Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do martes 8

O luns 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

12:00 h. Contacontos e presentación de Gombó e o medo á escuridade, de Ánxela Gracián, con ilustracións de Christian Villamide, publicado por Fervenza.
13:00 h. Presentación de Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans, publicado por Fervenza.
19:45 h. Presentación da novela Expedición Tilovonte, de Carlos López, publicada por Galaxia. Participa, xunto ao autor, Francisco Castro.
20:00 h. Menú de contos, con Charo Pita. No Palco da música.
20:30 h. Presentación de Vento nas velas, de Xurxo Lobato. Participan no acto, xunto ao autor, Felipe Senén e Xosé Antón Fraga.
21:15 h. Luzes contra a extinción do xornalismo. Homenaxe aos periodistas democráticos. De Víctor Casas a Luís Pita. Preséntanse Episodios galegos, de Manuel Rivas, e Diario dun repunante, de Xosé Manuel Pereiro.

“Onte 1822: Arredor das Irmandades da Fala, presentación na Coruña”, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Nun serán de galerna presentamos na Librería Sisargas da Coruña Arredor das Irmandades da Fala, o volume colectivo coordinado por Luís Cochón, cuxa edición foi apoiada polos concellos de Compostela, Coruña e Ferrol. Un acto literario brillante no que interviron, ademais do director do proxecto, os profesores Arturo Casas e Xosé Ramón Barreiro Fernández e o alcalde da Coruña Xulio Ferreiro. (…)
Arturo Casas centrou o seu discurso na figura do seu parente Víctor Casas, “na miña familia ‘o pobre Víctor’. o director do xornal A Nosa Terra, cando foi fusilado en Poio o 12 de novembro de 1936, o único liberado do Partido Galeguista”. Arturo glosou a figura do xornalista fusilado, como lembrou que o foran tamén Manuel Lustres Rivas, Xohán Carballeira e Roberto Blanco Torres, e lamentou que a pesar da súa actividade xornalística dende os vinte anos fose un perfecto descoñecido. “O seus artigos foron recollidos por Enrique Romasanta no libro Escritos políticos, publicado por Edicións A Nosa Terra, onde recolleu algunhas das súas columnas publicadas baixo o título “Do momento”, análises que teñen transcendencia hoxe, quizais por que asuntos diso que se chama España non avanzan”. Citou Casas a carta que Víctor escribiu a Gómez Román a noite antes que fose fusilado, “pedindolle que o Partido Galeguista se refundase na esquerda, o que el sempre defendía”. “Víctor Casas tamén participou na tentativa de facer un teatro nacional galego. Tiña criterio no ámbito da poesía. Foi un ideólogo importante na estratexia política do partido e, sobre todo, un xornalista”. Rematou Arturo parabenizando a Luís Cochón, “un gran director de escena capaz de montar unha obra tan interesante como a que hoxe presentamos”. (…)”

A Universidade da Coruña presenta unha edición facsímile do primeiro número d´A Nosa Terra

Desde a Universidade da Coruña:
“Para aglutinar seguidores e difundir o seu pensamento, os promotores das Irmandades da Fala lanzaron a cabeceira A Nosa Terra no remate do ano fundacional de 1916.
A Universidade da Coruña pechou o 29 de decembro a súa conmemoración do centenario das Irmandades coa publicación dunha reprodución facsimilar daquel primeiro número do boletín irmandiño.
O libro, editado polo Servizo de Publicacións da UDC, foi preparado polos profesores Uxío-Breogán Diéguez e Teresa López, co apoio e a colaboración da Fundación Penzol e da Deputación da Coruña. Xunto cos seus traballos, inclúe un texto de Víctor Casas, galeguista histórico que fora director d’A Nosa Terra naquela época.
Na presentación do facsímile, o reitor, Julio Abalde, salientou o papel determinante das Irmandades da Fala para dar un salto cualitativo na valoración da lingua galega como idioma culto e moderno.
“Os irmandiños –dixo Abalde– alicerzaron o nacemento dun galeguismo modernizador que viña acompañado dun sólido afán identitario a través non só da lingua, senón igualmente da reivindicación e posta en valor da nosa música, da etnografía, da arquitectura e das artes plásticas”.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembrou que o nacemento das Irmandades da Fala foi un “punto de inflexión” para a cultura galega e que o seu órgano de prensa apareceu axiña porque os promotores se decataron da transcendencia de contar con voceiros propios.
Sanmartín sinalou que ao longo do vindeiro 2017 a Deputación manterá viva a programación cultural arredor das Irmandades da Fala, entre outras cousas para levar a distintas vilas da provincia a exposición conmemorativa que este ano percorreu as sete principais cidades galegas.”