A dramaturxia contra a invisibilidade

ArtigoAlberto Ramos de Alberto Ramos en Praza:
“(…) Algo esta a moverse: a elaboración dunha proposta da lei de artes escénicas, o fornecemento de Escena Galega ao dobrar o pasado verán o número de compañías que aglutina ou o estoupido de novas formacións como son A Panadaría ou ilMaquinario.
A todas estas circunstancias hai que unirlles a creación dunha asociación profesional de dramaturgos e dramaturgas que en próximas semanas se dará a coñecer. Este colectivo únese así ao asociacionismo profesional no sector, do mesmo xeito que con anterioridade xa o fixeron os actores e as actrices na AAAG -que vén de cumprir trinta anos- ou as compañías, reunidas na asociación Escena Galega. Agora, os autores e autoras dramáticas buscan a unidade para facer fronte ás dificultades que atopan no seu desenvolvemento profesional.
Os atrancos son xa coñecidos e, probablemente, comúns para o resto de profesións dentro das artes escénicas. “Hai unha falta absoluta de promoción, non hai encontro entre os profesionais e, dentro do sistema editorial, resulta case imposible que se publique un texto dramático. Tampouco se atopan espazos de formación, agás en contadas ocasións, e institucións como o Centro Dramático Galego, fóra dos tempos de Cristina Domínguez, non se preocuparon por traballar a formación dos dramaturgos”, explica Santiago Cortegoso unha situación que ben se podería resumir nunha palabra rotunda e clara: invisibilidade.
Deste xeito, o traballo dos autores teatrais enfróntase a unha sorte, por dicilo dalgún xeito, de frustración á hora de emprender o seu traballo. “Tes a sensación de que escribir é un traballo en balde. Pensemos unha cousa: a concepción de toda peza de arte é unha mensaxe de emisores e receptores múltiples. Aquí falta a recepción porque a edición de textos é mínima e a dificultade para levala a escena, grande”, apunta pola súa banda Fran Godón. Nesta análise coincide tamén autores con gran saída, como é o caso de Cándido Pazó. “No meu caso, se eu non escribise cunha idea clara de montaxe, sexa cunha compañía propia ou cunha que me fai encarga, se non teño a data de estrea de antemán, resúltame complicado. Porque neses casos non tería vontade, sería complicado. Entendo esa frustración”, sinala Pazó. (…)”

Roi Vidal: “Non arriscar fai que moita xente acabe asociando teatro galego a humor chocalleiro”

Entrevista de Montse Dopico a Roi Vidal en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Por que chamas Teatro a un libro de poemas que non ten moito que ver co teatro?
– Roi Vidal (RV): Pois, unha, para que me fagades esa pregunta, por xogar e por provocar unha interrogación, claro. E tamén porque son teatreiro, ademais de poeta, polo que xogo co meu mundo, co que teño máis cerca. Dábame certo morbo chamar Teatro a un libro de poesía. Pero o certo é que , segundo eu o vexo, o libro si que ten moito que ver co teatro. (…)
– MD: O Ano Vidal Bolaño favoreceu avances mais quedan cousas por facer. Que balance xeral podes facer del?
– RV: O meu balance do ano Bolaño é moi negativo. Só se fixo o obrigado, e a maioría das cousas partiron de iniciativas demasiado achegadas a RVB, como o CDG, ou as compañías Antroido e Teatro do Aquí. En xeral, a profesión non se sentiu moi identificada. A excepción de cousas como a Santa Bolaña, que saca o teatro á rúa e o mete nos bares. Algo que me gustou moito, máis que toda esa vacua parafernalia das celebracións institucionais, é o feito de que a Asociación de Veciños As Brañas de Andrés, do barrio de Vista Alegre, lle pedise ao concello de Santiago poñerlle o nome de Saxo Tenor á praciña na que está a casa onde naceu meu pai. Quero velo como un síntoma de que a sociedade, polo menos a compostelá, ao contrario do que acontece co campo cultural, si toma a Vidal Bolaño como algo propia a reivindicar. E agora que se acabaron os fastos, o camiño debe ir por aí. De abaixo arriba, que é como se constrúen os mellores edificios. (…)”

Vila Nova de Cerveira: recital de poesía galega e música

Taboleiro do libro galego (XII), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a nova entrega da listaxe de libros en lingua galega máis vendidos na última quincena. Agradezo a xenerosa colaboración destas dezasete librarías galegas para compola: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith, Livraria Suévia e Carricanta.”

NARRATIVA
1º-. Infiltrados, de Alfonso Eiré, Biblos.
2º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz, Edicións Xerais.
3º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
4º-. Faneca Brava, de Manuel Portas, Edicións Xerais.
5º-. Winnipeg, de Hixinio Puentes,  Edicións Xerais.

POESÍA
-. Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, Edicións Xerais (ed. Anxo Angueira).
2º-. Teatro, de Roi Vidal, Espiral Maior.
3º-. Abecedario póstumo, de Cristina Ferreiro, Espiral Maior.

ENSAIO-TEATRO
-. Inmateriais, de Suso de Toro, Edicións Xerais.
2º-. Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Edicións Xerais.
3º-. Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, Edicións Xerais.
4º-. Morreu o demo, acabouse a peseta, de Tintimán Audiovisual, Urco Editora.
5º-. A cociña dos Cunqueiro, de Elvira González-Seco Seoane, Editorial Galaxia.

INFANTIL-XUVENIL
-. Endogamia 0.2, de Ramón Caride, Edicións Xerais.
-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.

BANDA DESEÑADA
1º-. Marcopola 2, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
2º-. Máis alá, Inacio / Iván Suárez, Demo Editorial.

Roi Vidal Ponte gaña o XV Certame de Poesía Concello de Carral

Roi Vidal Ponte (Santiago de Compostela, 1982), coa súa obra Teatro resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano. O xurado resalta da obra gañadora a súa linguaxe coidada e provocativa, con moita propensión ao minimalismo, xogando cos silencios e creando rasgaduras sen chegar ao melodrámatico. O libro mantén en todo momento atrapado ao lector, convertíndoo nun espectador activo, nun vouyeur. Formaron parte do xurado deste edición do certame Emma Pedreira, Antía Otero e Luciano Rodríguez Gómez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 40 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2012. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Libro das mentiras de Emma Pedreira. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística.