Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas, gañadoras dos premios literarios Hai unha voz da Deputación de Pontevedra e Clásicas e Modernas

Desde a Deputación de Pontevedra:
“As autoras Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas son as primeiras gañadoras dos premios Hai unha voz, que a Deputación de Pontevedra promove xunto á asociación Clásicas e Moderna ao abeiro do Manifesto de Soutomaior, co obxectivo de visibilizar e impulsar o talento feminino na cultura e distinguir a pegada das mulleres no eido literario. As tres recibirán os seus galardóns, dotados con 5.000 euros cada un, na gala que se celebrará na Sala Rosalía da sede provincial en Vigo este venres, 23 de xuño ás 19.30 horas, O evento será presentado por tres das integrantes do Manifesto: Mariana Carballal, Silvia Penas e Isabel Blanco, e contará coa actuación musical de Guadi Galego.
No caso de Marilar Aleixandre, o xurado dos premios valorou a indiscutible traxectoria desta escritora, académica da RAG, autora de ensaio, novela para público adulto, xuvenil e con diversos galardóns, “sempre traballando a favor da lingua, da literatura galega e desde un punto de vista ético e feminista”, que se veu referendada co Premio Nacional de Narrativa o pasado 2022 por As malas mulleres. Este libro recolle a memoria das mulleres recluídas no cárcere coruñés da Galera e pon en relevancia o labor de Concepción Arenal e Juana de Vega.
Rexina Vega é escritora, profesora e investigadora e conta cunha sólida traxectoria como autora de narrativa e investigadora especialista na obra de Álvaro Cunqueiro. O xurado destacou os seus artigos na revista Tempos Novos e a súa participación, na curtametraxe documental Cunqueiro. A grande ilusión como unha das voces máis autorizadas para falar do autor. Amais, ao longo de 2022 contribuíu á internacionalización da lingua e cultura galegas coa súa presenza en foros de pensamento, como no webinar auspiciado pola Universidade de Kentucky sobre Álvaro Cunqueiro e congresos en Bos Aires e Varsovia, entre outros.
Pola súa banda, a dramaturga e poeta Esther Carrodeguas ten tamén unha sólida traxectoria literaria e escénica marcada polo compromiso social, o feminismo e a loita pola igualdade. Foi candidata aos Premios Max 2023 pola súa obra Supernormais, que aborda a temática da diversidade e que compaxinou con outros proxectos para colocar o teatro galego feito por mulleres no escalafón máis alto a nivel nacional e internacional. Este ano impartiu tamén un dos cursos da Escola de Letras que promoven a Deputación e a Editorial Galaxia.
Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas foron elixidas polo xurado entre un total de dezasete candidatas de distintos eidos do mundo literario, tanto escritoras como tradutoras, críticas ou libreiras, propostas tanto polas integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior como por entidades locais, culturais ou profesionais. O xurado estivo composto por Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación; a técnica deste departamento Ana Isabel Amoedo e varias integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior: Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación; Mariana Carballal, profesora, actriz e directora; Edurne Baines, periodista e editora; Isabel Blanco, avogada e escritora; Mercedes Corbillón, escritora e editora; Anna R. Figueiredo, escritora e profesora; e Silvia Penas, escritora, poeta e profesora.”

Fernando Redondo gaña o XXIII Premio Reimóndez Portela cun artigo sobre o cine galego

Desde o Diario de Pontevedra:
“O xornalista Fernando Redondo Neira foi galardoado co Premio Xornalístico Reimóndez Portela, na súa vixésimo terceira edición fallada na Estrada. O xurado concedeulle o galardón polo artigo Derivas e encrucilladas do novo cinema galego, publicado na revista Tempos Novos.
O xurado, que agradeceu a presentación dunha vintena de traballos e destacou a calidade dos mesmos, valorou do artigo gañador “a impecable redacción e plantexamento, sendo preciso e concreto, ben informado e moi documentado”.
Nesta ocasión, a deliberación correou a cargo do concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, como presidente do xurado, Victoria Reimóndez Sanmartín, Evaristo Mato Oliveira, Enrique Otero Fernández e Juan Andrés Fernández Castro, exercendo como secretario con voz pero sen voto José Manuel Bouzas Blanco.
O premio, que está dotado con 1.000 euros, unha talla conmemorativa e un diploma acreditativo, entregarase no transcurso da 32ª Feira do Moble de Galicia, concretamente o venres 21 de setembro ás 19:00 horas.
O acto, que presidirá o alcalde da Estrada, José López, e que contará coa presenza de persoeiros do ámbito cultural de Galicia, estará precedido dunha ofrenda floral a cargo do Coro Parroquial de San Miguel de Castro e será presentado pola profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do Dicionario de Literatura Galega publicado pola Editorial Galaxia, Dolores Vilavedra Fernández.”