánxel Casal” para este certame literario provén do recoñecemento a este insigne galeguista, que foi tamén alcalde da cidade de Santiago. Esta iniciativa quere expresar o desexo de que os estudantes coñezan e valoren a súa achega á cultura galega e quere ser unha actividade de promoción da lingua galega no constante e necesario proceso de normalización lingüística.

III
O Concello de Santiago convoca este premio e comparte a súa organización cada ano cun centro de ensino secundario da cidade, atendendo a un desexo de itinerancia na coorganización do mesmo.

IV
Poderán concorrer a este premio literario, alumnos e alumnas de ensino non universitario a partir dos 14 anos.

V
As obras, escritas en lingua galega, serán inéditas e o tema libre.

VI
Os traballos terán un mínimo de 100 versos, na modalidade de poesía e un mínimo de 10 páxinas a dobre espazo, na modalidae de conto e na de teatro.

VII
A dotación total do premio é de 5.100 euros. Os premios están suxeitos a retención fiscal. Na modalidade de conto establécese un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo premio de 700 euros. Na modalidade de poesía establécese un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo premio de 700 euros.
Na modalidade de teatro establécese un primeiro premio de 1.000
euros e un segundo premio de 700 euros.

VIII
Os traballos presentados ao premio non levarán nome do autor ou autora, senón que serán asinados con pseudónimo. Cada traballo presentado levará adxunto un sobre pechado no que, por fóra, deberá figurar o título do conto, da poesía, ou da peza teatral e por dentro o nome completo do autor/a, enderezo, idade, teléfono, centro no que estuda, título do conto, poesía ou texto teatral e pseudónimo utilizado. Achegarase unha copia do traballo nun CD, formato RTF, acompañando á copia do traballo en papel.

IX
Os traballos presentaranse por correo certificado, polo que toda a documentación citada na base anterior deberá remitirse ao Concello de Santiago, en sobre pechado, facendo constar no seu exterior:
“XIV PREMIO LITERARIO ÁNXEL CASAL”
CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Departamento de Educación
Praza do Obradoiro, 1
15.705 Santiago de Compostela

X
A presidencia do xurado será asumida polo Alcalde do Concello de Santiago ou persoa en quen delegue. A composición do xurado, que non se fará pública ata o día do veredicto, contará cunha representación dos institutos da cidade, unha representación dos creadores de poesía, conto ou teatro e unha representación do Concello de Santiago. Nesta décimo cuarta convocatoria, o IES Pontepedriña forma parte do xurado en calidade de coorganizador do Certame, de acordo coa base terceira do mesmo.

XI
A decisión do xurado, que será inapelable, adoptarase por maioría simple de entre os seus membros. A participación no certame supón a plena aceptación destas bases, sobre as que diante de calquera dúbida prevalecerá única e exclusivamente a opinión do xurado.

XII
O Concello de Santiago resérvase, durante un ano, os dereitos de publicar as obras premiadas. Neste sentido, os autores renuncian, a favor do Concello de Santiago de Compostela, na primeira edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.

XIII
Non se devolverán os traballos non premiados, que serán destruidos cando finalice o certame.

XIV
O prazo de admisión dos traballos finalizará o 23 de abril de 2009.

XV
A decisión do xurado e a entrega de premios daranse a coñecer no mes das Letras Galegas de 2009.

Santiago: presentación d’O Globo de Shakespeare de Jaureguizar

Santiago Jaureguizar avisa da presentación mañá en Santiago da súa novela O Globo de Shakespeare. Reproducimos o correo que nos enviou:

Dispoño de 37 das famosas galletas do Globo de Shakespeare, que repartirei mañá ás 20.00 horas na libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago dende dez minutos antes do comezo ata que remate con elas. Se vos toca unha, ben poderías facerme o favor de quedar á conversa que José Miguel Giráldez e máis eu manteremos arredor da miña última novela. Prometo espectáculo e moito neón verbal.

 

Café literario con Carlos G. Reigosa

Hoxe martes 10 de febreiro ás 19 horas no Casino de Santiago (Santiago de Compostela) o escritor Carlos G. Reigosa mergullarase na obra de Gabriel García Márquez e a súa relación literaria con Galicia nunha nova entrega do ciclo Miradas alleas. Como nos viron, como nos ven. Presentará o acto Arturo Larena, delegado da Axencia Efe en Galicia. A entrada é libre.