O pleno da RAG nomea o filólogo Luciano Rodríguez académico correspondente

Desde a Real Academia Galega:
“O filólogo Luciano Rodríguez Gómez (Carracedo, A Veiga, 1951) foi nomeado académico correspondente no pleno ordinario da Real Academia Galega. O profesor honorario da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu ao longo da súa carreira unha constante actividade investigadora e divulgadora da literatura galega na que lle prestou unha atención especial á produción poética. Estudou en profundidade, entre outros autores, a Aquilino Iglesia Alvariño, a quen dedicou a tese de doutoramento, e a Miguel González Garcés ou a Xohana Torres, de quen foi editor. É ademais antólogo e tradutor da poesía galega a outros idiomas e trouxo ao galego versos de autores cataláns e casteláns como Joan Margarit, Luis García Montero e Ángeles Mora.
O novo académico correspondente licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1977. Tras impartir Lingua e Literatura Galegas en distintos institutos, dende o curso 1991-1992 foi docente na Universidade da Coruña, onde defendeu a súa tese sobre Aquilino Iglesia Alvariño. Actualmente é profesor honorario da mesma institución e colabora na docencia do mestrado de Literatura, Cultura e Diversidade da Facultade de Filoloxía. (…)”

A Coruña: presentación da Monografía 13 da Revista Galega de Filoloxía

O 1 de febreiro, ás 19:30 h., preséntase na nova sede da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36-1º), na Coruña, a Monografía 13 da Revista Galega de Filoloxía, dedicada a profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato. Estarán nesta mesa Xosé Manuel Sánchez Rei e Teresa López. As persoas interesadas en asistir poden anotarse neste formulario.

A Coruña: III Congreso As outras protagonistas da Transición, o 30 de setembro e 1 de outubro