A Coruña: actividades do 5 de agosto na Feira do Libro 2023

Compostela: actividades do 10 de xuño na SELIC 2023

A Coruña: “Urbano Lugrís. A chamada do mar”, con Antón Patiño

O 31 de maio, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, Antón Patiño ofrece a palestra “Urbano Lugrís. A chamada do mar”. Nela fará un percorrido pola vida e obra de Urbano Lugrís nas súas diferentes achegas creativas. As persoas interesadas poden reservar praza no correo electrónico acab@mundo-r.com

Rodrigo Osorio: “O libro é un ‘artefacto’ co que me pregunto que sería de Lugrís se non houbese a guerra”

Entrevista de Ana Triñáns a Rodrigo Osorio en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): En que consiste Orixe orzánica das sereas todas?
– Rodrigo Osorio (RO): É unha construción ou máis ben un artefacto que ten dúas partes, o discurso de Urbano Lugrís na RAG en 1953 e a contestación a ese discurso, e a segunda parte é un estudo da súa vida e da súa obra, que é o que asino eu como Rodrigo Osorio, mais todo é inventado.
Lugrís nunca ingresou na Academia e os dous discursos, o del e o de Leandro Carré Alvarellos, son ficticios, igual que o estudo, e a vida que se conta tamén é unha invención porque a premisa da que parte a historia, que non está claramente explícita no libro, é que non houbo golpe de Estado en 1936 e como afectou iso na vida concreta de Urbano Lugrís.
Tamén hai consecuencias accesorias, claro, unha república federal no Estado español, un presidente da Xunta xa en 1953, hai mulleres na RAG nesa altura, María Casares é a directora do Centro Dramático Nacional nos anos 70… Non habendo golpe franquista non houbo mortes nin exilio.
– ND: Como xorde a obra? Hai nela unha mensaxe ou só un xogo?
– RO: Xorde pola admiración por Lugrís, cuxa obra coñecín en 1998, nunha mostra comisariada por Antón Patiño. Tempo despois, vin vivir á Coruña e coincidín con Xurxo Souto nun obradoiro no que se fundou In nave civitas, que entre outras cousas organiza o Día Lugrís no cabodano do autor.
Unha das cousas que chama a atención é que agora a difusión da súa figura está centrada na súa faceta de pintor, pero previamente a iso tivo unha vida distinta, comeza a pintar tras o golpe de Estado e pregúntome que pasaría se non houbese guerra, se desenvolvería a súa carreira doutro modo… Máis que unha mensaxe quero transmitir un sentimento.
Cada vez que vexo como foi a nosa sociedade até 1936 sinto unha mágoa enorme porque non quixeron que seguise a ser así. Non sabemos o que tería pasado pero si que foi truncado de modo violento e brutal por non estar de acordo coa xente que actuaba con liberdade do lado da cultura e da xustiza. (…)
– ND: O discurso xira arredor das sereas e dos homes mariños, lembra a Xurxo Souto…
– RO: A influencia de Xurxo Souto é fundamental. Fago referencia a Xerónimo del Hoyo que dá fe da existencia no século XVII dos homes mariños… Iso vén directamente das historias de Xurxo. Pero o que fai Lugrís é inventar no seu discurso como é que as sereas deixan de ser o que eran en Grecia, mulleres con ás, e pasan a ter cola de peixe.
Vai buscando e inventando fontes e lendas, o mago Bren e Larma, a muller que acabou dirixindo as sereas… A ligazón dunha e doutra lenda unida á imaxinación de Lugrís que vai cobrando forma ao longo do discurso, porque tamén é escritor, de contos, de poemas… E foi fillo do seu tempo en canto á escrita, contemporáneo de Cunqueiro, de Nabokov, de Borges…
Aí está todo un xogo coa realidade e coa ficción, porque as cousas que inventamos son tan importantes como as vemos á hora de construír a realidade… Urbano Lugrís tiña iso integrado e esa foi unha das asas ás que me agarrei para armar a historia. Son, digamos, dúas historias inventadas, a que idea Lugrís e a que creo eu con Lugrís, unha dentro da outra.”

A Coruña: 10º Día Lugrís