Ourense: VII Encontro de Escritores/as de Ourense

O próximo venres 22 e o sábado 23 de outubro terán lugar, no Liceo Recreo Ourensán, o VII Encontro de Escritores/as de Ourense, continuación dos Encontros iniciados polo Clube Alexandre Bóveda e que continuaron da man de Marcos Valcárcel e da Sección de Literatura do Liceo, nunha nova xeira na que Liceo, Gremio LiterAuria de Escritores, Libreiros e Editores, e a AELG, dan continuidade e reformulación aos Encontros neste ano 2010, coa colaboración, nesta ocasión, do Círculo Poético Ourensán. Todos os escritores ourensáns de residencia, adopción ou afección están especialmente convidados a participar nas actividades previstas, que inclúen un coloquio inaugural, unha sesión musical, a librería do encontro (cunha ampla selección de temáticas e autores ourensáns), a serie de “presentacións express” de libros editados en Ourense ou de temática ourensá editados no 2010, un mercado de manuscritos, a escritura, edición e posta á venda dun libro en 24 horas (Relato Express) en complicidade co público, e un recital poético onde o protagonista será Víctor Campio. Todo o programa pode ser consultado neste arquivo: Programa do VII Encontro de escritores-as de Ourense 2010.

Esteiro (Muros): presentación de O frade das dúas almas, de Xosé Tobío Mayo

O venres 23 de xullo, ás 20:00 horas, preséntase O frade das dúas almas, de Xosé Tobío Mayo, publicado por Galaxia, no Centro Sociocultural Casa da Sociedade, en Solleiros s/n. Esteiro. Muros. Participan no acto o alcalde de Muros, Domingos Dosil Cubelo, Víctor Campio Pereiro, que recuperou o texto e prologa o libro, Teresa López, encargada da edición, a neta do autor, Ana Tobío, profesora da Universidade de Florencia, e Carlos Lema, director literario de Galaxia.

Ourense: homenaxe a Víctor Campio

Hoxe 23 de marzo ás 20:15 na Aula de Cultura da Sociedade do Liceo de Ourense a Sección de Literatura homenaxea ao poeta ourensán Victor Campio, cun coloquio arredor da súa obra na que participará ademais do autor Marcos Valcárcel e Manuel Outeiriño. O recital correrá a cargo de Teresa Devesa e Loly Conde.

Ourense: presentación do libro O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006, de Víctor Campio Pereira

O venres 28 de novembro, ás 19:00 na sala de conferencias do Centro de Desenvolvemento Caixanova (Avenida de Pontevedra 9), terá lugar a presentación do libro O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006 (Pen Clube – Arte de Trobar), de Víctor Campio Pereira. Intervirán Luís González Tosar, Manuel Outeiriño, Xesús Alonso Montero e Kamo Petrosyan (violín).

Presentación de Volverlles a palabra

A presentación do libro Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo terá lugar no Ateneo de Ourense o venres 23 de marzo de 2007 ás 20:00 hs. Intervirán: Representante do Ateneo de Ourense, Xosé Carlos Sierra (delegado da Consellería de Cultura e Deporte en Ourense), Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador da publicación), Baldo Ramos (coordinador da publicación), Xesús Alonso Montero (prologuista do libro). Lerán textos literarios: Francisco X. Fernández Naval, Chus Pato, Manuel Outeiriño, Baldo Ramos, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Manuel Vilanova e Víctor Campio.